4 de xullo de 2009
O pasado sábado 4 de xullo en Barcelona a Associació d'Escriptors en Llengua Catalana e a Associació Col.legial d'Escriptors de Catalunya presentaron a outras asociacións de escritores do Estado, entre as que figuraba a AELG, os novos modelos de contratos tipo asinados por estas asociacións catalás co Gremi d'Editors de Catalunya.

A delegación da Aelg estivo conformada polo seu presidente, Cesáreo Sánchez, e polo socio Xaime Manuel Requeixo Souto, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago (1997) e Doutor Europeo en Dereito Civil pola Universidade de Boloña (2002), quen elaborou o resumo do tratado que vos ofrecemos a seguir.

 Trátase dos modelos de contrato de edición, de encomenda de obra, de cesión de dereitos para obra colectiva, de tradución e de tradución a prezo fixo, que están dispoñíbeis en galego para a súa consulta no apartado "Servizos a socios/as" da páxina www.aelg.org.

Nas seguintes liñas preténdese dar unha información básica sobre o contido do Acordo e dos aspectos que se salientaron durante a presentación. Trátase dos modelos de contrato de edición, de encomenda de obra, de cesión de dereitos para obra colectiva, de tradución e de tradución a prezo fixo, que están dispoñíbeis en galego para a súa consulta no apartado “Servizos a socios/as” da web da Aelg. Vid.:  http://www.aelg.org/GoToInformations.do

 

INFORMACIÓN BÁSICA SOBRE O CONTIDO DO ACORDO

             O Acordo asinado en Catalunya, amais dos modelos de contratos, inclúe unha introdución e unha breve explicación de cada tipo de contrato que, pola súa claridade, se reproducen a continuación: 

            «Introdución. Tendo transcorrido máis de vinte anos desde que se publicou a Lei de Propiedade Intelectual e desde que as institucións que representan aos autores/autoras e editores se puxeron de acordo en sancionar uns modelos contractuais que serviran de referencia para o sector e que permitiran estabelecer criterios uniformes de aplicación da Lei axustadas á realidade editorial vixente no momento de tal acordo, estimouse oportuno corrixir e actualizar os modelos contractuais para adaptalos non só ás novas formas de explotación senón, así mesmo, aos diversos modos de xeración de obras intelectuais, xa que a casuística é cada vez máis variada e esixe consensuar modelos que prevexan estas situacións.

            Os modelos básicos seguen a ser o contrato de edición, o contrato de tradución estándar e o contrato de cesión de dereitos para obra colectiva. A partir destes modelos desenvolvéronse o contrato de encomenda de obra e o contrato de tradución con pagamento a tanto alzado.

            Así mesmo acórdase constituir unha Comisión Paritaria que deberá resolver os conflitos que puideran xurdir entre autores/as e editores/as. Só poderá intervir a instancia de parte e cando exista conformidade en someter á súa consideración os conflitos ou diverxencias que puideran suscitarse entre as partes, todo isto de conformidade coas bases que se expoñen en documento aparte.

            Contrato de edición. Modelo básico que deberá utilizarse para a edición de obras de autor/autora, tanto sexa ficción, ensaio, divulgación, etc. Considérase obra de autor/autora a realizada por iniciativa propia e de conformidade cos criterios do autor/a. Este é o modelo que deberá utilizarse sempre e cando a obra non teña sido obxecto de encomenda previa do editor. Non se considerará encomenda previa a simple suxestión ou proposta económica para editar unha obra no futuro. Para a edición de tódalas obras de ficción utilizarase este modelo contractual.

             Contrato de encomenda de obra. Trátase dun contrato atípico non previsto na Lei de forma expresa, mais que debe regularse para cubrir a demanda do sector relativa á necesidade de estabelecer un modelo básico que atenda a situacións concretas que se presentan no sector editorial e que esixen un réxime xurídico particular distinto ao do contrato de edición ou ao de obra colectiva. Este modelo contractual é o que deberá utilizarse para a cesión dos dereitos do autor/autora ao editor respecto a unha obra que se creou por iniciativa do editor, que realizou un proxecto editorial, de tal maneira que o autor/autora deberá realizar a encomenda de conformidade coas directrices que lle indique o editor e con respecto e submisión ao proxecto editorial, no ben entendido que dito proxecto ten entidade suficiente para ser considerada como unha obra preexistente creada no seo da editorial.

