Do 18 de abril de 1986 ao 20 de abril de 1986
Convocado pola AELG, AS-PG, Federación de AA. Culturais Galegas e apoiado pola Associaçom Galega da Língua.

 

ENCONTRO 

ESTADO ACTUAL DA

NORMALIZACION LINGUISTICA

(ANALISE DA POLITICA OFICIAL E ALTERNATIVAS)

 

CELEBRADO EN

SANTIAGO DE COMPOSTELA

18-19-20 DE ABRIL DE 1986

 

Convocado por:

ASOCIACION DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA

ASOCIACION SOCIO-PEDAGOXICA GALEGA

FEDERACION DE AA. CULTURAIS GALEGAS

 

E apoiado por:

ASSOCIAÇOM GALEGA DA LINGUA

 

 

CONCLUSIÓNS

 

OS 487 ASISTENTES AO ENCONTRO, REPRESENTANTES DOS DIVERSOS CAMPOS: ENSINANTES, TRABALLADORES DA CULTURA, FUNCIONARIOS, TRABALLADORES DOS MEIOS DE COMUNICACIÓN, DA ADMINISTRACIÓN, ETC, APROBARON AS SEGUINTES ANALISES E ALTERNATIVAS QUE A CONTINUACIÓN SE EXPOÑEN DESGLOSADAS POLAS DISTINTAS COMISIONS NAS QUE SE DIVIDIU O ENCONTRO.

  

 AREA DO ENSINO

As valoracións da situación da normalización na que vive hoxe o ensino que se aprobaron foron as seguintes:

A/ ADMINISTRACION EDUCATIVA.— Segue a usar maioritariamente o español, especialmente nas Delegacións e Inspeccións. O uso do galego pola Consellaria ten matices de claro oportunismo e segue a ser unha prática folclórica e diglósica.

B/ PROFESORADO.— A suavización, que non desaparición do conflito lingüístico aberto e a inércia da rotina paralisaron ou ralentizaron a incorporación de novos ensinantes á prática norrnalizadora. Nota-se, sen embargo, unha disminución dos prexuízos anti-galegos que serian superábeis para a maioria se houbese unha presión clara da Administración a favor da implantación do galego como língua normal do ensino.

Na preparación dos ensinantes en activo no coñecemento do galego, ve-se nidiamente que non existe esa vontade política; seleccionan-se a dedo como profesores dos cursiños a persoas cunha traxectória ben definida da prática bilíngüe, suprimen-se todas as referéncías ao conflito lingüístico real que hai no país, e a aprendizaxe faise a partir do español perpetuando intencionalmente a dependéncia do galego ante o español.

En semellante situación de depéndencia do español se atopa a especialidade de Filoloxia Galego-Portuguesa que, ademais de non ser unha Faculdade independiente, rexe-se por uns critérios filoloxistas e normativistas ignorando a situación social da língua.

A formación de novo profesorado nas Faculdades e Escolas Universitárias é desgaleguizadora e allea aos intereses de Galiza.

C/ MATERIAIS E LIBROS DE TEXTO,— Constata-se a escasez e inadecuación destas ferramentas básicas de traballo no ensino. Os libros de texto de galego están feitos, na sua maioria, desde unha óptica dependente do español e teñen unha aprobación oficial sen nengunha garantia do respeito pola nosa língua.

D/ ALUNOS.— Aceitan en xeral, que o ensinante exerza engalego; bótase de menos a coordenación de esforzos entre os alunos e os ensinantes galeguizadores.

As represións que seguen a sofrer os alunos polo uso do noso idioma, son, na maioria dos casos, encobertas ainda que non por iso menos eficaces

Segue avanzando o proceso de desgaleguización entre os máis novos como se constatou nos estudos apresentados no ENCONTRO sobre un centro da Coruña e sobre a comarca de Verin.

ALTERNATIVAS

1) Consideracións prévias:

a) A escola non é unha illa dentro da sociedade; o proceso de normalización no ensino depende do proceso global que se dé na vida social, económica e política.

b) Os sectores que tradicionalmente loitaron e loitan pola normalización, seguen a ser un factor decisivo no proceso.

c) O proceso de normalización na escola non se pode deixar só a iniciativas individuais ou colectivas destes sectores comprometidos, senón que debe ser asumido pola Administración e apoiado coas medidas oportunas.

