Do 13 de outubro de 2006 ao 15 de outubro de 2006
E os escritores e escritoras máis novas entraron en escena. A raia galego-portuguesa ficou xunguida novamente pola proximidade da palabra.
Foto da actividade

Vexa o programa de actos aquí

Vexa aquí a intervención do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, no acto de apertura.

Vexa as actas do I e II Simposio aquí

     Ao longo de tres intensas xornadas deste outono de estrea, a marxe galega representada por María Lado, Antía Otero, Carlos Figueiras, Paco Souto, David Salgado, María Canosa, María Reimóndez, Estíbaliz Espinosa, Rafael Xaneiro e Elvira Riveiro, partillou experiencias, impresións e coñecementos coa marxe portuguesa irmá, na voz de Antonieta Preto, Jorge Reis-Sá, Luis Filipe Cristovao, Jacinto Lucas Pires, Sérgio de Almeida, Dulce Mª Cardoso, José Carlos de Vasconcelos e Aurelino Costa.
Se de interese resultaron todas as intervencións dos diferentes relatores e relatoras, non foron menos os intensos e por veces delongados coloquios que a palabra feita literatura suscitou nos asistentes de alén e aquén Miño.
  Mais o congreso foi e, coma sempre, o que fica en nós son as lembranzas de comuñón fraternal cos nosos colegas portugueses e as aprendizaxes partilladas e nadas dun obxectivo común: a necesidade vital de escribir. Escribir para sermos.


   É por iso que concluíu o simposio acreditándomos, en primeiro lugar, na necesidade de mantermos este tipo de encontros, pois contribúen a enriquecer o panorama creativo dos dous países a través do mutuo (re)coñecemento, xa que non se pode esquecer que a divulgación en Portugal do noso sistema literario propio e independente segue sendo tarefa aínda pendente de completar.
   En segundo lugar, ficou ben salientada a interrelación entre a tradición e a modernidade, pois esta última non ten sentido sen o previo coñecemento da tradición. É só a partir desta que o escritor e a escritora innovan e renovan os materiais para a creación literaria, mais para unha creación imbricada nunha sociedade que nos envolve a todos e sobre a que a figura do creador/a asume unha responsabilidade ou, o que é o mesmo, unha función social.
   En terceiro lugar, entendemos que se debe favorecer a difusión da obra dos novos escritores e das novas escritoras, a través dos diferentes soportes que a tecnoloxía nos ofrece, mesmo previamente á súa aparición no clásico formato libro, polo que se valorou moi positivamente a necesidade de crear e manter revistas literarias –editadas en papel e/ou en soporte virtual- en que se dean a coñecer as distintas propostas e nomeadamente os autores e autoras inéditos.
   Asemade, resultou ben testemuñada a importancia de manter o espírito colectivo e cooperativo para defendermos proxectos alternativos como os desenvolvidos na década dos 90 (Edicións do Dragón ou Letras de Cal), con especial atención aos novos creadores e creadoras.
Este II Simposio Internacional Letras na Raia finalizou, mais os vencellos persoais e literarios ficaron ben incardinados na vontade dun convivio arraiano que naceu sempre con vocación de continuar a ser. De existirmos alén e aquén, enfin.