Na Aula de Graos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña foi presentado o caudal de melloras acadadas no Centro de Documentación de Escritores e Escritoras Galegos/as, ao abeiro dun convenio asinado entre a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Consellaría de Innovación e Industria.
O acto, que tivo lugar no Salón de Graos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (Campus de Elviña), o 24 de outubro, ás 10:30; contouse coa presenza do Conselleiro de Innovación e Industria, Sr. D. Fernando Xabier Blanco Álvarez, do Vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación, Sr. D. Luís Caparrós Esperante, do Presidente da Asociación de Escritores, Sr. D. Cesáreo Sánchez Iglesias, e da investigadora do Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña, Sra. Dona Ángeles S. Places.
Fernando Blanco destacou que as institucións deben apoiar aquelas iniciativas que xera a sociedade encamiñadas a implantar as novas tecnoloxías, polo que felicitou a Asociación de Escritores por levar adiante este proxecto de visibilización a través da rede dos nosos escritores e escritores e da nosa lingua e cultura.
Cesáreo Sánchez Iglesias agradeceu a colaboración da Consellaría e insistiu na idea de que esta inversión revertirá non só na expansión da literatura galega no mundo, senón tamén na economía do país, pois defendeu que, como en Inglaterra ou Irlanda, as figuras literarias do noso país poden converterse en pólos de atracción turística.
A finais do pasado ano 2005, a Asociación de Escritores en Lingua Galega presentou publicamente o seu novo portal web mellorado e acrecentado coa posta en marcha do Centro de Documentación dos Escritores e Escritoras en Lingua Galega, que naceu co obxectivo de conservar e pór á disposición dos investigadores/as e de todas as persoas interesadas desde todas as culturas, aqueles materiais xerados polos escritores e escritoras en lingua galega, así como a súa actividade social: obra de creación e de investigación, obra crítica e calquera outro tipo de documentación que poida enriquecer o coñecemento do feito literario en galego. É por iso que o Centro de Documentación de Escritores e Escritoras da AELG é o lugar en que se recolle toda a información e documentación depositada polos escritores/as, e que será procesada para poder dispor dunha ampla fonte documental á que ter acceso áxil desde a rede.
Ademais da incorporación do Centro de Documentación , o portal web da AELG foi mellorado co desenvolvemento dun entorno de administración para o mantemento e xestión dos seus contidos, así como con un novo Espazo Didáctico, que permite poñer á disposición da comunidade educativa os contidos xerados pola experiencia da didáctica da creación literaria dos socios e socias da Aelg.
Este ambicioso proxecto, longamente arelado pola Asociación de Escritores, e cuxo enriquecemento segue a ser prioritario ao longo deste 2006, sufriu un impulso exponencial en canto a contidos, á súa organización e posibilidade de acceso a través dun sistema de busca, e número de visitas (a día de hoxe, 24 de outubro de 2006 xa se superaron as 270.000) grazas ao convenio que para a promoción da Sociedade da Información como base para a modernización da industria e a sociedade galegas, esta asociación asinou coa CONSELLARÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información.
Así mesmo, esta Asociación de Escritores en Lingua Galega ten asinado coa Consellaría de Innovación e Industria un Protocolo de intencións que guía a posibilidade de que esta colaboración continúe ao longo do tempo, o que mostra a determinación da Consellaría en apoiar este proceso de posta en valor do sistema literario galego a través das ferramentas da Sociedade da Información.