2) Medidas a tomar

As medidas que consideramos mínimas e realizábeis a curto prazo (próximo curso) para que se inície con seriedade o apoio da Administración ao proceso de normalización, son as seguintes:

I) Qué no próximo curso se imparta, como mínimo, o 25% de todo o ensino en galego; nos centros en que este obxectivo estéxa logrado, o novo obxectivo será, para o vindeiro curso, o 50%. Nestas procentaxes non se inclue, claro está, a asignatura de Língua e Literatura Galega.

II) Que o idioma de toda, absolutamente toda, a Administración educativa en Galiza, sexa o galego en exclusividade

III) Formación de equipos en todos os Centros que dinamicen e apoien o proceso normalizador; recoñecimento a efeitos laborais das horas ocupadas neste labor. Supresión do actual sistema de cursiños de galego que constituen unha rede caciquil máis preocupada en implantar a política lingüística da Xunta que en capacitar seriamente aos asistentes e incorporá-los á prática galega.

IV) Que se faciliten, como máis tarde a inícios de septembro, dados pormenorizados e reais dos ensinantes con prática galega.

V) Que todas os ensinantes que exerzan en Galiza teñan un domínio real da língua tanto oral como escrito. Que a asignatura de galego se faga desde unha óptica galega sen dependéncias e sumisións ao español.

VI) Garantia de poder usá-lo e promoción do uso do galego polos alunos. Que se persigan as represións especialmente na Selectividade, Oposicións, etc.

VII) Aumento da calidade e cantidade do material didáctico en galego sen discriminacións editoriais, ideolóxicas ou normativas. Promoción e introdución de material didáctico portugués para subsanar as caréncias que actualmente hai e por ser unha garantia de protección da nosa prática lingüística.

VIII) Galeguización do curriculum; que as disciplinas de Xeografia e Historia se fagan desde unha óptica galega non dependentes nen inmersas no ámbito español. 

IX) Desaparición de todo tipo de represión por motivos de normativa.

X) Galeguización dos curriculos de preparación de novos ensinantes. Criación dunha verdadeira especialidade de Galego-Portugués sen servidumes nen dependéncias da Filoloxia Española cuns contidos axeitados (releváncia da sócio-lingüística, literatura e cultura nacionais, etc). Criación da especialidade de Filoloxia Galego-Portuguesa nas Escolas Universitárias do E.X.B.

AREA: MEDIOS DE COMUNICACION

I. PRENSA

1. Pode-se constatar un descenso na porcentaxe do uso da língua: 1975: un 7,5%; 1986: un 3,2%. Este descenso debe-se a:

a) Descenso da presión social.

b) Relaxación do comportamento lingüístico de grande parte dos profisionais.

c) Un nefasto ou inexistente labor institucional.

d) A política represiva xeneralizada de determinadas empresas periodísticas.  

2. A iniciativa institucional caracterizou-se por:

a) Falta de apoio significativo e real aos meios de comunicación que empregan como língua veicular o galego (apoio menor ainda que o emprestado ás asociacións de tipo coral).

b) Discriminacións na política de prémios e subvencións (p.e.: caso de A Nosa Terra).

c) Ineficaz ou inexistente presión sobre os xornais instando-os ao uso progresivo da língua.

3. Propostas:

3. 1 Derogación do actual decreto de Axudas á Prensa polo uso do galego.

3. 2 Elaboración dun novo decreto baseado en:

a) Aumento das axudas aos meios que empregan o galego como única língua veicular.

b) Axudas só aos meios que utilicen o galego en máis do cincuenta por cento da sua publicación. 

c) Que a porcentaxe de axudas sexa inversamente propocional á da tirada.

d) Rexeitamento dos prémios e da publicidade como forma de subvención.

e) Igualdade de trato perante a publicidade institucional.

f) Rexeitamento da política de censura e discriminación normativa.

3. 3 Instar aos meios de comunicación para que respeiten a língua dos comunicados, notas e entrevistas que se envien ou se fagan orixinariamente en galego. Ao mesmo tempo solicitar das asociacións culturais, sindicatos, partidos políticos e todas aquelas organizacións e persoas comprometidas coa normalización, que fagan expresa a sua vontade de que a língua que empregan eles sexa respeitada.