             A autora ou autor  terá o dereito a unha remuneración proporcional aos ingresos do editor, respetaránselle os seus dereitos morais e deberá ser informado periodicamente da forma de explotación da obra. Pola súa parte, o editor, en recoñecemento da súa achega decisiva na creación da obra será pleno titular dos dereitos de explotación da mesma.

             En ningún caso se poderá utilizar este modelo contractual para as obras de ficción ou para as traducións, sendo o seu ámbito máis axeitado o das obras de divulgación ideadas e proxectadas polo editor.

             Contrato de cesión de dereitos para obra colectiva. Modelo contractual para a edición de obras colectivas, entendendo como tales as que se producen por iniciativa e baixo a dirección do editor, constituídas polas colaboracións de diversas persoas. Trátase de obras que teñen sido concebidas polo editor, que coordina e xestiona o seu proceso de creación e produción até a súa realización. Constitúen elementos esenciais da súa natureza xurídica a iniciativa do editor, a elaboración dun proxecto editorial, a submisión dos colaboradores ao proxecto editorial e a coordinación do editor.

             Contrato de tradución. É o modelo típico de contrato de edición adaptado á tradución. Prevese unha remuneración proporcional aos ingresos do editor e pode ter unha duración máxima de 15 anos.

             Contrato de tradución a prezo fixo. É un contrato no que o tradutor/tradutora percibe unha remuneración a tanto alzado, pero a cesión refírese a unha soa e única edición e soamente poderá ter unha duración máxima de 10 anos.

 

            Nos dous casos enténdese que a tradución se suxeita a ditos modelos sempre e cando teña a consideración de recreación da obra que traduce e, en todo caso, nas obras literarias e científicas».

 

 ASPECTOS RESALTADOS NA PRESENTACIÓN

 

            - Método de traballo. Para acadar estes modelos contractuais as asociacións de escritores, como punto de partida, conseguiron uns cen contratos de autores e tradutores profesionais que cubrían todos os eidos da escrita. Fixeron un baleirado das cláusulas, elaboraron un primeiro informe sobre as cuestións a mellorar e logo negociaron cos editores desde abril de 2007 até a sinatura do acordo en xuño de 2009.

             - Eficacia. Destacouse que estes modelos de contratos non vinculan xuridicamente e, polo tanto, non poden ser alegados ante un xuíz. Só teñen o valor do compromiso moral e de referente de boa práctica.

             Os editores aceptaron pendurar estes contratos tipo nas súas páxinas web como mostra do seu compromiso en cumprilos. Deste xeito un escritor sempre poderá dicirlle ao editor: este modelo de contrato foi asinado por vostede, logo recoñeza o seu valor e a súa conveniencia. Así mesmo por parte das asociacións de escritores, durante a presentación, suxeriuse a posibilidade de favorecer con algunha distinción ás editoriais que respecten os acordos.

             Nesta liña de procurar o entendemento, o acordo inclúe a creación dunha Comisión Paritaria para ir resolvendo as dúbidas e mediando nos problemas que vaian xurdindo.

             En calquera caso, estes modelos son só un marco referencial. Continuará habendo escritores que paguen a edición da súa obra e outros que poidan negociar condicións mellores.

             - Negociación básica. A principal pretensión por parte dos representantes das asociacións de escritores foi evitar a case total acaparación polo editor dos dereitos cedíbeis polos autores segundo a Lei de Propiedade Intelectual. Tiñan comprobado que a práctica era ceder tódalas modalidades de explotación, durante o tempo máximo legal, con renovación automática, aceptando un número ilimitado de edicións, co dereito de cesión a terceiros tamén ilimitado e por todo isto pagando o mínimo. A cambio os representantes das asociacións de escritores aceptaron a pretensión dos editores de elaborar un modelo de contrato de encomenda de obra. Os editores considerábanse prexudicados pola Lei porque se eles elaboraban por iniciativa propia un proxecto editorial e o encomendaban a un autor/autora, era este o que ficaba coa titularidade dos dereitos. Os editores querían mudar esta situación, resultando o que antes se expuxo sobre o repartimento de dereitos no contrato de encomenda de obra.

