23 de xaneiro de 2007
Nesta IV edición, pretendeuse poñer de relevo o exemplar labor do Laboratorio de Formas na figura de Isaac Díaz Pardo, un dos promotores e mantedor tenaz do espírito deste enorme proxecto.
Foto da actividade

Un dos obxectivos da AELG no ano 2004, foi o de poñer en marcha unha nova actividade consistente en celebrar un acto de estudo e recoñecemento arredor da figura dun escritor/a ou colectivo que, grazas a unha prolongada actividade social, contribuíse, de xeito significativo, a unha maior difusión pública da cultura galega; esta homenaxe, que decidimos nomear "Os bos e xenerosos", pretende recoñecer, por tanto, non só unha traxectoria literaria, senón tamén un compromiso vital con Galiza. Inaugurábase esta homenaxe, na súa I Edición, cunha xornada adicada á figura do insigne galeguista Don Avelino Pousa Antelo. Na II Edición honrouse a traxectoria dunha institución, o Museo do Pobo Galego. E o ano pasado a edición número tres honrou a incansábel Asociación Cultural e Pedagóxica "Ponte... nas ondas!"


Nesta IV edición, pretendeuse poñer de relevo o exemplar labor do Laboratorio de Formas na figura de Isaac Díaz Pardo, un dos promotores e mantedor tenaz do espírito deste enorme proxecto.

Esta edición d’Os Bos e Xenerosos fíxose en colaboración coa Universidade da Coruña, no marco dunha serie de actos previos á entrega por parte desta Institución da Distinición Doutor Honoris Causa a Isaac Díaz Pardo.

A data da homenaxe foi o 23 de xaneiro, a partir das 20:00h, no Paraninfo da Universidade da Coruña (Rúa Maestranza, Edificio da Reitoría) Durante o acto, que tivo como presentador ao escritor Xurxo Souto, interviñeron diversos escritores/as e houbo actuacións musicais (Sofía de Labañou, Miro Casabella, Manuel Rivas, Julián Pérez, Marica Campo, Antón Patiño, Luz Pozo, Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre, Xavier Seoane, Yolanda Castaño, Mercedes Queixas). Deuse lectura á Laudatio encargada pola Aelg ao Profesor Henrique Rabuñal e, como colofón do acto, o presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias, entregou ao homenaxeado a placa que o distingue como Bo e Xeneroso.


A Asociación de Escritores en Lingua Galega concedeu a súa Homenaxe "Os Bos e Xenerosos" aos presupostos teóricos e prácticos recollidos no "Laboratorio de Formas de Galicia" fundado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, e expresados nas industrias de Sargadelos, Castro, Editorial do Castro, Museo Carlos Maside, Instituto Galego da Información, etc..., depositarias dun valiosísimo patrimonio documental do exilio e a emigración. Actividades creativas incontestábeis, con anovadas ansias e precedentes no humanismo do Seminario de Estudos Galegos, na xeración "Nós".

A Asociación de Escritores en lingua Galega acordou recoñecer ao Laboratorio de Formas de Galicia pola súa contribución á rexeneración de Galicia, en pasados momentos da ditadura, dende presupostos socioculturais e nacionais, axudando a rexenerar a ética e a estética.

A AELG quixo recoñecer o sobranceiro traballo teórico e práctico de Isaac Díaz Pardo por dar participación nunha empresa modélica, dende aos seus traballadores/as, a toda a sociedade galega e da diáspora, aos/ás intelectuais e creadores/as, recuperando e anovando a memoria, a identidade, así como fendendo e arredando dos tópicos folclorizantes dunha Galiza sumida en esperpentos.


O Laboratorio de Formas naceu en 1963 na Galicia emigrada, como expresión da vontade dun grupo de exiliados que se propuxo o estudio das formas desenvolvidas no pasado de Galicia e as que continúan vixentes. Definiuse como un instituto teórico de deseño á procura da orixe das formas. Testemuña do cansazo producido polos últimos ideais cosmopolitas dalgunhas escolas, o Laboratorio pretende atopar nesas formas esquecidas que perviviron durante séculos, así como nos vestixios herdados, os sinais dun sistema propio de expresión.
O Laboratorio de Formas, sociedade sen fin de lucro, foi quen deseñou as liñas estructurais do grupo de empresas Sargadelos e planificou a súa actividade coa recuperación da cerámica de Sargadelos, coa creación do Museo Carlos Maside (1970), de Ediciós do Castro (1963), o Seminario de Sargadelos (1972) e o Instituto Galego da Información (1977) e o apoio á restauración do Seminario de Estudios Galegos, así como a outras operacións de investigación que contribuíron a restaurar a nosa memoria histórica.
Este proxecto serviu para interesar aos intelectuais galegos exiliados na Arxentina desde o final da guerra civil española na intención de traballar pola recuperación económica e cultural de Galicia. Nas primeiras conversas participaron Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Antonio Baltar, Blanco-Amor, Laxeiro, Arturo Cuadrado e Alberto Vilanova, que se plasmaron en 1963 coa creación do Laboratorio de Formas, constituído por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, coa posterior incorporación do arquitecto Andrés F. Albalat, que recolleron as preocupacións e anceios do colectivo e se encargaron de converter en realidade o proxecto definitivo.


Acta de concesión do Galardón "Os Bos e Xenerosos"

Discurso do Presidente da Aelg durante a homenaxe

Laudatio, por Henrique Rabuñal