A colección Poeta en Compostela, que editou a Concellaría de Cultura de Compostela xunto ao xornal El Correo Gallego, coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foi unha iniciativa que naceu en outubro do 2004 co obxectivo de achegar a poesía a un amplo público, a través da distribución gratuíta co xornal. Na colección inclúense obras contemporáneas, tanto de autores e autoras naturais de Santiago coma doutros/as que crearon toda ou parte da súa obra na cidade, e pódense ler desde textos de escritores consagrados ata versos de xente nova pero cunha ampla experiencia poética, sendo Compostela a protagonista ou o escenario de moitos deles.
A colección acolleu títulos de autores e autoras de diversas xeracións, con poemarios que representan novidades literarias na traxectoria do autor/a, antoloxías persoais, ou reedicións de títulos emblemáticos ou esgotados. A AELG colaborou co proxecto co-organizando e difundindo as presentacións en forma de recital poético das diferentes entregas (normalmente, o primeiro xoves de cada mes, día en que se entregaba o libro co xornal) e asesorando na proposta dos nomes de poetas que acollería a colección, valorando o protagonismo deste espazo nos seus versos, ou a vinculación da súa traxectoria poética e/ou vital á mesma, e apostando, ademais, por un nómina heteroxénea e interxeracional, o que permitiu ofrecer un amplo abano de propostas literarias. Foron as seguintes:
1. Poemas a Compostela, de Manuel María
2. Crear o mar en Compostela, de Marta Dacosta,
3. Tempo de Compostela, de Salvador García-Bodaño
4. Cabeleira de pedra, de Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro
5. no ventre da balea, de Rafa Villar
6. Pornografía, de Lupe Gómez
7. Se o noso amor e os peixes, de Bernardino Graña
8. Berlín, de María Lado
9. O libro dos amados, de Antón Lopo
10. O barrio das chinesas, de María do Cebreiro
11. O rumor distante, de Cesáreo Sánchez Iglesias
12. Areados, de Estevo Creus
13. Love me tender. 24 pezas mínimas para unha caixa de música, de Ana Romaní
14. Itinerarios, de Eduardo Estévez
15. Delicia, de Yolanda Castaño
16. as laranxas de alí babá, de Carlos Negro
17. Aquí (intemperies), de Olalla Cociña
18. Pegadas, de Xavier Queipo
19. Aracne 3, de Helena de Carlos
20. Abecedario das árbores, de Marilar Aleixandre, que pechou a colección en 2006.