           - Modalidades de explotación. No contrato de edición pretendeuse volver a súa esencia que é a de asegurar a explotación da obra. Por tanto había interese en negociar a cesión só dos dereitos que se foran explotar, acadándose o seguinte equilibrio: unha cesión moi ampla no contrato de edición e de tradución en soporte papel e, pola contra, en calquera outro medio (dixital, e-book...) una cesión condicionada a que, se non se explota nalgunha modalidade nun tempo delimitado (recoméndase pactar dous anos), poida retornar ao escritor o dereito a explotar a obra nesa modalidade. A estes efectos separáronse as cláusulas contractuais referidas ao soporte papel e ao soporte dixital (cláusulas 2ª a 4ª do contrato de edición). 

             Con estas prevencións trátase de evitar que un editor adquira o monopolio a explotar a obra en tódalas modalidades e deixe algunhas sen utilizar.

             - Linguas. Recoméndase introducir unha cláusula pola que, se transcorridos dous anos da edición da obra na lingua orixinal, o editor non a publicase en tódalas linguas estatais oficiais previstas no contrato, o autor/autora poida resolver o contrato en canto ás linguas en que non se publicase.

           - Remuneración. Pretendeuse evitar no posíbel o pagamento cunha cantidade a tanto alzado, que a Lei só prevé para a tradución a prezo fixo. Amais fixouse a remuneración por porcentaxe en relación ao prezo de catálogo sen IVE, para evitar que se pacte sobre os ingresos percibidos ou sobre os beneficios. Deste xeito en cada modalidade de explotación pode pactarse unha porcentaxe diferente e só, se resulta moi gravosa a determinación por esta vía, se admite a fixación dun prezo fixo para unha modalidade en particular (cláusula 6ª do contrato de edición).

             Estabelécese a obriga de liquidación anual independentemente de que o resultado sexa negativo e tamén con respecto a que a remuneración sexa en porcentaxe ou a prezo fixo, porque a Lei permite que se revise en calquera caso, se é manifestamente desproporcionada (cláusula 12ª do contrato de edición). 

             Outro punto acordado foi a limitación do número de exemplares que o editor pode entregar gratuitamente para a promoción da obra porque non liquidan dereitos (cláusula 21ª do contrato de edición).

             - Sen renovación automática. Recoméndase suprimir as cláusulas de renovación automática para evitar na práctica unha compravenda da obra (cláusula 14ª do contrato de edición)

             - Cesión a terceiros. Requírese a autorización previa e por escrito do escritor ao editor, por tanto nun documento distinto ao contrato, aínda que despois se lle anexe.

           - Contrato de tradución. En xeral pretendeuse que o tradutor/tradutora tivese os mesmos dereitos que o autor/a. No manifestan deste modelo contractual faise constar a duración e o ámbito xeográfico dos dereitos de edición da obra orixinal para que a tradución nin, no seu caso, a cesión a terceiros, se estendan a máis.

             Por outra banda, como a primeira parte do encargo de tradución non ten regulación legal, prevense contractualmente os prazos de entrega e as penalizacións.

             En relación ao sistema de cómputo para fixar o prezo, recoméndase o cómputo por caracteres (por palabra sería claramente prexudicial en linguas coma o éuscaro).

            - Contrato de tradución a prezo fixo. Resérvase, como xa se indicou, á primeira e única edición da obra nunha modalidade (cláusula 7ª), porque a norma xeral consonte á Lei é a remuneración por porcentaxe.

 

            Finalmente, exposto o contido básico do acordo e os aspectos salientábeis segundo as asociacións de escritores asinantes, fica recomendar a lectura destes modelos de contratos.

 

            Xaime Manuel Requeixo Souto, socio-representante da AELG