II. MEIOS AUDIOVISUAIS

1. Pode-se constatar: 

a) A inadecuación do comportamento lingüístico nas entrevistas, nos contextos de interlocutor castelán-falante. 

b) Desatención ao critério lingüístico na política de contratación de persoal (fonética castelá na meirande parte dos presentadores, locutores e dobradores).

No caso da TVE en Galiza, esta desatención é total (comportamento lingüístico, preparación do persoal, etc).

c) Inclusión de espazos publicitários en español na TVG.

d) Discriminación de persoas vencelladas a ideas lingüísticas non coincidentes coas teses oficiais.

e) Dobraxe inecesária de filmes portugueses e brasileiros.

2. Propostas:

a) Uso exclusivo do galego nos meios de comunicación públicos (publicidade incluída).

b) Atención especial á idoneidade lingüística dos locutores, entrevistadores e dobradores.

c) Cesamento dos dobraxes de filmes brasileiros e portugueses.

d) Non discriminación de nengun sector cultural do país nos meios de comunicación.

e) Invitación aos concellos para que desenvolvan experiéncias no campo da información radiofónica con intención galeguizadora.

f) Legalización de todas as emisoras.

AREA: ADMINISTRACION

I. FUNCIÓN PÚBLICA

1. Constatación das dificuldades de levar un labor normalizador por parte dos Concellos por falta de apoio.

2. Grandes problemas para imprimir os formulários en galego polos elevados custos.

3. Falta de vocabulários telemáticos.

4. Falta dunha linguaxe administrativa galega.

5. Esixir que se efectivice o uso exclusivo do galego na administración autonómica e local, sen prácticas folclorizantes e diglósicas.

6. Esixir que todas as Administracións (local, autonómica, estatal, xudicial, etc) usen e recoñezan como única válida a toponímia galega, que é a que realmente existe (as traducións ao español son inventos) Que se tomen as medidas oportunas perante os organismos pertinentes: Correos, Telefónica, Renfe, MOPU, etc.

 7. Que o coñecimento e uso do galego sexa esixido para ocupar cargos en todas as Administracións operantes en Galiza. Probas oportunas para a sua verificación.

8. Esixir que os poderes públicos galegos garantan o uso do galego na Administración, mesmo na estatal, asi como nas relacións co Exército, Guarda Civil, etc.

9. Esixir o apoio da Administración autonómica á Administración local para efectivizar a galeguización.

II. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

1. Denunciar a política represiva, contrária aos direitos humanos, que se está a levar nos diversos estamentos da administración de xustiza no tocante ao uso do noso idioma.

2. Esixir que se respeite e promocione o uso oral e escrito do galego, pondo como prazo máximo un ano para regular todas estas actuacións, carteis e demais formulário xurídico. Que as actuacións verbais se fagan desde xa, sempre en galego.

3. Facer un chamamento á opinión pública para que se exercite o direito a usar o galego nas relacións coa xustiza, instando aos avogados e demais persoal da administración de xustiza a que utilicen a nosa língua. 

III. ANÁLISE DUN EXEMPLO

Analisou-se un documento legal en galego: os Estatutos da Universidade de Compostela, a respeito do cal se aprobou:

1. Constatar a forte rixidez e intoleráncia do texto coas normativas non oficiais.

2. Constatar a imprecisión e vacilación dos tradutores dos Estatutos, pondo de manifesto que non foi por vontade própria, senón por un padrón lingüístico mal usado e pola súa incompeténcia.

3. Esixir que as autoridades académicas usen critérios científicos á hora de seleccionar as persoas que deben asesorar nesta matéria.

4. Esixir das cátedras de Direito que se fagan garantes da precisión xurídica e da terminoloxía utilizada.

5. Instar ao Reitorado a que informe publicamente da forma en que se redactou definitivamente o Estatuto, e se é verdade que só o fixeron filólogos sen a presenza de xuristas e economistas que lle desen cobertura científica á redacción.

6. Esixir a redacción dun texto digno e respeituoso co galego que non implique como o actual equívocos e indefensión xurídica.

AREA: CRIACION LITERARIA

Aprobaron-se os seguintes acordos:
 
1. Denunciar as restricións que están pondo os poderes públicos, entidades financieiras e editoriais á publicación de libros.
 
