Na sesión do Encontro do sábado 26 fíxose patente a atención que escritoras e escritores prestan aos novos formatos que as novas tecnoloxías achegan á literatura. Os comentarios bascularon entre a necesidade de non perder de vista que a literatura como linguaxe artística debe ser preservada para poder acoller as contribucións que desde outras linguaxes e formatos dixitais poidan vir a incorporarse, e a constatación de que a literatura debe estar preparada para mudanzas de fondo.
Valorouse como necesaria a incorporación dos imaxinarios propios á creación literaria.
Na mesa de poesía os asistentes coincidiron en que é preciso achegala aos lectores e lectoras novas desde novas perspectivas, concluíndo que o poeta ten que aproximarse a eles a través de obradoiros e recitais. Neste xénero literario constatouse a existencia dunha poesía infantil, mentres que se puxo en cuestión o concepto de poesía xuvenil, na medida en que este público responde a perfís lectores con experiencias moi diversas.
No ámbito teatral remarcouse que este xénero fai patente a utilidade da literatura como instrumento que debe ser posto a disposición do público infanto-xuvenil, tanto a nivel da creación como de posta en escena tendo como único obxectivo final chegar ao coñecemento do propio corpo, voz e idioma. Insistiuse en que a mocidade debe ser protagonista do teatro para poder ser lectora e espectadora do mesmo cando adulta.
Fina Casalderrey e Xosé Vázquez Pintor, guiaron as delegacións galega, vasca e catalá, así como ao resto das persoas que acudiron ao Encontro, nun paseo literario por Pontevedra.
Foi unha xornada de intercambio das experiencias que nos últimos anos se están levando adiante en Galicia, Cataluña e Euscadi, e na que se impuxo o optimismo no futuro da creación.
A Casa das Campás acolleu o domingo 27 a Asemblea da Federación Galeusca, da que saíron as conclusións do Encontro:
No acto de clausura, Anxos Riveiro, Concelleira de Cultura de Pontevedra, agradeceu a presenza da Federación na cidade e felicitouna pola profundidade das reflexións achegadas, de proveito para o futuro da Literatura Infanto-Xuvenil.
Pere Morey
Palma, 1941. É escritor e traballou como profesor universitario e xefe de exportación dunha empresa mallorquina.
Publicou unha trintena longa de obras para o público xuvenil: contos populares, novela negra, teatro e, sobre todo, novela histórica, con títulos como Pedres que suren (1984) -Premio Joaquim Ruyra de narrativa xuvenil de 1983-, La ciàtica de mossèn Blai i altres rondalles picantetes (1984) -Premio Joanot Martorell de Gandia de 1984-, La simfonia dels adéus (1995) -Premio Baltasar Porcel de 1992-, Mai no moriràs, Gilgamesh! (1992), El llaüt de vela negra (1993), Allò que conta el vent del desert (1994), Les descomunals aventures del cavaller de l'armadura abonyegada (2003) -Premio Baltasar Porcel de 2002-, A metgessa càtara (2002), Pirènia, el país que mai non vai existir (2009) -Premio Mallorca de literatura fantástica de 2011- e La magrana de foc (2013), entre outros.
Colaborou en numerosos programas de radio e televisión, e ten obra traducida ao alemán, o castelán e o francés. É presidente da asociación Amics del Museu de Mallorca.
María Reimóndez Meilán
Naceu en Lugo e é tradutora e intérprete de profesión. O seu primeiro libro publicado é o poemario Moda Galega (Edicións Positivas, 2002) e no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Edicións Positivas 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (Edicións Xerais, 2006) e do Xerais con O club da calceta (Xerais 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano e o castelán, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. Tamén ten publicados seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest. En época máis recente publicou para o público infantil Lía e as zapatillas de deporte (Xerais 2008), Premio Frei Martín Sarmiento 2010 e O Monstro das palabras (Xerais 2009) e Pirata (Xerais 2009) para público adulto. A súa última novela é En vías de extinción (Xerais 2012) e é co-autora con Olga Castro do ensaio Feminismos (Xerais 2013), se ben xa en 2010 publicou un capítulo sobre a violencia simbólica contra as escritoras na crítica literaria en Galicia no volume Violencias visibles, violencias invisibles co Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias. (Icaría 2010). Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos, ademais do poemario Teatriños de Erín Moure e a obra teatral Kvetch levada a escena por Teatro do Morcego . En 2011 publica Despois da medianoite da autora támil Salma. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais.
