24 de xullo de 2009
Lectura pública na estatua de Rosalía de Castro na Alameda de Santiago de Compostela. 24 de xullo de 2009.

Vexa aquí unha reportaxe videográfica.

 

Ante a creba do proceso de restitución á normalidade do noso idioma impulsada polo actual goberno galego, que obvia así o espírito do Estatuto que lle dá sentido, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, tras pulsar o sentir dos seus asociados/as, promoveu a creación do comunicado que se xunta e que foi lido en acto público o 24 de xullo, ás 17:00, diante da estatua de Rosalía de Castro situada na Alameda de Santiago de Compostela.

A Aelg prega encarecidamente a asistencia a este acto co que se pretende transmitir á sociedade que os seus escritores/as asumen plenamente a responsabilidade que lles foi transmitida desde o Rexurdimento, e que traballan e loitan diariamente por normalizar e engrandecer un sistema literario nacido dunha lingua e dunha cultura propias, patrimonio tamén da humanidade.

 

         Presentación do Manifesto (Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Aelg)

 

Convocámonos hoxe diante da estatua de Rosalía de Castro, diante da nosa poeta nacional cuxa palabra foi fundadora da nación, para erguer a nosa voz na defensa do noso idioma, para reivindicar o dereito a vivirmos, a soñarmos o noso futuro en galego.

Pronunciámonos e seguiremos a nos pronunciar no futuro con outros colectivos sociais e culturais, pois é o tempo de voces colectivas, é o tempo da voz coral de todo un pobo que non permitirá ser negado, que non permitirá ser desposuído da súa lingua, coa que nomeamos os seres e as cousas que abrazamos.


        Mais é preciso tamén que sexa escoitada a palabra do escritor e da escritora, pois a súa escrita creadora é a depositaria da patria. Nela fomos soñados polas xeracións que nos precederon e cuxa voz chega a nós como ave atravesando os séculos. Nós, na lingua que deles herdamos, soñaremos tamén o futuro da nosa nación para as xeracións que veñan tras de nós, e deixarémoslles palabras como pedriñas brancas no chan por se as precisaren para non se perderen.

No día de hoxe, ás portas do 25 de xullo, falamos na defensa do noso idioma, pois traballamos coas palabras como o canteiro traballa a pedra, e con elas labramos a verdade e as súas augas claras. Con elas dicimos do amor ou defendemos a dignidade dos desposuídos da terra ou nos doemos se somos mancados no noso ser máis vulnerado. Con elas, pétala a pétala, abrimos a nosa lingua para que sexa alma e sexa flor e orballe lágrimas só de luz.

 

Así, man colectiva elaborou este manifesto que facemos público e que lerán unha representación dos escritores e escritoras galegos. Para comezar o noso presidente fundador, Bernardino Graña.

 

Manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega

 

 

 

¡Que a man tembrosa no papel só escriba

palabras, e palabras e palabras!

 

Señora e nai nutricia da palabra galega, vimos aquí os que por única ofrenda temos a palabra, para nos acoller na túa mirada xenerosa, aquela que alimenta o noso espírito e pon na nosa voz a verba xusta: a que berra, e protesta, e rebélase, e clama, e chía, e brada, e balborda, mais sen se laiar nin queixar, sen implorar nin pedir nin rogar porque de ti, da túa estirpe, herdamos e aprendemos o azo de nos revirar.

Porque revirados estamos contra unha xenreira que naceu en pechos corazóns contra a palabra de noso. Un odio que ameaza con derrubar o edificio que os séculos ergueron para acubillármonos como pobo e como xente.

 

Desde a AELG insistimos na importancia que, na Galiza, tivo e ten a literatura. Porque a nosa non é unha literatura xurdida da espontaneidade creativa, das vontades particulares de se expresaren por escrito xentes de pluma feliz: a nosa literatura é, ante todo, unha declaración de intencións. A nosa cultura é unha creación colectiva do pobo, unha ferramenta útil creada por labregos e mariñeiros, por costureiras e boticarios, nas aldeas e nas vilas, unha cultura que logo foi perseguida e condenada a ser identificada e estigmatizada, xunto á lingua que a nomea, como exclusiva das clases desfavorecidas, coa intención de a facer desaparecer definitivamente, e canda ela, o pobo noso e mais a identidade singular que representa.

 

Rosalía de Castro primeiro, e todos os escritores e as escritoras que despois dela ousaron reivindicar esta lingua minorizada e desprezada polo poder, elixiron asumir como propia unha identidade colectiva e ver nela a nación soñada. No noso caso, como é común nas nacións sometidas, a escrita fixo o pobo. Non só estamos hoxe a defender a lingua dos nosos maiores e o dereito a conservarmos a herdanza do pasado; estamos a defender a lingua para contribuírmos co noso oficio a que no futuro Galiza sexa.

 

 

¡Odio, fillo do inferno!,

pode acaba-lo amor, mas ti n’acabas,

mamoria que recórda-las ofensas.

Si, si,¡de ti mal haia!

 

A palabra fainos estar no mundo como o que somos, como galegos e galegas. Nin máis nin menos, nesa forma de fachenda que nace no peito cando un é, simplemente, o que é. E así alguén é no mundo porque a el pertence, e o mundo perténcelle. Por nacenza e por vocación só queremos e só podemos estar no mundo coma o que somos, coma galegos, e iso só é posíbel desde a nosa lingua. Somos escritores galegos pola palabra galega que nos define, non por ningunha outra razón.

 

E os escritores e escritoras, que tamén somos pobo traballador, sabemos da importancia da transmisión da lingua e de entendérmola como un proceso de construción partillado e consciente.

Non se pode ser galego contra o galego. Mesmo non é posíbel selo sen sentir no corazón o orgullo do idioma. Hoxe, cando o poder gobernante tenta abrir unha fenda na sociedade, esta conciencia debe defenderse máis do que nunca.

 

 

Cal si na infamia naceras,

torpe, de ti se avergonza,

i a nai que un fillo despresa

nai sin corasón se noma.

 

Escoitamos voces que, desde os propios lugares onde se agardaría que soasen as chamadas á protección, defensa e uso da nosa lingua, bradan, no entanto, ao mundo o seu desprezo. E fan todo canto alcanzan por borrala de nós, dos nosos fillos e fillas, furtándolles o dereito a nomear, que é o dereito a crear, a facer posíbel a existencia do bidueiro, do ouriol, do lóstrego, do trono, do soño…

 

Un soño negro que tolda as nosas noites, ese soño en que os nenos e as nenas medrarán ausentes da voz que os xerou, que os fixo fillos dunha terra, andantes dos seus camiños, soñadores dos seus versos. Que gañan con iso máis aló de faceren vencer o odio alí onde debía reinar a harmonía? Xente capaz de facer nacer unha guerra contra as palabras, as mesmas que teceron os máis fermosos cantos de amor, os cantos que ligaron para sempre a palabra amor coa palabra amigo, os dous máis poderosos antídotos para o veleno do odio e da xenreira. U‑lo o gaño, u‑lo o orgullo de dicir: “o meu fillo non sabe”? Que se pode agardar daqueles que celebran a ignorancia?

 

O galego non se impón; restitúese. A defensa do galego atinxe, sen dúbida ningunha, as persoas que recibiron o galego desde a primeira infancia, mais tamén, con todo o dereito, as criadas en español ou en calquera outra lingua que asumiron un día, nun exercicio de decisión que non tiña nada de oportunista e si moito de solidario, que era en galego como se querían construír. Para nos solidarizarmos cos desfavorecidos, para denunciarmos un proceso histórico de dominación, para berrarmos contra todas as opresións que teñen lugar no planeta, moitos galegos e galegas de nación estabelecemos coa lingua un pacto de fidelidade.

 

 

Meses das tempestades,

imaxen da delor

que afrixe as mocedades

i as vidas corta en frol.

 

Nada hai no mundo máis novo, máis recente, máis moderno ca unha lingua viva, vivida, falada. E nada hai no mundo máis antigo, máis decadente, máis morto e podre que o sentimento de desprezo pola diferenza. Cada lingua do mundo é unha flor que naceu para facer máis grande e máis largo o universo. Para enchelo co arrecendo das súas palabras únicas, porque só con elas cadaquén expresa os sentimentos que acubilla a súa alma. Por iso cada lingua é a medida do mundo enteiro, porque con ela vaise a todas partes e en todas partes é útil a bagaxe de sentimentos que transporta no corazón de cada falante. Non cortar esa flor significa permitir que o mundo se pareza a un xardín. Arrincala é axudar a medrar o deserto.

 

Todos os falantes conscientes somos aprendices. Con máis ou menos recursos, todos loitamos por nomear o mundo procurando limpar o noso galego de tantas formas foráneas, por devolvermos as vellas palabras esquecidas, por mantermos as construcións antigas que xa din só os avós, por recuperarmos os nosos apelidos, os nomes dos nosos lugares, por ensancharmos o campo de usos do galego falándoo e escribíndoo para actividades prestixiosas, para a investigación, a tecnoloxía e o lecer, coa mesma naturalidade con que o coñecemos para as actividades domésticas ou para os labores agrarios. A lingua non nos veu unicamente, logo, da familia de nacemento, nin sequera no caso dos que levan desde o nacemento falándoa, senón que é unha relación escollida... coma a amizade..., coma o amor.

 

 

¡Como venden a carne no mercado.

vendeute o xurafás!

 

Apoiamos a restitución histórica do que nunca nos debera ser subtraído porque aceptamos que moito perdemos todos os seres humanos cada vez que se relega unha forma de contar a realidade, unha lingua, para se render á hexemonía das linguas máis poderosas e máis faladas do planeta. Moi miserábeis seremos de deixarmos precisamente a nosa ficar muda no camiño do progreso.

