12 de abril de 2008
Con esta quinta edición, que se celebrou o sábado 12 de abril, púxose de relevo a exemplar traxectoria dun movemento de renovación pedagóxica pioneiro con máis de trinta anos de actividade ininterrompida: formación docente, publicación de materiais didácticos, promoción de espectáculos audiovisuais, elaboración de estudos sociais, implicación decisiva no proceso de normalización lingüística, etc.
Foto da actividade

Programa de actos

 

Sábado 12 de abril

 

Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela. 

11:45h  

  • Acto musical a cargo do dúo de corda “Noite na auga” 

12:00h  

14:30h 

Xantar no Restaurante do Hotel Porta do Camiño.

 


 

A AS-PG nace, se por nacer entendermos a súa legalización estatutaria, en 1978, cun lema ben preciso: na procura dun ensino galego. Galego na expresión e galego nos contidos. Mais este nacemento é froito dunha xestación que arranca do século XVIII e se perfila no interese do nacionalismo galego histórico por organizar o sistema escolar galego desde o coñecemento do propio país, e ao seu servizo, cousa que á altura de 1978 aínda non se concretara.

Pasaron trinta anos de historia dignísima de rehabilitación e modernización de nós mesmos, con colectivos e individualidades traballando para podermos estudar con normalidade o que é de noso e o que é de toda a humanidade…, en galego e desde o galego.

 

Neste contexto non é de estrañar que algunhas das propostas metodolóxicas levadas a cabo por unha boa parte do profesorado ligado á AS-PG tomase como punto de partida a obra literaria das nosas autoras e dos nosos autores, nunha sorte de viaxe que, en síntese, parte do signo literario para nos aproximar á nosa historia, á nosa economía, á nosa xeografía, á nosa arte, etc. tendo sempre presente que, para a xeneralidade do alumnado, a literatura galega vai ser a única peza do espazo simbólico do idioma coñecida: a escrita literaria pasa a ocupar, por metonimia, o espazo da escrita en xeral.