17 de xullo de 2004
A AELG CELEBROU O 17 DE XULLO NO BARRIO DE TEIS (VIGO), A HOMENAXE O ESCRITOR NA SÚA TERRA ADICADA A SALVADOR GARCÍA-BODAÑO ZUNZUNEGUI.
Foto da actividade

   

Grazas lle dou á miña nai lembrada
por vir nacerme ao abeiro desta terra,
deste fermoso mar e desta fala

 

 

A homenaxe O Escritor na súa Terra, que cada ano impulsa a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou no 2004 á súa X Edición, recaendo nesta ocasión na figura do recoñecido escritor e académico, natural do barrio vigués de Teis, Salvador García-Bodaño Zunzunegui, a quen se lle concedeu  a “Letra E”, máximo galardón que outorga a AELG, na xornada do pasado sábado 17 de xullo. Tratábase de homenaxear, a través dunha serie de eventos que conforman xa unha tradición na historia desta entidade, a unha das figuras máis insignes e recoñecidas da literatura galega, dono, ademais, dunha traxectoria na que destaca a súa dilatada labor de expansión cultural sendo integrante ou membro fundador de numerosas empresas culturais, algunha delas de carácter emblemático no devir cultural do país. Unha homenaxe múltiple e popular, enmarcada no espacio natal do autor, que concitou a maior e máis diversa participación tanto entre os seus conveciños coma entre intelectuais de toda Galicia.

 

Este é o programa de actos celebrado:

 

12:00 hs.- Plantación dun álamo (árbore simbólica do escritor) e descubrimento dunha Pedra Escultórica adicada ao homenaxeado nos exteriores do Centro Cívico de Teis (Vigo).

Interviron: Euloxio R. Ruibal, presidente da AELG, Carlos Negro, Secretario Xeral da AELG, e o escritor homenaxeado, Salvador García-Bodaño.

 

12:30 hs.- Inauguración Oficial do Centro Cívico de Teis co nome de Salvador García-Bodaño.

Interviron: Carlos Negro, Secretario Xeral da AELG, Ignacio López Chaves, concelleiro de cultura del Concello de Vigo, e o escritor homenaxeado.

 

13:00 hs.- Acto Oficial de entrega da “Letra E” (peza escultórica do artista galego Xurxo Oro Claro) a Salvador García-Bodaño no Auditorio do Centro Cívico de Teis, despois dunha laudatio pronunciada polo escritor Xosé María Álvarez Cáccamo.

Interviron: Carlos Negro, secretario xeral da AELG (vexa aquí as súas palabras), Euloxio R. Ruibal, presidente da AELG, Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega, Xosé María Álvarez Cáccamo (vexa aquí a laudatio) e o escritor homenaxeado (vexa aquí as súas palabras).

 

13:30 hs.- Actuación da Coral do Centro Social de Teis, dirixida por Don Xosé Manuel Barbosa Fernández.

 

14:30 hs.- Xantar de confraternidade, aberto a socios/as da AELG, veciños de Vigo e demais persoas interesadas.

 

 

  


 

Anteriores merecedores deste galardón foron:

 

I Edición - ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS – 1995 – Boa, Taramancos.

II Edición – BERNARDINO GRAÑA – 1996 – Cangas do Morrazo.

III Edición - MANUEL MARÍA – 1997 – Outeiro de Rei.

IV Edición - MARÍA XOSÉ QUEIZÁN – 1998 – Vigo.

V Edición - XOSÉ NEIRA VILAS – 1999 – Gres, Vila de Cruces.

VI Edición - UXÍO NOVONEYRA (póstumo) – 2000 – Parada do Courel.

VII Edición - LUZ POZO GARZA – 2001 – Ribadeo

VIII Edición - XOSÉ CHAO REGO – 2002 – Vilalba

IX Edición - XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO – 2003 – Nogueira de Ramuín

 

 


 

 

 

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO ZUNZUNEGUI (Teis, Vigo – 1935)

 

 

Poeta, narrador, ensaísta, columnista de prensa , académico, destaca, ademais, polo seu grande activismo cultural en calidade de promotor, membro fundador ou integrante de numerosas empresas culturais , moitas delas de carácter emblemático no devir cultural do país, tales como a Asociación Cultural O Galo (1961), a Revista Teima (1976), o Museo do Pobo Galego (sección etnográfica de oficios e da arte popular, 1976), o Ateneo de Santiago de Compostela, a Fundación Padroado de O Pedrón de Ouro,      o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (1980, como fundador e membro da Directiva) o Novo Seminario de Estudios Galegos (1983), o Instituto Galego da Información, a Asociación de Traductores en Lingua Galega, a Fundación Castelao, o PEN Clube de Galicia, ou a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Membro da Directiva da Real Academia Galega (RAG) da que entrou a formar parte, como membro numerario, en 1992.

Como escritor, foi merecedor de galardóns como os das Festas Minervais dos anos 1959, 1962 e 1963, o Premio da Crítica Española, na modalidade de Poesía, en 1978, o Premio da Crítica Española, na modalidade de Narrativa, en 1993, ou o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural en 1988.

Como poeta, é unha das voces de referencia inexcusábel da nosa lírica; encadrado polos estudiosos dentro da denominada “Promoción das Festas Minervais” , publicou os libros de poemas Ao pé de cada hora (1967, reeditado en 2002), Tempo de Compostela (1978, reeditado en 2002), 37 debuxos para un país (1985), Compostela (1989), a compilación titulada Obra Poética (1993) que inclúe dous poemarios inéditos  (“Palabras de amor a Xulia” e “As palabras e os días”), a plaquette denominada Pegadas no alcatrán (1994) e o recente A cidade virtual (2003). Como narrador é autor do libro Os misterios de Monsieur D’Allier (1992).

 

Mantivo, ademais, unha constante actividade xornalística como articulista e coma coordenador das seccións culturais de La Noche e de El Correo Gallego; en 1993 editouse unha compilación dos seus artigos, denominada De onte a hoxe. Ensaios xornalísticos dende Compostela.