En 2010 foi escritora convidada na Universidade de Bangor (Gales, Reino Unido) onde impartiu diferentes conferencias sobre tradución, escrita e literatura, ademais de facer unha lectura de Pirata en Londres. Igualmente realizou estadías na Universidade de Stirling e na Universidade de Munic e en 2011 foi unha das escritoras admitidas no programa do Instituto Cervantes de Munic e na casa de escritoras/es Villa Waldberta.
Ademais, Reimóndez completa o seu traballo literario coas colaboracións en prensa nos desaparecidos A Nosa Terra, o Xornal de Galicia, VIEIROS e os existentes Pro-texta ou Sermos Galiza, Tempos novos ou a Festa da Palabra silenciada. Igualmente forma parte do grupo de investigación Feminario de Investigación: Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas) da Universidade de Vigo, onde realiza a súa tese sobre a interacción do Feminismo, Poscolonialismo e a Traducción.
María Reimóndez leva traballando en cooperación desde o ano 1994, cando realiza a súa primeira visita a un proxecto de desenvolvemento na India. Despois de novas visitas, principalmente de formación e participación en diversos proxectos, todos na India, funda a Organización Non Gobernamental de Cooperación ao Desenvolvemento IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO (www.implicadas.org) que leva traballando na India desde o ano 1998 e desde 2003 en Etiopía en proxectos de desenvolvemento integral cun claro compromiso pola superación da discriminación de xénero como base do desenvolvemento perdurable. No terreo María Reimóndez é experta en enfoque de xénero na planificación e avaliación de proxectos de diversa índole, sobre todo de desenvolvemento integral tanto en zonas urbanas como rurais. Reimóndez é tamén consultora da organización alemá Kinder-Not-Hilfe na aplicación da metodoloxía dos grupos de aforro e o enfoque de xénero, á cal asesora a partir de 2011 no uso desta forma de traballo en Haití tras facer algúns traballos de consultoría en Ruanda. María Reimóndez é tamén fundadora e ata 2009 foi secretaria da Asociación Galega de Profesionais da Traducción e da Interpretación (www.agpti.org).
Bibliografía autora
Obra individual
- -Moda Galega, Edicións Positivas, 2002
- -O Caderno de Bitácora, Edicións Positivas, 2004
- -Crónicas dende a India (libro dixital) http://www.vieiros.com/welcometotiruchy.php
- -Usha, Finalista do Premio Merlín 2005, Edicións Xerais de Galicia, 2006.
- -A videoconsola, Edicións Everest Galicia, 2006.
- -O trasno burlón. Edicións Everest Galicia, 2006.
- -Colegas do futuro. Edicións Everest Galicia, 2006.
- -O can trampulleiro. Edicións Everest Galicia, 2006.
- -Misterio no Deza. Edicións Everest Galicia, 2006.
- -Unha viaxe no tempo. Edicións Everest Galicia, 2006.
- -O Club da calceta, Finalista do Premio Xerais 2005, Edicións Xerais de Galicia, 2006
- -Lía e as zapatillas de deportes, Edicións Xerais de Galicia, 2008
- -Pirata, Edicións Xerais de Galicia, 2009.
- -O Monstro das palabras, Edicións Xerais de Galicia, 2009.
Obra colectiva
- -Implicadas no desenvolvemento. O son das buguinas. Xerais, 2007.
- -Implicadas no desenvolvemento. Vanakkam, Benvidas. Galaxia, 2008.
- -Jares, Xesús R. Educación e paz III. Edicións Xerais, 2008.