2. Denunciar as discriminacións que se están a facer nos prémios literários por razóns de normativa.
 
3. Rexeitar os intentos de manipulación da literatura galega por parte de diversos sectores que a intentan asimilar á española.
 
4. Condenar a deturpación e desfeita na reedicións, e os secuestros, por ocultamento, dos CLASICOS GALEGOS.
 
5. Esixir a publicación de textos sen restricións ideolóxicas nen ortográficas.
 
6. Esixir que se subvencionen todos os libros editados en galego, incluídos os das Asociacións Culturais e outras entidades sen ánimo de lucro, asi como as edicións de autor.
 
7. Reclamar a inclusión da literatura portuguesa e brasileira nos programas de ensino médio.
 
AREA: ESTANDARIZACION DA LINGUA

Apresentou-se ao ENCONTRO un documento avalado por máis de 200 firmas de profesores de galego licenciados que leva por título: MANIFESTO POR UN ACORDO NECESARIO. Este MANIFESTO, orixinariamente dirixido aos profesores de galego, foi aprobado polos asistentes e ampliado o seu ámbito de aplicación. O texto aprobado é:

MANIFESTO POR UN ACORDO NECESÁRIO

Os asistentes ao ENCONTRO, á vista da anormal situación plantexada por causa do xa endémico conflito normativo que afecta á nosa língua, consideramos necesário apresentar a todos os que usan o galego unha proposta de acordo neste tema.

I. RAZÓNS DA PROPOSTA

Esta necesidade é sentida por nós, entre outras, polas seguintes razóns:

1. A língua da Galiza é o galego. De admitirmos isto -que pola nosa parte está fóra de toda dúbida- resulta evidente que o noso idioma debe tamén estar lonxe de todo exclusivismos e manipulación. Sen embargo, a situación é hoxe tal (dadas as maneiras impositivas e unilaterais dos que detentan o poder) que a normativización -e moi en especial a ortográfica- se ten convertido nun atranco (cando non nunha escusa) á hora de abordar o vital obxectivo da normalización.

2. Se ao indicado engadimos os prexuízos que tal conflitividade provoca -nun maior ou menor grau- no alunado e na sociedade en xeral, cumpre un acordo solidário e operativo que supera a actual situación, posibilite o aumento do prestíxio e seriedade do galego perante o seu entorno social e facilite a acción normalizadora.

II. CONDICIONANTES DA PROPOSTA

Sentados estes dous princípios, que inciden no proceso normalizador, pasamos a expor os condicionantes básicos da proposta:

1. As actuais Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego son o resultado das directrices do I.L.G. e da R.A.G. Sen tentarmos descalificá-las na sua totalidade e recoñecendo-lles o seu esforzo sistematizador, fican obsoleta, e si entón, descalificadas, tendo en conta os procedimentos directos e indirectos que se seguiron para conseguir a sua implantación. A implantación máis ou menos subtil nunca debe ser cremos a maneira de afrontar un problema semellante. Proba, para nós, do anterior é que a normativa non se dá consolidado nen na sociedade nen no profesorado; neste sentido é ben significativo o feito de que, por exemplo, as publicacións directa ou indirectamente dependentes apresenten unha maior pluralidade e toleráncia.

Esta imposición chega ás veces a niveis tan contraditorios como, por exemplo, que algunhas editoriais e autoridades censuren forma e opcións adminitidas na próprias Normas... antes citadas.

2. O claro e forte proceso de castelanización que a nosa língua segue a sofrer e a necesidade de evitar este deterioro e asi dignificá-la, cremos que precisa dunha clara distinción entre NIVEL INFORMAL e NIVEL FORMAL. Aqui é precisamente onde sentimos a ortografia e certos trazos morfolóxicos como un instrumento necesário e inicial para a estandarización lingüística.

III. MARCO DA PROPOSTA

Partindo de tais condicionantes, definimos os marcos da nosa proposta nos seguintes termos:

1. Frente á imposición, propugnamos o diálogo e, dado que todos temos responsabilidade neste tema, procurar un acordo dentro da liberdade e da pluralidade.

2. Frente ao deterioro do idioma a expensas do castelán, propomos unha estandarización que reintegre o galego no ámbito lingüístico que lle é própio, tendo en conta as posturas existentes hoxe.