Reivindicarmos unha maior presenza do noso idioma, defendermos a súa aprendizaxe e coñecemento, non responde a intereses particulares senón a unha intención ética de compromiso contra toda lóxica de dominio. Por iso queremos galego para nós e para @s que veñan despois. Mesmo queremos galego para @s outr@s. Reducirmos o galego no ensino até ficar no anecdótico, minusvalorarmos o seu coñecemento para exercer na administración, é adoptarmos unha óptica de colonizados dispostos a traballar canto cumpra para patrón alleo. Se o galego non asume un papel fundamental en todos os niveis educativos, @s fill@s dos outros, dos que hoxe aceptan pregarse ao español, ao inglés ou a calquera outro xigante, xa non terán na súa man a posibilidade de libremente decidir, de seren mañá galegos e galegas conscientes.

 

Por iso, señora da nosa voz, da nosa palabra e do noso alento, estamos aquí para nos conxurar en loita contra quen queira varrer a nosa palabra. Para mostrar a nosa fortaleza, para asegurar que nunca faltará un home, unha muller que lle cante e fale aos fillos, aos netiños, na nosa lingua, que o faga co agarimo de quen transmite un ben valioso e coa rabia de quen se resiste a perecer, esa rabia da que nace a paixón e a loita. Como dixeches ti, xa vai para cento trinta anos:

 

Si, si, rabear ben forte,

mas ca rabia picante e aguilloeira

que é salsa apetitosa das paixoes.

 


 

Adhesións de Socios/as da Aelg:

 

        1. Afonso Becerra de Becerreá
        2. Alfonso Álvarez Cáccamo
        3. Alfredo Ferreiro
        4. Ana Arias Saavedra
        5. Ana Pérez Cerviño
        6. Anselmo López Carreira
        7. Antía Otero
        8. Antón Grande
        9. Antón Reixa
        10. Antón Riveiro Coello
        11. Antonio Reigosa
        12. Antonio Yáñez Casal
        13. Anxo Gómez
        14. Aurora Marco
        15. Avelino Pousa Antelo
        16. Baldomero Iglesias Dobarrio
        17. Beatriz Dacosta
        18. Begoña Paz
        19. Bernardino Graña
        20. Bieito Iglesias
        21. Calros Solla
        22. Carlos Caetano Biscaínho Fernandes
        23. Carlos Fontes
        24. Carlos L. Bernárdez
        25. Carlos Mosteiro
        26. Carlos Quiroga
        27. Carmen Mancebo
        28. César Morán Fraga
        29. Cesáreo Sánchez Iglesias
        30. Chelo Suárez
        31. Cipriano Luís Jiménez Casas
        32. David Otero
        33. Diana Varela Puñal
        34. Dores Tembrás
        35. Elvira Riveiro
        36. Emma Couceiro
        37. Esperanza Mariño
        38. Estíbaliz Espinosa
        39. Eulalia Agrelo
        40. Euloxio R. Ruibal
        41. Eva Moreda
        42. Eva Veiga
        43. F. R. Lavandeira
        44. Farruco Graña
        45. Fidel Vidal
        46. Fina Casalderrey
        47. Francisco Carballo
        48. Francisco Castro
        49. Francisco Xosé Fernández Naval
        50. Gustavo Pernas
        51. Helena Villar Janeiro
        52. Inmaculada López Silva
        53. Isabel Mociño González
        54. Isidro Novo
        55. Jorge Emilio Bóveda
        56. Justo G. Beramendi
        57. Ledicia Costas
        58. Lois Diéguez
        59. Luís G. Soto
        60. Luz Pichel
        61. Manuel Rivas
        62. Manuela Álvarez Lozano
        63. Marcelino Fernández Mallo
        64. Marcos S. Calveiro
        65. Margarita Ledo Andión
        66. María do Carme Kruckenberg
        67. María dos Anxos González Refoxo
        68. María Lado
        69. María Reimóndez
        70. María Xosé Queizán
        71. Marta Dacosta
        72. Marta Neira
        73. Mercedes Queixas Zas
        74. Olga Patiño
        75. Óscar de Souto
        76. Paco Martín
        77. Paco Souto
        78. Ramón Caride
        79. Ramón Nicolás
        80. Rexina Vega
        81. Román Raña
        82. Rosa Aneiros
        83. Silverio Cerradelo
        84. Sulma Arias
        85. Tareixa Roca
        86. Teresa Moure
        87. Toño Núñez
        88. Vicente Piñeiro
        89. X. C. Domínguez Alberte
        90. X. H. Rivadulla Corcón
        91. X. M. Eyré
        92. Xabier DoCampo
        93. Xabier López López
        94. Xabier Paz Canalejo
        95. Xaime Manuel Requeixo Souto
        96. Xavier Queipo
        97. Xavier Seoane
        98. Xerardo Méndez
        99. Xesús Constela
        100. Xesús González Gómez
        101. Xesús Manuel Marcos
        102. Xoán Neira López
        103. Xoán R. Cuba
        104. Xoán Xosé Fernández Abella
        105. Xosé Estévez
        106. Xosé María Álvarez Cáccamo
        107. Xosé Vázquez Pintor
        108. Xulián Maure
        109. Xulio L. Valcárcel
        110. Yolanda Castaño