Como tradutora (galego)
- -Salma. Despois da medianoite. Xerais, 2011. (inglés)
- -PONIATOWSKA, Helena. A filla do filósofo, Galaxia 2009. (castelán)
- -Moure, Erín. Teatriños ou Aturuxos calados. Galaxia, 2007. (inglés)
- -Heine, Helme. O coche de carreiras. Xerais, 2003. (alemán)
- -Mitos e lendas hindús, Edicións Positivas, 2002. (inglés)
- -Collinson, Roger. As cousas de Berta, Xerais, 2002. (inglés)
- -Heine, Helme. Os tres amigos. Xerais, 2002 (alemán)
- -Berner, Rotraut Susanne, Onde está Orelliñas?, Xerais, 2002. (alemán)
- -Berner, Rotraut Susanne, Orelliñas vai de compras, Xerais, 2001. (alemán)
- -Berner, Rotraut Susanne, Bos días!, Xerais, 2001. (alemán)
- -Berner, Rotraut Susanne, Boas noites!, Xerais, 2001. (alemán)
- -VELTHUIS, Max. Ra e e rata. Xerais, 2000. (inglés)
- -VELTHUIS, Max. Ra e lebre. Xerais, 2000. (inglés)
- -VELTHUIS, Max. Ra e pato. Xerais, 2000. (inglés)
- -VELTHUIS, Max. Ra e porco. Xerais, 1999. (inglés)
- -Burguess, Melvin. Ionqui. Xerais, 1999 (inglés)
- -Mara, Rachna. Entre o costume e a ruptura. Xerais, 1997. (inglés)
(Castelán do inglés)
- -McConnell, Patricia. Por el amor de un perro, KNS ediciones, 2010.
- -Taylor, David. Lindo gatito. KNS ediciones, 2009.
- -Ray, Mary. Superperro. KNS ediciones, 2008.
- -O’Heare, James. Tratado sobre la agresividad canina. KNS ediciones, 2007.
- -Ray, Mary & Harding, Justine. Haz de tu perro una estrella con el clicker. KNS ediciones, 2006.
- -O’Heare, James. Solo en casa. La ansiedad por separación canina. KNS ediciones, 2006
Azpeitia (Gipúscoa), 1974. Encántanlle as historias. Xa desde neno devoraba todas as que se puñan ao seu alcance. De feito, creceu coa mochila chea de aventuras, misterio e intriga. Gústalle viaxar a lugares descoñecidos e perderse no monte e, alí, escoitar os ecos que chegan de calquera parte e logo escribir sobre eles.
As estrelas que vía polas noites impulsárono a estudar Física; as peculiaridades do ser humano, Filosofía. Empezou a escribir porque non podía evitar dar renda solta ás historias que nacían no seu interior. Quería vivir todo e, para iso, pensou que a creación literaria podía ser a súa amiga máis fiel e divertida, porque a través da escritura podía voar. E voar é, con frecuencia, a forma máis fermosa de viaxar.
En 1999 gañou o concurso de contos Cidade de Donosti con Gudaoste ametsak. A ese primeiro premio seguíronlle outros moitos, entre eles, a bolsa Igartza de Beasain (que lle permitiu escribir Ortzadarra sutan), un par de galardóns no certame CAF-Elhuyar de divulgación científica e un par deles máis no Gabriel Aresti de Bilbao. Pero foi en 2003 cando chegou a gran sorpresa, pois obtivo o premio Euskadi por Izar-malkoak.
Cultivou sobre todo a literatura xuvenil, froito do cal son obras como Sexu egunsentiak, Bihotz nahasiak, Dorretxe zaharreko misterioa, Eta ni zer?, Andoitz eta Lurralde Ezkutuak, Iratiko sorgin basatia, Seximenduz... Pero tamén se internou noutros xéneros, como o biográfico (Leonardo), o ensaio (Erraldoi herrena), o thriller para adultos (Gloria Mundi) e a tradución (Eragon).
Josep Francesc Delgado
Barcelona, 1960. Escritor e editor, e exerceu a crítica literaria, o xornalismo e a docencia.
