9 de maio de 2015
Seguindo as recomendacións da UNESCO, a sección de Literatura de Tradición Oral e o Consello Directivo da AELG consideramos que o alicerce básico sobre o que construírmos sentimentos de identidade pasa por identificar e recoñecer publicamente a aqueles homes e mulleres que posúen en grao sumo os coñecementos e técnicas precisas para interpretar ou recrear determinados elementos do noso Patrimonio Cultural Inmaterial. 
A salvagarda e continuidade deste patrimonio vivo, apousentado na memoria individual e colectiva, depende da consideración social que sexamos capaces de conceder a todos e cada un destes depositarios, que son, en definición da UNESCO, verdadeiros Tesouros Humanos Vivos.

O premio Mestres e Mestras da Memoria, que chegou á súa terceira edición, concedeuse a Josefa Arias Castelo, de Vilalba, e a Emilio Pérez Álvarez, “Emilio do Pando”, do concello da Fonsagrada, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.