En colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, a Aelg levará 12 escritores e escritoras a outros tantos campamentos de verán.

Unha vez finalizados os 20 obradoiros de creación literaria no ensino, comeza agora unha nova quenda de 12 obradoiros que se desenvolverán durante o verán segundo o seguinte programa:

Campamento Espiñeira (Boiro), con tres obradoiros, en sucesivas quincenas, a cargo de Antía Otero, María Lado e Antón Riveiro Coello.

Campo de Traballo de Carnota, con dous obradoiros a cargo de Chisco Naval e Xavier Alcalá.

Campamento Xuvenil A Devesa (Ribadeo), con catro obradoiros que impartirán Antón Reigosa, Isidro Novo, Estíbaliz Espinosa e Carlos Figueiras.

Campamento Xuvenil Illa de Ons (Bueu), coas autoras Marta Dacosta, María Reimóndez e Concha Blanco.

Os obxectivos que orientan a organización destes obradoiros pretenden o goce do texto literario durante a infancia e a adolescencia como antesala dun achegamento máis complexo e reflexivo para facer da literatura unha ferramenta comunicativa que dea sentido á experiencia persoal e colectiva, para entender o pasado, o presente e o futuro, e para explorar os límites e as posibilidades expresivas da linguaxe.

Estes obradoiros foron concibidos tamén como unha oportunidade de achegar á mocidade os nosos autores e autoras e á súa obra, e así coñeceren a realidade cultural do país.