Organizan a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia Conta co apoio de CEDRO, Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan os Premios Follas Novas 2026, co obxectivo de recoñecer a excelencia do traballo editorial realizado en Galicia ao longo do ano 2025.

Os Premios Follas Novas 2026 distinguiron obras publicadas entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025, en papel ou en formato dixital, sempre que estivesen editadas orixinalmente en lingua galega e integradas na cadea comercial do libro galego. En total, outorgáronse 13 premios sometidos á valoración do xurado, aos que se sumaron tres galardóns honoríficos que recoñeceron a traxectoria dun Escritor ou Escritora Galego/a Universal, o labor dunha libraría e a contribución á edición galega, outorgados directamente polas entidades convocantes.

O proceso destes galardóns comezou  acoa preselección das obras realizada polos tres colectivos impulsores -AELG, AGE e FLG-, da que saíu a listaxe de 6 candidatas por categoría, a partir da que os xurados escolleron tres finalistas. Na seguinte fase déronse a coñecer as obras finalistas e o proceso acabou coa celebración da entrega de premios, na que se coñeceron as obras gañadoras na tradicional gala que tivo lugar no Teatro Principal de Santiago o 9 de maio de 2026, que foi conducida e musicada por Unha señora orquestra, formada por Ailén Kéndelman e Areta Bolado.

A organización apostou este ano por unha renovación profunda do sistema de xurados, incorporando novos perfís organizados por ámbitos específicos do libro. Esta renovación responde ao obxectivo de garantir unha ollada plural, actualizada e representativa da diversidade do sistema literario galego.

A estrutura do xurado estabeleceuse en tres seccións:

- A literaria, que se encargou das categorías de Narrativa, Teatro, Poesía, Infantil e Xuvenil e Promoción da Lectura.

- A de deseño, responsábel polos premios de Libro Ilustrado e Banda Deseñada.

- A de edición, que avaliou as categorías de Mellor Libro Editado, Iniciativa Bibliográfica, Tradución, Ensaio e Investigación e Divulgación.

Cada un destes xurados estivo integrado por persoas designadas pola AELG, a AGE e a FLG, xunto con profesionais independentes dos distintos sectores do ecosistema do libro —edición, librarías, escritura, bibliotecas e crítica—, todas elas con voz e voto.

Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.

Para renovar a identidade gráfica nesta edición, a organización quixo contar co traballo de Pepe Barro, un nome ben coñecido no ámbito do deseño en Galicia por creacións como a camiseta da Selección Galega de Fútbol ou a renovación da Casa de Rosalía de Castro.

O deseñador, Pepe Barro, explicou sobre o novo deseño que toda a imaxe dos Premios Follas Novas está pensada desde a forza do lugar, a Casa de Rosalía, coa forza vexetal e coa forza da terra, mesmo coa propia imaxe de Rosalía de Castro. O punto de partida son as follas de loureiro, que na literatura xa teñen relación cos recoñecementos a escritores e artistas. O logotipo parte da folla máis o perfil dun corazón e o sinal de direción cara adiante que representa a motivación da organización por seguir medrando na difusión e visibilidade do mundo literario.

No que respecta á peza que recibirán os premiados, as follas de loureiro incorporadas están tratadas e secadas cun proceso natural e proceden da árbore situada no xardín da casa de Rosalía de Castro en Padrón. Ademais, o estoxo que protexe a folla foi fabricado cunha pedra proveniente da Canteira do Oso.

 

Os premiados de honra elixidos por cada unha das asociacións organizadoras foron:

- Federación de Librarías de Galicia: Libraría Moito Conto
- Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega: Basim Al-Khandaqji
- Asociación Galega de Editoras: Editorial Galaxia

Polo seu 75 aniversario, a Editorial Galaxia foi a escollida pola Asociación Galega de Editoras para recibir o premio de honra nesta edición 2026, recoñecendo así a súa aportación clave no desenvolvemento da cultura galega nas últimas décadas.

Patricia Porto, tesoureira da Federación de Librarías de Galicia, explicou que na actualidade, Moito Conto é unha libraría de referencia non só no ámbito galego, senón tamén a nivel estatal, destacando pola súa labor continuada e de calidade na promoción do libro e da lectura. Os premiados volverán ter este ano un protagonismo especial nas Feiras do Libro que organiza a FLG.

O palestino Basim Al-Khandaqji foi escollido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como Escritor Galego Universal 2026 co obxectivo de poñer o foco en voces internacionais que destacan pola súa obra e o seu compromiso coa dignidade humana e nacional.  O autor acadou proxección internacional coa novela Unha máscara da cor do ceo, galardoada en 2024 co International Prize for Arabic Fiction (IPAF), un premio coñecido popularmente como o ‘Booker árabe’.

 

OBRAS E PROPOSTAS PREMIADAS

 

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes. Alba Rodríguez Saavedra. Edicións Laiovento.

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?. Susana Reboreda Morillo (coord.). Editorial Galaxia.

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
Punto de araña. Nerea Pallares. Editorial Galaxia.

PREMIO Á OBRA INFANTIL
O Peculiar. Érica Esmorís. Cuarto de inverno.

PREMIO Á OBRA XUVENIL
Unha historia de amor coma outra calquera. Rosa Aneiros. Editorial Galaxia.

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
A panadería. Lucía Belarte e David Lorenzo. Kalandraka.

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Rosalía Oculta. Paula Mayor.  Editorial Galaxia.

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Guía ilustrada do Entroido Galego. Alba de Evan, Xabier Domínguez e Iria Prol. Edicións Xerais de Galicia.

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
A máis recóndita memoria dos homes, de Mohamed Mbougar Sarr. María Alonso Seisdedos. Aira Editorial.

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
Mapa da estría. Andrea Nunes Brións. Chan da Pólvora.

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
O proceso. Apaga o candil. Cándido Pazó. Editorial Galaxia.

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
A caligrafía das espigas. Carlos Negro. Apiario.

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
- Club de lectura feminista A Lila + A Sega.