Os/as Socios/as da Aelg contan con novo persoal para acelerar o proceso de dixitalización dos materiais para o Centro de Documentación.
Foto da actividade

Os socios/as da Aelg van dispoñer desde xa e nos próximos meses de dúas persoas para acelerar o proceso de dixitalización dos materiais para o Centro de Documentación da Web da Asociación.
O Centro de Documentación de Escritores Galegos nace co obxectivo de conservar e pór á disposición dos investigadores/as e de todas as persoas interesadas desde todas as culturas, cun acceso áxil desde a rede, aqueles materiais xerados polos escritores e escritoras en lingua galega, así como a súa actividade social: obra de creación e de investigación, obra crítica e calquera outro tipo de documentación que poida enriquecer o coñecemento do feito literario en galego.

De modo que é unha boa ocasión para encher ou completar os respectivos espazos dos que cada socio/a dispón na web da Aelg para dar a coñecer o seu labor literario:

- unha autobiografía,
- unha fotografía recente,
- a túa bibliografía completa,
- unha antoloxía de textos que queiras poñer a disposición de quen acceda á páxina,
- unha mostra de obra traducida, se for o caso,
- calquera outra documentación, en calquera idioma, que consideres oportuno divulgar na sección que chamamos "Documentación sobre o/a autor/a" (críticas, reseñas en prensa, entrevistas, artigos, documentación gráfica, prólogos e  presentacións de obras...) 

A documentación dos escritores e escritoras da AELG ficará depositada nun arquivo especial creado para a ocasión na Real Academia Galega.


Os socios/as poden remitir esta documentación en papel ou en formato dixital (por razóns prácticas é preferible este último, xa que así se axiliza moito o proceso  –documentos de procesadores de texto, arquivos en formato pdf, fotos dixitais, documentos escaneados...—), por correo electrónico (oficina@aelg.org), ou en Cd/Dvd/disquete, por correo postal ao enderezo do local da Aelg (abaixo indicado), acompañando unha breve descrición da orixe dos documentos.

Animámosvos a participar neste proxecto de vital importancia para a difusión da nosa literatura dentro e fóra das nosas fronteiras.