EIE, a Asociación de Escritores en Lingua Vasca, subscribiu un convenio de colaboración co Concello de Pasaia que vai permitir poñer en marcha este mesmo ano unha iniciativa denominada Hugoenea, A Casa do Escritor, destinada a apoiar a creación de autores que se expresan en linguas minorizadas, entendendo por tales, segundo especifica o convenio, "aquelas que carecen da debida protección estatal", coma o catalán, o galego, o bretón, o frisón ou, loxicamente, o propio éuscaro.
En virtude deste convenio, o Concello cedeu un apartamento situado no distrito de San Juan, para que EIE o xestione e o poña ao servizo de cantos escritores estean interesados. A idea é que en Hugoenea atopen "refuxio" para traballar sobre unha obra determinada, sexa ésta do género que for; desde o ensaio á poesía, desde a novela á tradución ou o
xornalismo.
Trátase dun apartamento modesto pero equipado con ordenador, conexión a internet, impresora e outros servizos básicos para unha persoa que decide illarse da súa contorna habitual poida escribir con más tranquilidade. Está situado no casco histórico de San Juan, mirando ao porto de Pasaia, a apenas uns metros da casa onde Victor Hugo se aloxou en 1841 (de aí o nome da iniciativa, Hugoenea).
O convenio inclúe un anexo no que se especifican as condicións nas que os escritores interesados poden facer uso do apartamento. Así, sinálase que a estancia de cada autor na vivenda, totalmente gratuíta, non superará os quince días, aínda que, coa debida xustificación, o devandito prazo podería prorrogarse. En contrapartida, o autor, por medio dun acordo, agradecerá a axuda recibida e fará mención expresa dela na obra sobre a que traballou no apartamento, unha vez publicada. Ademais, sempre que algunha das linguas que domina o posibilite, deberá estar disposto a participar nun faldoiro sobre o seu traballo orientado sobre todo aos escolares de Pasaia e a atender aos medios de comunicación locais que poidan estar interesados.
Os interesados en utilizar o apartamento poden facer xa a súa solicitude a dirixíndose á Asociación de Escritores en Lingua Galega.
A solicitude deberá ir acompañada dunha presentación do traballo creativo ou proxecto do autor interesado e unha mostra do que estea realizando. No caso de que as mostras estean en catalán, galego ou outros idiomas en xeral comprensibles para os vascoparlantes, non será preciso enviar a tradución das mesmas. Se estivesen en bretón ou frisón, por exemplo, daquela si as mostras deberían levar aparelladas as correspondentes traducións ao francés, inglés, español ou éuscaro.
Ter un precontrato cunha editorial será puntuábel, pero non imprescindíbel, para que a solicitude sexa admitida.