Desde que en 1988 recibe o Premio Joaquim Ruyra de narrativa xuvenil con Si puges al Sagarmatha quan fumeja neu i vent (1988), a súa obra para lectores novos valeulle os premios máis prestixiosos: o segundo Premio Internacional Europa en 1992 con Nima, el xerpa (1993); o Premio Nacional de Literatura á mellor novela xuvenil en 1994 con Sota el signe de Durga (1993); o Premio Josep Mª Folch i Torres de novela para mozos e mozas en 1999 con Ulldevellut (2000), xunto con Hermínia Mas, e o Premio Ramon Muntaner de literatura xuvenil en 2002 con Els llops de la duna roja (2003), título incluído na Lista de Honra do IBBY (2004).
No campo da poesía publicou sete títulos que van desde os poemas-adiviña Endevina, endevinaràs, quin animal seràs (1995), Cosari (2000) e Paraules per endevinar (2012), aos poemarios Autopista púrpura (1988), Els temps dels poderosos (1998), El fum que tot ho enterboleix (2004) e Arrel del foc (2008).
Tamén destacan as adaptacións de contos clásicos e lendas, e unha serie sobre dereitos e deberes de nenos e animais. Ten obra traducida ao inglés, aragonés, castelán, eúscaro e galego.
Carlos Negro
Lalín, 1970. Destaca fundamentalmente polo cultivo do xénero poético. Licenciouse en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela; na actualidade exerce como docente no C.P.I. Eusebio Lorenzo Baleirón, no concello coruñés de Dodro. Durante o ano 2004 desempeñou o cargo de Secretario Xeral da Asociación de Escritor@s en Lingua Galega, coa que segue a colaborar no consello directivo. Desde o 2011 forma parte, así mesmo, da actual dirección da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL).
Desde mediados da década dos noventa, leva participado en numerosos recitais e eventos de carácter poético celebrados por toda Galicia; así mesmo, dedícase a impartir obradoiros sobre creación literaria, especialmente no ámbito escolar e en cursos de formación para o profesorado; colaborou, en diversas edicións, cos actos literarios celebrados na Algarabía de Lalín, e tamén nas Forxas Literarias da Solaina, na Fundación Casa-Museo de Piloño (Vila de Cruces).
Ata o 2013, deu ao prelo os seguintes títulos: as laranxas de alí babá (Letras de Cal, 1998; 2ª edición, corrixida e aumentada, na colección Poeta en Compostela, nº 16, Editorial Compostela, 2006); Far-west (Colección Ablativo Absoluto, nº 20, Edicións Xerais, Vigo, 2001); Héleris (Espiral Maior Poesía, nº 130, A Coruña, 2003; 1º premio de poesía, ex aequo, na VII edición do certame Johan Carballeira, do Concello de Bueu); Cultivos transxénicos (Instituto de Estudos Miñoranos, 2008; 1º premio de poesía Vitoriano Taibo, da Entidade Local de Morgadáns, Concello de Gondomar) e Makinaria (Colección Fóra de xogo, nº 120, Edicións Xerais, 2009), poemario orientado a un público xuvenil. Máis recentemente vén de publicar Abelcebú(Edicións Positivas, 2010), un dicionario de carácter satírico.
Así mesmo, unha breve escolma dos seus textos pode consultarse en antoloxías como25 anos de poesía galega; antoloxía 1975-2000, Vol.III, Biblioteca Galega 120, EditoraLa Voz de Galicia, 2002 ou Poetízate. Antoloxía da poesía galega, Colección Fóra de xogo, nº 89, Edicións Xerais, Vigo, 2006, 2ª edición ampliada e aumentada no 2011. En tradución ao castelán, foi escolmado para a antoloxía Veinte puntos de fuga. Poesía gallega contemporánea, Fundación Editorial el perro y la rana, Caracas, 2011.
No ámbito da prensa dixital, colaborou na sección de cultura de Terra e Tempo, e a día de hoxe mantén unha columna de opinión arredor da actualidade cultural e literaria nos xornais Sermos Galiza e Praza Pública.
Nicolas Zimarro Bravo
Escritor nado en Abadiño (Biscaia). Realizou estudos de Filosofía Pura e Psicoloxía na Universidade de Deusto, Bilbao, e de Doutoramento en Filosofía na Universidade de Navarra, Iruña. É un dos fundadores da ONG Poetas sen Fronteiras-Poets Without Borders (Posf-Powb) e da ONG Poetas en Acción-Poetak Martxan.
