Foto da actividade

As irmás Dora e Pura Vázquez Iglesias naceron na Auria blancoamoriana na segunda década do século pasado. Xa eran mulleres feitas cando rematou a nosa guerra e desde os anos 50 e ata hoxe mesmo veñen inzando de fermosas e sentidas palabras a república das nosas letras. Entraron desde aqueles anos en contacto con grandes figuras das nosas letras como Novoneira ou Manuel María, os poetas mozos da Galiza dos 50. Hoxe, logo de veren expirar o seu século, manteñen a elegancia que ten caracterizado a súa andaina vital e cultural. Das mulleres que escriben en galego son as matriarcas, as que coidan as papoulas que sinalan os camiños da nosa verba.

Dora é lembrada con agarimo por moitas das súas alumnas e para mozos e cativos redixiu algunhas das súas páxinas máis vibrantes. Cultivou todos os xéneros, desde a poesía (A xeito de antoloxía, 1992) ao teatro (Tres cadros de teatro galego, 1973) pasando pola narrativa (Campo e mar adentro).

Pura, tamén mestra, pola súa parte, dáse a coñecer como poetisa en galego en 1943 e nos anos 50 cos libros Íntimas (colección Xistral,1952) e Maturidade (1955) aos que han seguir novas e valiosas obras como A saudade e outros poemas (1963), Versos pra os nenos da aldea (1968), O desacougo (1971) ou as recentes recompilacións Antoloxía (1991) ou A carón de min (1994). Grande leitora dos nosos clásicos e da mellor poesía univesal, continuadora das poéticas intimistas rosalianas espallou tamén a súa palabra por importantes xornais e revistas de dentro e fóra de Galiza. Nos anos 90, cando recibe o Premio de Creación Feminina da Xunta, publicou Anos de navegar, Man que escribiu no mar, Se digo Ourense ou Orballa en tempo lento.

Xuntas Pura e Dora escribiron man a man e en alianza fraternal algúns fermosos libros de poesía como Oriolos neneiros (1975), Irmá (1979) e Viaxe ao país dos contos e da poesía (1985), así como os textos teatrais Monicreques (1974) e Ronseles (1980).

Para os escritores e as escritoras que nos xuntamos na AELG é motivo de verdadeira ledicia brindarlles a estas mestras a homenaxe que se merecen e deixar para a eternidade xunto coa calor da súa palabra as árbores e as pedras que polo país dos mil ríos sementamos con esperanza. A mesma que Pura e Dora Vázquez nos entregaron a todos os galegos e galegas.

Detalle das intervencións realizadas na homenaxe:

Vexa aquí o número de Escrita Contemporánea que recolle a totalidade das intervencións e unha antoloxía.