Co patrocinio de:
Estadía das escritoras Helena González e María Reimóndez no congreso “Saíndo da nación”.
Durante o congreso “Saíndo da nación: máis aló do nacional na produción galega contemporánea”, na súa xornada inaugural na Universidade de Liverpool, tivo lugar unha mesa redonda baixo o nome “De produtos e etiquetas: Autoras, crítica e sistema”. A mesa redonda ficou configurada por Helena González (profesora de literatura na Universitat de Barcelona), María Reimóndez (novelista, tradutora e intérprete), María do Cebreiro (poeta e profesora de teoría da literatura na Universidade de Santiago de Compostela) e Helena Miguélez Carballeira (directora do CEG en Gales e do Departamento de Español na Universidade de Bangor). O evento, que foi presentado polas conferencias introdutorias de María Reimóndez e Helena González, foi un dos momentos máis emblemáticos do congreso, dando lugar a un animado debate sobre a denominada “escrita de mulleres”, o papel da crítica feminista, ou casos máis concretos coma o recente fenómeno Herba moura, de Teresa Moure.
Alén disto, o día 20 de marzo María Reimóndez participou noutra mesa redonda titulada “Na busca da voz propia: Diálogos entre a escrita e a crítica feminista en Galicia.”
Con motivo da celebración deste congreso sairán dúas publicacións, unha na Colección Universitaria de Xerais a finais de 2009 e un número especial do Boletín de Estudos Hispánicos de xaneiro de 2009.
A presenza da profesora e escritora María do Cebreiro no congreso enmárcase na súa estadía, da que foi pioneira, nun programa de intercambio de escritores galegos/as coa Universidade de Bangor, en Gales (Gran Bretaña), promovido polo Centro de Estudos Galegos de Gales e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) coa colaboración da S. X. de Política Lingüística e a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo: a iniciativa "Escritores/as en Residencia".
Nunha conferencia de prensa, María do Cebreiro, xunto coa promotora do programa e membro do Centro de Estudos Galegos de Gales, Helena Miguélez, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez; e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López explicou a iniciativa e salientou a necesidade destas propostas para "internacionalizar" a cultura galega.
Sumando "converxencia (como a aproximación de plans de estudos implantada por Boloña nos países europeos) e diverxencia", diversidade cultural en Europa, María do Cebreiro lembrou a necesidade de introducir "máis escritores" nas universidades, tanto nas ramas de ciencias coma nas de humanidades nas facultades.
Para Cesáreo Sánchez, o programa cumpre cunha función normalizadora e "aumenta a realidade lingüística", ao tempo que serve para que os escritores galegos estabelezan relacións persoais con outras culturas. Maior visibilidade para os creadores galegos no campo internacional, que Helena Miguélez agarda que se converta "en algo habitual", que o programa se repita cada ano.
María do Cebreiro estivo en Bangor dende o 18 de febreiro ata o 19 de marzo.