A feira de Carballo foi, o pasado domingo 12 de marzo, o punto de partida dunha iniciativa que pretende difundir a obra dos autores galegos en grandes concentracións de xente.
A iniciativa, coa que non só pretenden popularizar a obra dos creadores, senón tamén de facelos visibles para a sociedade, estenderase a toda Galicia, chámase Biblos Difusión.
Xurdiu pola traballo da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Galiza Nova de Bergantiños e o Biblos Clube. Naceu na feira de Carballo, á que acudiron dez escritores. «Se a xente non se achega á literatura, pois achegámonos nós á xente», explicaba a autora María Canosa Blanco.
Estableceron tres maneiras de aproximarse ao público. No xardín, na beira dos postos dos froitos da horta, ergueuse unha carpa, na que todos os que se achegaban a ela participaban en xogos: unha sopa de letras, un dameiro, completar uns versos... Pasaron ao redor de trescentas durante a mañá, e os que xogaban ben marchaban contentos e cuns libros de agasallo. Todos, sen distinción, levaron un folleto de catro páxinas co relato Amor ás cegas, de Francisco Fernández Naval, incluído no libro Sete noites e un amencer: unha parella de invidentes é a protagonista desta historia, pero nos pasos seguintes da campaña «irán aparecendo novos textos de recoñecidos escritores e escritoras, con especial atención aos creadores da bisbarra, que se repartirán de forma gratuíta entre as xentes que acudan ás principais feiras da zona», engaden.
A outra maneira de achegarse á xente era o reparto desa folla a pé de mercado. Ofrecéndoa directamente a paseantes, mercantes e visitantes. O propio Fernández Naval colaborou, moi ledo pola acollida. E con anécdotas tamén: «Algúns, cando vían que o folleto poñía Biblos, pensaban que era algo da Biblia. E dicían, ¡iso é da igrexa dos protestantes!», explicaba divertido. «Algo protestantes si que somos, porque protestamos moito», engadiu Tucho Calvo, de Biblos.
A terceira vía foi a máis achegada de todas. Os escritores tiñan que participar nun xogo: dispersarse pola feira para ver quen os coñecía. O que máis autores ollase, non tiña máis que ir á carpa da organización para dicir cantos contara e participar no sorteo dun bo lote de libros.
Malia todo, a experiencia, primeira en Galicia deste tipo desde os anos vinte, encantoulle aos autores. «É un contacto por inmersión, e de paso a ver se apaño unhas cebolas», confesaba Yolanda Castaño antes de, efectivamente, mercalas.
Cando todos marcharon, deixáronlle un feixe de folletos a Alfredo Brañas, sedente e de bronce na rúa Coruña, para que seguise repartindo.
Para ver o folleto: