Seguindo as recomendacións da UNESCO, a sección de Literatura de Tradición Oral e o Consello Directivo da AELG consideramos que o alicerce básico sobre o que construírmos sentimentos de identidade pasa por identificar e recoñecer publicamente a aqueles homes e mulleres que posúen en grao sumo os coñecementos e técnicas precisas para interpretar ou recrear determinados elementos do noso Patrimonio Cultural Inmaterial.
A salvagarda e continuidade deste patrimonio vivo, apousentado na memoria individual e colectiva, depende da consideración social que sexamos capaces de conceder a todos e cada un destes depositarios, que son, en definición da UNESCO, verdadeiros Tesouros Humanos Vivos.
Nesta primeira edición dos Premios MESTRAS E MESTRES DA MEMORIA honramos a Manuela Cortizo Medal (Manuela de Barro ou Manuela das Marianas), que reside en Cerdedo onde naceu hai case 85 anos. Tras unha vida intensa, dura, apenas escolarizada, cando chegou á xubilación promoveu a creación da agrupación Pandereteiras de Barro de Arén, grupo que chegou a gravar un disco e que aportou ao panorama da música popular tradicional un repertorio infinito de coplas e cantigas extraídas da memoria prodixiosa de Manuela.Da calidade da súa voz, a mesma daquela nena á que ás súas tías lle pedían que cantase mentres alindaba as vacas polo monte para saber onde andaba, dá unha cabal idea o apelativo que lle dedica o escritor Calros Solla, biógrafo e gran recompilador do inmenso arquivo da súa memoria, cando a define como a “Monserrat Caballé de Terra de Montes”.
Así mesmo, nesta primeira edición honramos a Ángel Rivas Veiga, que naceu en Eirexúa, en Xudán, hai algo máis de 88 anos. Dedicouse a múltiples oficios, entre eles durante 20 anos seguidos formou parte dunha cuadrilla que ía segar a Castela. É un grandísimo narrador deses contos que os estudosos da materia chaman marabillosos, como O Castelo de Irás e Non Volverás, O fardelo e a manta, O ferreiro e o demo, A gaita máxica... e outros que en moitos casos resultan ser versións únicas das recompiladas en Galicia e incluso na península.Ángel, aínda que só momentaneamente, chegou a vivir do conto. Nunha das súas xeiras laborais traballou nunha panadería e o patrón, cando lle enfermaba un dos fillos, encargáballe que lle fixese compaña ao neno para que lle contase uns contos. Mágoa que non lle durase aquela ocupación; a calor do forno non lle sentaban e tivo que mudar de oficio aínda que o que máis perdeu no cambio foi o fillo do panadeiro.
Así pois, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional, declaráronse Mestra e Mestre da Memoria a Manuela Cortizo Medal (recolleu o diploma Sinda Álvarez Cortizo, filla de Manuela, quen agradeceu fondamente o recoñecemento), e a Ángel Rivas Veiga
Fotos da entrega, aquí.