Do 29 de outubro de 2010 ao 1 de novembro de 2010
Literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro
Foto da actividade

 

 

 

 

Conclusións do Galeusca 2010

 

Reunidas na Coruña, entre os días 29 de outubro e 1 de novembro de 2010, as asociacións de escritores galegos, vascos e cataláns, ao redor do tema “A literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro”, conclúese que:

 

 

 

1.     Demandamos do goberno central garantías e respecto equitativo e de adecuación de políticas de fomento e divulgación das nosas literaturas nacionais en pé de igualdade coa literatura escrita en lingua castelá.

2.     Denunciamos as actuais políticas estatais de afronta e negación dos nosos idiomas nacionais, coa pretensión de anularen o principio de progresión recollido no espírito e na letra da lexislación vixente. Neste sentido, lembramos o contido do artigo 3.3 da Constitución Española de 1978, que impón ao goberno do estado obrigas de apoio efectivo para as linguas cooficiais: éuscaro, catalán e galego.

3.     Reivindicamos a necesidade dunha maior presenza cualitativa e cuantitativa das nosas literaturas nacionais nos currículos oficiais escolares para as etapas de ESO e Bacharelato.

4.     Facemos constar o noso rexeitamento rotundo á aprobación, unilateralmente imposta polo goberno galego, do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario que, por primeira vez na historia da democracia, fai retroceder a presenza horaria, e a consecuente posibilidade de aprendizaxe para a mocidade e infancia, do idioma galego, propio e oficial de Galiza, que afonda na súa condición de lingua minorizada e supeditada á hexemonía do castelán.

5.     Denunciamos a regresión na política de investimentos en cultura por parte da Xunta de Galicia, que imposibilita o desenvolvemento ascendente e normalizado da actividade cultural vinculada ás industrias do sector e co propio proceso creativo de autores e autoras nas súas diferentes manifestacións artísticas.

6.     Mostramos o noso desacordo coa recente convocatoria, por parte do goberno galego, dos agora chamados Premios de Creación, polo seu rexeitamento do cualificativo “Nacionais” co que naceron no seu día e pola anulación da dotación económica que comportaba esta mención de recoñecemento.

7.     Finalmente, entendemos que, nestes tempos de globalización, se fai aínda máis necesaria a defensa dos sinais de identidade dos pobos e de todas aquelas manifestacións nacionais que resisten o intento recentralizador dos grandes poderes políticos e económicos.

  


  

Vexa aquí o discurso inaugural da presidencia da AELG.
Vexa as actas aquí.
 
 

Co patrocinio de:
 
•Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura e Turismo)
•Cedro
•Concello da Coruña-Concellaría de Cultura
•Deputación da Coruña