Do 28 de novembro de 2009 ao 29 de novembro de 2009
A Aelg participou coa iniciativa Lecturas compartidas.
Foto da actividade

Este ano non foi posíbel renovar o éxito do pasado CULTUR.GAL. Malia todo, o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña organizaron unha alternativa da cultura galega que, comunmente, estamos a construír, e que tomou o nome de ACHEGARTE e que tivo lugar en Palexco, na cidade d´A Coruña, o 28 e 29 de novembro.
En ACHEGARTE estiveron presentes con posto propio máis de 60 empresas, asociacións profesionais e institucións que impulsan a creación cultural en Galiza nos diferentes sectores da industria cultural.

A AELG, e nesta convocatoria como un compromiso especial, quixo participar nesta iniciativa, que tratou de dar pulo e visibilidade á cultura que se fai en Galiza e en galego. Unha festa/feira onde tiveron cabida as artes escénicas, as novas tecnoloxías, o audiovisual, o libro, a música...
A AELG tivo un posto no ACHEGARTE, e organizou "Lecturas compartidas":

-Gravacións de diferentes autores e autoras da AELG, que nos contaron os proxectos de creación que nese momento estaban a realizar ou que remataron recentemente.

-Participación nunha lectura continuada: no recinto da Feira dispúxose dun espazo dende o que @s escritores/as da AELG pudieron ler, recitar ou contar. Ao longo dos dous días de duración de Achegarte sempre contamos coa figura do escritor, da escritora e da súa palabra.

Vexa aquí o programa.

Os/As visitantes puideron tamén coñecer todo o labor editorial da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Puideron recoller gratuitamente os carteis que se editaron en colaboración coa Consellaría de Cultura e Deporte para cumprir cun dos obxectivos desta Asociación: contribuír á visualización social dos nosos escritores e escritoras.

Aqueles escritores/as (non só de escrita creativa, tamén ensaística, xornalística...) interesados/as en formar parte da Asociación puideron recoller a documentación necesaria para solicitar a súa alta.

Vexa aquí as conclusións da Presidencia da AELG.