Tamén é o creador do espazo web dedicado á poesía, poemaria.com. É membro de diferentes asociacións de escritores e do faladoiro literario bilbaíno “La tertulia de la Granja”. Publicou as seguintes obras:
En narrativa: La última noche, El barco de papel, La pompa mágica, La barquita azul celeste, El silencio de la caracola, El jilguero, El paraíso imposible, El hilo negro, entre outras, e a novela ¿Por qué lloran las niñas?
En poesía: El ser vencido, Cartas a Fan, Silencios, Maitasunez blai. Preso baten laztan galduak, Sonetos al gallito Supermán e Indignación.
Participou nas seguintes antoloxías: 60 relatos 60 autores, Conjugando las artes, Crisol Literario, Treinta poéticas y Nueva poesía y narrativa hispanoamericana.
Premios: Primeiro Premio no Certame "Durangaldea.com", España, 2004, Primeiro Premio no Certame "Durangaldea.com", España, 2005, Segundo Premio no Certame Internacional "Conjugando las Artes", Córdoba, Arxentina, 2005, Primeiro Premio no Certame Internacional "Crisol Literario", Córdoba, Arxentina, 2006 e Primeiro Premio TIFLOS 2009 (Narrativa: Relatos).
Pau Marqués Bisquert
Alfara del Patriarca, l'Horta Nord, 196. Escritor e profesor de lingua e literatura no ensino secundario.
Licenciado en filoloxía catalá e italiana pola Universidade de Valencia, inicia a súa traxectoria de escritor como guionista de banda deseñada, con L’àlbum de Georgina (1991) e L’operació de Ramsés (1993), xunto con Toni Cabó. Publicou diversos relatos en volumes colectivos, o libro de poemas Cala la lluna i altres haikus (2010) e traduciu ao catalán poemas do Nobel italiano Giosuè Carducci. Tamén fixo crítica teatral. Pero é na narrativa para novos lectores onde desenvolve o groso da súa obra, cos títulos El receptari de Malima (1990), Ací hi ha gat en sac (1993), El fill francés (1994), La casa de la Sirena (2001) -Premio de contos populares Enric Valor do Concello de Silla- e Col.loquis de Canet (2012).
Ánxeles Cuña Bóveda
Naceu en Pontevedra en 1957. Licenciada en Ciencias da Educación pola Universidade se Santiago de Compostela. Técnica Superior en Expresión pola Escola de Expresión de Barcelona. Profesora de Ensino Secundario no IES nº 1 de Ourense. Pedagoga, dramaturga e directora de Sarabela Teatro.Directora do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). Foi efémera Directora do Centro Dramático Galego (2005-06).
Como directora, entre 1990 e 2013:
- MADAME DE SADE, de U. Mishima.
- AS SILLAS, de E. Ionesco.
- XACOBE E O SEU AMO, de M. Kundera.
- CAMA (2 X 2 PARA 2), de S. Belbel.
- A ESMORGA, de E. Blanco Amor (dramaturxia de B. Muñoz e C. Couceiro).
- AFECCIÓN, de B. Muñoz, A. Cuña, C. Couceiro e F. Dacosta.
- TICS, de B. Muñoz, A. Cuña, C. Couceiro e F. Dacosta.
- OS SOÑOS DE CAÍN, de B. Muñoz, A. Cuña, C. Couceiro e F. Dacosta.
- O LAPIS DO CARPINTEIRO, de Manuel Rivas (dramaturxia B. Muñoz, A. Cuña, F. Calleja)
- SEXISMUNDA, de P. Calderón de La Barca (dramaturxia de B. Muñoz, A. Cuña, F. Calleja)
- ROMANCE DE MICOMICÓN E ADHELALA, de E. Blanco Amor
- A ILLA AMARELA, de Paloma Pedrer.
- A CONXURA DOS NECIOS, de John Kennedy Toole (dramaturxia de Ánxeles Cuña)
- ASÍ QUE PASEN 5 ANOS, de Federico García Lorca
- ROLDA DE CARICIAS, de Sergi Belbel
- A GATA CON BOTAS, de A. Cuña, baseada na obra de Perrault
- O HEROE, de Manuel Rivas
- LEONCIO E HELENA, de G. Büchner adaptada por Begoña Muñoz.
