O tabú
Os días 1, 2, 3 e 4 de novembro celebrouse en Iruña a XXIII edición do Congreso Galeusca que reúne, ano tras ano, a representantes da literatura galega, vasca e catalá arredor dun tema de debate. Nesta ocasión a excelente organización do encontro correu a cargo da Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores Vascos) -que recibiu a cataláns e galegos coa hospitalidade habitual destas tradicionais xuntanzas- e o tema elixido foi o do “TABÚ”, analizado en xeral e en cada unha das literaturas e atendendo igualmente ás súas vertentes estética, ideolóxica, afectiva..., considerado como un modelador, censor, freo ou medida do proceso creador literario. Tratábase dunha reflexión necesaria para analizar a historia e o presente dos tres respectivos sistemas literarios, co obxectivo de descubrir as dinámicas literarias e sociais que pexan o avance dos mesmos, exercendo unha función revulsiva endóxena.
Ao longo dos catro días os congresistas tiveron oportunidade de visitar o val do Baztán, tendo como guía ao escritor galego residente en Oiartzun, Xosé Estévez, auténtico embaixador do noso país en Euskadi, e gran coñecedor de ambas culturas.
Así mesmo visionouse un vídeo elaborado expresamente para a ocasión, no que baixo o lema “A vontade é ponte”, se desenvolve a historia destes 23 anos de Galeusca. A organización vasca agasallou a galega coa proxección do documental “Trintxerpe”, barrio do concello de Pasaia, en Guipuskoa, que se toma como exemplo do respecto mutuo entre a emigración galega e a cultura vasca que a acolleu
PROGRAMA:
Mércores, 1 de novembro
19:00 Recepción. Benvida aos participantes de Galeusca 2006 no hotel Iruña Park de Iruña-Pamplona.
21:00 Cea no hotel Iruña Park.
23:00 Presentación do documental sobre Galeusca no hotel Iruña Park: A vontade é ponte.
Vexa o documental aquí
Xoves, 2 de novembro:
08:00 Almorzo no hotel Iruña Park.
09:00-10:00 Xornada introductoria do tabú na literatura vasca no salón de actos principal do hotel Iruña Park (Ur Apalategi).
10:00-11:00 Xornada introductoria do tabú na literatura galega no salón de actos principal do hotel Iruña Park (Camilo Franco).
11:00-11:30 Coffe-break.
11:30-12:30 Xornada introductoria do tabú na literatura catalá no salón de actos principal do hotel Iruña Park (Isabel-Clara Simó).
13:00 Percorrido literario en autobús pola parte vella de Pamplona-Iruña (Joxemiel Bidador).
14:30 Comida no restaurante Maisonnave de Pamplona. Regreso ao hotel en autobús logo da comida.
17:00-19:00 Estudo dos tres tipos de tabú en tres grupos de traballo. A media tarde, coffe-break. Estes son os temas que se van a tratar de mans de:
- Tabú político: Markos Zapiain, Nuria Albó e Bieito Igrexas.
- Tabú afectivo: Leire Bilbao, Teresa Bertran e Xavier Queipo.
- Tabú estético: Anjel Erro, Carles Cortés e Isidro Novo.
20:30 Cea no hotel Iruña Park.
22:30 Actuación-recital de Mikel Markez e Pako Aristi no bar Onki-xin de Pamplona: Tabuak salda egiteko. Espectáculo aberto a todo o público.
Venres, 3 de novembro:
08:00 Almorzo no hotel Iruña Park.
09:00 Saída en autobús ao val do Baztán. Visitaremos, entre outras cousas, o pobo de Urdazubi, as covas…
11:00 Visita guiada ás covas de Urdazubi en grupos de 20 persoas, por delegacións (Josu Iraeta, Xosé Estévez e Toni Strubell).
12:30 Primeira sesión do recital de contos no claustro de Urdazubi (Ixabel Millet, Juan José Izpizua, Xerardo Méndez, Marilar Aleixandre, Xavier P. Docampo, Roser Atmellá e Carles Cano). Ao terminar, desprazarémonos a Elizondo en autobús.
14:30 Comida no restaurante Santxotenea de Elizondo.
17:00-18:30 Segunda sesión do recital de contos na Casa de Cultura Arizkunenea de Elizondo (Asel Luzarraga, Joseba Tobar Arbulu, Josu Iraeta, Teresa Costa-Gramunt, Encarna SantCeloni, Ramón Solsona, María Reimóndez e Antón Riveiro Coello).
19:00 Saída en autobús cara a Iruña-Pamplona.
21:00 Cea no hotel Iruña Park.
22:30 Proxección do filme Trintxerpe no hotel Iruña Park.
Sábado, 4 de novembro:
09:00: Almorzo no hotel Iruña Park.
10:00-11:00 Xornada de reflexión no salón de actos principal do hotel Iruña Park. Conclusións de Galeusca 2006.
11:00-12:00 Acto de clausura no salón de actos principal do hotel Iruña Park. Reparto de agasallos aos participantes de Galeusca 2006.
13:00 Lunch no hotel Iruña Park. Despedida e fin dos encontros.
Do desenvolvemento das diferentes sesións de traballo e mesas redondas tiráronse unha serie de esclarecedoras conclusións, que deron pé para que o conxunto das delegacións elaborase o seguinte
MANIFESTO DE IRUÑA
Os escritores e as escritoras eusqueras, galegos e cataláns, reunidos en Iruña o día 4 de novembro de 2006, na XXIII edición do Galeusca, manifestamos que:
1. O escritor e a escritora son transgresores que, a través da creación, dan nome aos tabús (ideolóxicos, afectivos, estéticos, sociais e políticos) para poderen superalos.
2. Celebramos e facemos nosa a aparición de novas miradas e formas de designar o mundo e, ao tempo, denunciamos a banalización da transgresión coa finalidade da súa asimilación polo sistema.
3. Denunciamos que na actualidade se pretende ir cara o universal ocultando a realidade das nosas culturas nacionais concretas, cando a literatura e a nación se teñen alimentado mutuamente ao longo da historia.
4. Denunciamos que, malia o relativo grao de normalidade xa conseguido polas nosas literaturas nacionais, existen institucións políticas que intentan facernos invisíbeis e, consecuentemente, prescindíbeis.
5. Constatamos como o Manifesto de Poblet do ano 1984, fundacional en moitos aspectos, continúa plenamente vixente, posto que moitas das súas reivindicacións non foron resoltas, en concreto a que di respecto da “intensa inquedanza dos escritores, tanto polo que atinxe á problemática das nosas nacións sen estado, como tocante á defensa efectiva dos dereitos humanos; deste xeito, constatamos o feito dunha represión que tamén concerne a escritores, tanto das nosas nacións como doutras do mundo”.
Iruña, a 4 de novembro de 2006
Vexa as actas aquí (.pdf, 3,81Mb)