15 de setembro de 2010
Medidas para que o Ministerio de Cultura asuma a multiculturalidade e plurilingüismo existente no Estado no sector da literatura.

 O 15 de setembro viuse e aprobouse por maioría na Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados a Proposición non de lei Medidas para que o Ministerio de Cultura asuma a multiculturalidade e plurilingüismo existente no Estado no sector da literatura, a instancia da Federación Galeusca de asociacións de escritores/as en lingua galega, catalá e vasca, cuxa presidencia lle cabe actualidade á AELG.

 

A seguir, o texto proposto:

 1.- Asumir a multiculturalidade e o multilingüismo que existe no Estado español, dando un trato equitativo ás literaturas que se expresan nas distintas linguas existentes no Estado,  fronte á tendencia a considerar só a que se expresa en castelán.

2.- Reequilibrar a actuación ministerial nesta materia, en particular no relativo a:

  • Presenza en xurados, premios, recoñecementos, actos emblemáticos, convocatorias, feiras e outras presenzas en eventos internacionais.

  • Presenza en padroados de organismos e institucións dependentes do Ministerio de Cultura.

  • Recoñecemento como interlocutores ás asociacións profesionais de escritores en linguas distintas do castelán.

  • Apoio económico ás actividades das asociacións profesionais de escritores en linguas distintas do castelán.

 
 
E a continuación o texto finalmente aprobado por unanimidade na Comisión de Cultura do Congreso:
 
 
1.O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir avanzando no impulso e protección da multiculturalidade e o plurilingüísmo existente en España, mediante unha política de promoción, protección e difusión da obra artística e literaria, con independencia da lingua utilizada.
 
2.O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir impulsando a incorporación de representantes do ámbito literario en todas as linguas do Estado en Actos, Premios, Xurados e Institucións dependentes do Ministerio de Cultura.  Así mesmo insta a crear as condicións para que poidan ser perceptores das axudas económicas as asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado.
 
3.O Congreso dos Deputados insta o Goberno a seguir establecendo canles de diálogo coas asociacións de escritores nas distintas linguas oficiais no Estado.
 

 

E velaquí a xustificación de motivos que acompañou a Proposición:

 

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Federación Galeusca aglutina máis de 2.000 escritores e escritoras que utilizan as linguas cooficiais do Estado español: galego, catalán e vasco, e que reclaman un trato equivalente fronte á tendencia a considerar só a narrativa que se expresa en lingua española.
A pesar da cooficialidade destas linguas, a realidade é que continúan nun status de inferioridade e non gozan do mesmo amparo por parte da Administración do Estado.
O Ministerio de Cultura debe reequilibrar as súas actuacións, sen refuxiarse na escusa das transferencias ás Comunidades Autónomas prestando maior atención á realidade plurilingüe existente no Estado e traballando coa mesma enerxía para difundir a literatura publicada en galego, catalán ou vasco.
Até agora, as políticas do Ministerio en aras á promoción e o respecto pola multiculturalidade brillaron pola súa ausencia. Nada se fixo por introducir elementos de equilibrio nos xurados, premios, actos emblemáticos ou eventos internacionais. Tampouco respecto da presenza en padroados de organismos e institucións dependentes do Ministerio. Seguen sen recoñecerse como interlocutores ás asociacións profesionais de escritores en lingua galega, catalá e vasca. De feito, o director Xeral do Libro só recoñece como únicos interlocutores ao Director da Federación de Gremios de Editores e ao Secretario de ACE, negando calquera diálogo coas asociacións representativas das outras linguas do Estado.
En canto ao capítulo de axudas, de igual maneira que a Asociación Colexial de Escritores en lingua española (ACE) recibe apoio financeiro por parte do Estado, tamén a Federación Galeusca debería beneficiarse das devanditas axudas.
Dada a situación de discriminación que sofre o sector literario en galego, catalán e vasco respecto da literatura en lingua española, sería conveniente que o Ministerio de Cultura adoptáse actuacións tendentes a introducir un maior equilibrio.
 

 A proposición foi presentada polo Deputado Francisco Xesús Jorquera Caselas (BNG).