- Como Directora convidada no CDG:
- MARGAR NO PAZO DO TEMPO, de A. Cuña Bóveda
- DÁME VELENO, EU TAMÉN SOÑAR, de A. Cuña Bóveda
- CÓSIMA, de Chris Baldwin
- A ESMORGA, de E. Blanco Amor (dramaturxia de B. Muñoz e C. Couceiro)
- KONRAD, o neno que chegou nunha lata de conservas, texto teatral de Ánxeles Cuña Bóveda baseado na novela homónima de Christine Nöstlinger
- O INCERTO SEÑOR DON HAMLET, PRÍNCIPE DE DINAMARCA, de Álvaro Cunqueiro
- TANGO, de Mrozek
- VIAXE A NINGURES, texto teatral de Ánxeles Cuña Bóveda, baseado na novela homónima de Fernando Fernán Gómez
- ROSALÍA: OS CANTARES DAS MUSAS, texto teatral de Ánxeles Cuña Bóveda, baseada no “Caballero de las botas azules” de Rosalía de Castro.
- A IDADE DAS PAVÍAS, de Arístides Vargas
- “Os soños de Caín”. De Couceiro, Cuña, Dacosta e Muñoz (incluída no volume Talía na crónica de nós. Mirabel.Vilagarcía de Arousa, 2000)
- “Tics” De Couceiro, Cuña, Dacosta e Muñoz (Bahía Edicións. A Coruña, 2000).
- “A illa amarela” de Paloma Pedrero. Adaptación e dramaturxia de A.Cuña Bóveda (RGT outono 2000, nº 44)
- “A gata con botas”. Creación a partires dos contos de Perrault e Tieck (Laiovento.Colección Foradeserie. A Coruña, 2005)
- “Febre”. na obra “Banqueiros” de VVAA editada por Laiovento
Premios
As obras dirixidas con Sarabela foron merecedoras, ao longo de trinta e tres anos perdurando nas táboas de 54 Premios. Salientamos:
- FETEN de Gijón. Premio á mellor dirección e mellor espectáculo por “Tics”
- MARÍA CASARES á mellor dirección, espectáculo e versión por “O lapis do carpinteiro.
- Premio do espectador no FIOT de Carballo por “O lapis do carpinteiro” 2002
- MARÍA CASARES. Mellor versión e espectáculo por “Sexismunda”
- Premio CELESTINA da crítica de Madrid á mellor achega ao teatro infantil no Estado polo ROMANCE DE MICOMICÓM E ADELHALA de E.B. Amor
- MARÍA CASARES á mellor dirección e espectáculo por “Así que pasen 5 anos”
- MAX polo texto “Dáme veleno, eu tamén soñar”
- MARÍA CASARES. Mellor versión por “Viaxe a ningures”
Alaitz Olaizola Borda
Azpeitia, 1975. Diplomada en educación infantil.
Tras a súa estadía na escola de teatro, pasou ao grupo teatral Antxieta, para posteriormente, empezar no grupo de teatro Lakrikun da ikastola Ikasberri de Azpeitia. Na actualidade, traballa como actriz nese grupo de teatro.
A súa primeira obra teatral escribiuna para o grupo teatral Lakrikun: Ez dira berdinak, antzekoak baizik. Desde aquela, obras súas que foron levadas aos escenarios: Zereko zera..., Garalderen réquiem-a, Agoragofobiatuta, Maritxu nora zoaz..., Zintzilik...
En 2001, logrou o premio de teatro Toribio Altzaga coa obra Zereko zera..., e en 2004, o premio Cidade de Donosti coa obra de teatro Clitemnestraren itzulera.
Posteriormente, á parte de teatro de adultos, dedicouse ao teatro infantil na editorial Erein na sección Antzoki Txikia.
Na actualidade, é articulista na revista de Azpeitia Uztarria. Tamén modera o blog da páxina web uztarria.com. Á parte de facer e escribir teatro, nestes últimos tres anos, traballa como dinamizadora na súa localidade nun grupo de teatro para mulleres.