IV. PROPOSTA

Así, e para evitarmos que se manipule o galego como unha arma de poder e conseguirmos un ámbito de liberdade no que se pretende convencer e non vencer, propomos unha ortografia non baseada no modelo español, tomando como referéncia o acordo de 1980 e facendo fincapé no seguinte:

1. Rexeitar:

 A representación gráfica da asimilación na "segunda forma do artigo".

 As contraccións do tipo "ó", "có", "cá"...

 A realización en "-ble" do sufixo latino -BILEM.

2. Defender:

 Unha acentuación non tirada do castelán.

 A separación mediante trazo dos pronomes en posición enclítica. 

 Restruturación dos paradigmas verbais.

 Revisión dos grupos cultos.

V. CHAMADA

Facer un chamamento a todos os que utilizan o galego e as autoridades para que se sumen a este MANIFESTO e adecuen os seus comportamentos aos termos que nel se definen.

DENUNCIAS CONCRETAS

1. Rexeitamos e condenamos enerxicamente as declaracións da Directora Xeral de Política Lingüística tendentes a provocar que instáncias privadas tomen o protagonismo nas denúncias e na represión dos profisionais do ensino que non seguen a normativa oficial do galego. Facemos extensiva á condena ao parlamentário do PSOE Alfredo Conde pola sua interpelación provocadora e belixerante solicitando máis represión.

2. Denunciamos a actitude do Concello da Coruña, personalizada no seu alcalde Francisco Vázquez, polo seu desprezo público e sistemático da cultura e o idioma do país.

3. Denunciamos o uso, ou mellor o non uso, do galego que se fai na Administración educativa, personalizada neste caso no Delegado de Educación da Coruña, polas suas circulares en español.

RESOLUCIONS FINAIS

I. Acorda-se dar a máxima trascendéncia e introdución social ás conclusións aprobadas no ENCONTRO e para este fin decide-se:

1. Dar-lle a máxima difusión nos meios de comunicación.

2. Instar ao posicionamento e adesión ás conclusións aprobadas a todas as organizacións sindicais, políticas, pedagóxicas, culturais, profisionais, etc.

3. Esixir de todas as instáncias oficiais (Parlamento, Xunta, Administración autonómica, Provincial, Local, Xudicial, etc.) a adopción das medidas oportunas que poñan en prática as conclusións aprobadas.

4. Convocar para o dia 17 de maio en Compostela pola tarde un acto cívico que constará dunha manifestación de apoio a estas conclusións e un festival cultural-musical. 

5. Solicitar dos ensinantes a organización nos seus centros de excursións cos seus alunos para asistir ao acto convocado no ponto 4.

6. Pedir o apoio para a III Carreira Popular en defensa do idioma que organiza a Federación de Asociacións Culturais.

7. Solicitar aos Centros de Ensino que organicen actos nos que se den a coñecer as conclusións do ENCONTRO.

II. Constitue-se unha MESA PARA A NORMALIZACION LINGUISTICA encargada de pór en prática as conclusións do ENCONTRO. Inicialmente constituída por: Asociación de Escritores en Língua Galega, Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, Federación de Asociacións Culturais Galegas e Asociación Galega da Língua e Colectivo de Profesores Promotores do Manifesto, está aberta a todas as Asociacións culturais, lingüísticas, pedagóxicas ou profisionais que apoien explicitamente estas CONCLUSIÓNS.

 

Compostela, 20 de Abril de 1986

 

 

 

 

CONCLUSIÓNS

DO 

ENCONTRO

ESTADO ACTUAL DA

NORMALIZACION LINGUISTICA

(ANALISE DA POLITICA OFICIAL E ALTERNATIVAS)

CELEBRADO EN

SANTIAGO DE COMPOSTELA

18 - 19 - 20 DE ABRIL DE 1986

 

Convocado por:

ASOCIACION DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA

ASOCIACION SOCIO-PEDAGOXICA GALEGA

FEDERACION DE AA. CULTURAIS GALEGAS

 

E apoiado por:

ASSOCIAÇOM GALEGA DA LINGUA

 

  

Promove a edición:

MESA PARA A

NORMALIZACIÓN

LINGÜÍSTICA

 

Vexa aquí o documento orixinal das conclusións do Encontro.