O ceo racha a escuma no fío da ribeira
e pola mar adiante, un craro murmurio
solicita a dozura subterránea
na penumbra das areas fondas.
O día espella na superficie branca
e frorecen as ondas en eclosión de luces,
todo faise rumor nos ollos dos sentidos
e o mar rebule ensoños de xúbilo mollado.
Polo corpo das barcas pasa o tremor do vento
A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebrou coa concesión do E a María do Carme Kruckenberg a aventura irrepetíbel dunha vida plena de camiños e poesía. Esta voz feminina co-inaugura unha brillante nómina de escritoras modernas (Pura Vázquez, Luz Pozo, Xohana Torres ...) que, tras o ronsel de Rosalía, fan da palabra poética un exercicio de intelixencia e liberdade.
Viaxeira por todo o mundo, ateigada de palabras doutras linguas, políglota, María do Carme Kruckenberg regresa sempre a Galiza e ao Galego, destino do seu río, navegante solitaria despois de vivir do imposíbel. Trae un fardel de recordos, un capital de astros derrubados, o pasado como un dorido tormento, un suicidio permanente de saudade: a poesía da existencia, o desacougo do amor, a simbiose coa paisaxe para dicir o indicíbel, o berro contra a inxustiza. Unha voz singular a se verter no mar de nós, a acrecentar as augas que nos crean.
Memoria viva da Galiza interior e da do exilio, coñece a Castelao da man de Arturo Cuadrado, perto xa das portas da escuridade eterna a demandar de María do Carme (como de tantos outros) a fe e o afervoamento, as máis íntegras e puras esperanzas no porvir do país e dos seus habitantes.
Membro activo da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que foi vicepresidenta en momentos non doados, María do Carme Kruckenberg recibe agora o máximo recoñecemento desta institución na súa terra, en Vigo. Galardón para ela e honra para nós.
Vexa o Programa do Acto (en .pdf, en .rtf)
Vexa a nota de prensa aquí.
Presentación do acto nos Xardíns de Montero Ríos, por Cesáreo Sánchez, presidente da Aelg.
Discurso da Alcaldesa, Dona Corina Porro.
Presentación do acto no Pazo de Castrelos, por Cesáreo Sánchez, presidente da Aelg.
Acta de concesión da Letra E a María do Carme Kruckenberg.
Laudatio á homenaxeada, por Pilar García Negro.
Discurso da Alcaldesa, Dona Corina Porro.