Unha das iniciativas impulsadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega á hora de denunciar o grave drama ecolóxico, político, económico e social que padecimos e padecemos neste ano de mareas negras, celebrouse o día 1 de febreiro no Salón de Actos do Instituto Eusebio da Guarda (A Coruña). Tratouse dun maratón de lectura de textos do mar e para o mar, que, durante 10 horas seguidas (dende as 9:00 hs. até as 21:00 hs.), alentaron coas súas voces persoeiros da cultura galega vidos dende diferentes puntos do noso país. Arredor de 60 músicos, teatreiros, artistas plásticos, biólogos, profesores e maiormente escritores leron os seus textos propios ou alleos, de todos os xéneros literarios, da literatura universal e de todos os tempos lidos en galego, relevándose de maneira continuada.
Os participantes, por orde de intervención, foron:
Xulio López Valcárcel, Rafa Villar, Marta Dacosta, Chisco Fernández Naval, Lino Braxe, Carlos Ramos, Pilar Pallarés, Miguel Miragaia, Francisco Castro, Miguel Sande, Manuel María, Ánxela Abalo, Gustavo Pernas, Xoán Neira, Marga do Val, Camilo Franco, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Xosé María Álvarez Cáccamo, Celso Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Fran Alonso, Henrique Rabuñal, Xosé Abeal, Euloxio Rodríguez Ruibal, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Lisardo López, Alexandre Ripoll, Paco Souto, Marica Campo, María Pilar García Negro, Vicente Reboleiro, Manoel Riveiro Loureiro, Xosé Manuel Cairo Antelo, Miguel Castelo, Amalia Gómez, Miguel Anxo Fernán Vello, Pepe Carballude, Teresa Seara, María Sánchez, Xosé Vázquez Pintor, Rosa Aneiros, Antón Sobral, Bieito Romero, Xacobe Santos, Estíbaliz Espinosa, Xosé Manuel Martínez Oca, Emma Couceiro, Xurxo Souto, Heidi Künh Bode, Corral Iglesias, Luísa Villalta, María Dolores Pereira, Olga Patiño, Merche Antón, Eduardo Estévez, Olivia Rodríguez, María do Carme Kruckenberg, Estevo Creus, Cesáreo Sánchez Iglesias, Yolanda Castaño e Luz Pozo Garza.
Por ser este o ano que se lle adica ao xenial autor noiés, este acto levou como título un dos seus inesquecibles versos: "Alma de beiramar perdida" (Antón Avilés de Taramancos) que titularía, tamén, o libro colectivo editado pola AELG, en colaboración con Edicións A Nosa Terra, coma un berro unánime das nosas letras en contra da marea negra.
A fin de ampliar e difundir o acto, e co obxectivo de convertir este maratón nun acto simbólico de repercusión nacional, no que se demostrase que as palabras aínda poden mover as conciencias, rescatar as verdades e animar os ánimos, a AELG ofreceu unha rolda de prensa o día 31 de xaneiro, dende o auditorio da Biblioteca Miguel González Garcés (A Coruña).