UNHA LINGUA, UN POVO, UNHA NACION
A Galiza vai ser este ano cenário do III Encontro de Escritores galegos, bascos e cataláns, que en anos anteriores xa demostraron que a solidariedade é máis do que unha palabra ou un testemuño. Con efeito, aqueles Encontros en Euskadi ou Països Cataláns evidenciaron máis unha vez como existe unha problemática lingüística, literária, cultural; mesmo económica e política común ás tres nacións e que esixe, portanto, un debate e unhas respostas comúns. Moitas son as tentacións para evita-las. Pretende-se-nos facer crer que non hai «problema»; que, nestes dez últimos anos, os nosos povos chegaron «a la cumbre de toda buena fortuna» por facer-se-nos concesión graciosa duns mínimos direitos simbólicos que na prática non podemos exercer; ainda máis, predican-se-nos as bondades dun bilingüísmo e dunha cultura bífida (¡aos povos subalternos sempre se Iles concede o priviléxio da orixinalidade!), que nós sabemos que nos manteria na subordinación ao español dominante e nos conduciria á desaparición como culturas nacionais diferenciadas.
Mais os feitos son teimosos e a realidade crua facilita a análise e a comprensión das nosas situacións, porque elas son de abondo óbvias como para non precisarmos de moitas subtilezas. A realidade é que malamente se tolera o uso pleno como línguas normais dos nosos idiomas (e até se reprime); a realidade e que se mantén por mil e un procedimentos a imposición groseira do español (a recente senténcia do Tribunal Constitucional, en que con toda claridade se fala de posíbel dualidade, nunca de equiparación, non é máis que o penúltimo episódio); a realidade é que se admiten ou se legalizan certas formas simbólico-rituais de praticar o galego, o catalán ou o vasco, con tal de que non vulneren a supremacia, e hexemonia do español, isto é, con tal de que eles fiquen submetidos a este idioma e ás suas producións culturais, únicas que non se problernatizan, non se cuestionan, non se ilegalizan.
Isto non é pola nosa parte nengunha lamentación xeremíaca. Son feitos perante os que temos que pronunciar-nos e actuar. E ante eles, comezamos por definir claramente que non somos usuários de línguas «vernáculas» de segunda clase, senón falantes e escrebentes de línguas, as nosas —como todas—, de pleno direito e rendimento; que non temos vocación subordinada ou subalterna de nengunha clase; enfin, que seguimos e seguiremos loitando por conseguirmos unha normalidade digna que se nos nega. Por iso, o lema UNHA LÍNGUA, UN POVO, UNHA NACIÓN non é reclamo propagandístico ou oportunista; é, moi claramente, a proclamación da nosa identidade, da nosa pertenencia como escritores a sociedades ben concretas e singulares e da nosa vontade de non desvincular o uso criativo que facemos da língua e toda a nosa variedade artística, literária, toda a nosa real pluralidade, dos problemas políticos e económicos en que se moven, porque a eles se remite constantemente. Non nos resignemos a menos. Non é o máximo, é o mínimo que nos debe movilizar hoxe. A nosa identidade verdadeira e non trucada, como persoas, como escritores, como pobos, está en xogo.
ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA (A. E. L G.)
GALIZA, SETEMBRO 1986.
PROGRAMA