A Asemblea Xeral de Socios/as aprobou render esta homenaxe, que supón un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura.
Con esta homenaxe, que chega á súa sexta edición, destácase, sobre todo, un compromiso ético coa cultura de Galiza.
Mariví Villaverde, como “Boa e Xenerosa”, representa desde o anonimato o colectivo exiliado e represaliado, cuxa memoria cómpre restaurar.
Vexa aquí o cartaz e mais o programa.
Vexa aquí a acta de concesión da homenaxe.
Vexa aquí as palabras do Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Pode ver aquí a laudatio elaborada por Marga do Val.
Velaquí a resposta á laudatio por parte da Homenaxeada.
MARIVÍ VILLAVERDE OTERO NO RONSEL DAS BOAS E XENEROSAS
Ela é escritora, tradutora dunha realidade que lle tocou vivir e que converte en maxia literaria. A maxia de legarnos o pasado que non vivimos, un presente no que segue firme e combativa á beira do pobo creativo e honrado e un futuro que se pousará en todo o que dela aprendemos. Mariví Villaverde, lectora adolescente que acompañou as horas no cárcere da súa tía Arxentia, mestra galeguista e republicana, con obras de teatro que foron menciña e alimento. Teatro que vai encher a súa vida no exilio co seu compañeiro Ramón de Valenzuela, con Roberto Villanueva ou Eduardo Blanco Amor. Escriben, adaptan, traducen, representan. Ela é actriz, colaboradora do xornal Galicia, nai e legadora da verdade lexítima republicana, a verdade que herdara do seu pai Elpidio Villaverde, alcalde de Vilagarcía e deputado a Cortes en 1936 e das súas tías rapadas. Ela decide levar a súa memoria a un libro e escribe en 1962 Tres tiempos y la esperanza publicado na Editorial Alborada, reeditado por Edicións do Castro (1987) e nunha versión en galego en A Nosa Terra (2002), ao que a autora lle engade un epílogo e lle devolve ás personaxes os seus verdadeiros nomes. Mariví ábrenos a cancela para entrar na historia da nosas maiores, nesa urdime dun vivir privado e silencioso e na alegría do progreso e da liberdade espallada na area da praia de Compostela. Fainos tremer co terror vivido atrás das portas onde petan tantas veces, coas fuxidas e coas mortes. Entendemos o amor, a lealdade á casa común e o desexo de construír un mundo mellor. Historias de cicatrices que atravesan todas as alfándegas. Hoxe Mariví Villaverde forma parte do Consello pola Memoria, participa en todos os actos políticos aos que é convidada, en congresos e homenaxes como nas dedicadas a Alexandre Bóveda ou a Lois Tobío. Hai tempo que Ramón faleceu mais ela segue comprometida cos tempos que lle tocou vivir, empeñada en lembrar a dignidade coa que Galiza loitou e defendeu a lexitimidade da República; le, escribe e vai ao teatro. O tempo na súa compaña non transcorre: amiga, boa e xenerosa, ofrécenos a memoria e o seu traballo diario.
Escoite aquí a entrevista con Mariví Villaverde no Diario Cultural da Radio Galega, con motivo da homenaxe.