Do 9 de outubro de 2009 ao 12 de outubro de 2009
Pequenas literaturas, grandes retos. Co patrocinio de CEDRO e a Consellaría de Cultura e Turismo
Foto da actividade

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d'Escriptors en Llengua Catalana (AELC) celebran todos os anos os encontros Galeusca. A organización de cada edición corre a cargo dunha das asociacións, que asumen esa responsabilidade por quendas.

 En 2008, Galeusca celebrou a súa vixésimo quinta edición, o que evidencia que a relación entre as tres asociacións percorreu un longo camiño. Nestes anos, os encontros Galeusca non só serviron para pór en común información sobre temas puntuais, senón tamén para profundar en cuestións que teñen que ver coa literatura, no máis amplo sentido do termo. Así mesmo, os participantes en Galeusca tiveron ocasión de coñecer in situ a situación das tres linguas en ámbitos onde o seu status legal e sociolingüístico é ben distinto, talles como Andorra, Biarritz, Gernika, Santiago, Valencia, Iruñea ou Mallorca.

 A vontade de cooperación que alenta os encontros Galeusca terminou dando pé a que as tres asociacións constitúan a Federación Galeusca, cuxo obxectivo é acordar posturas ante temas de interese común e servir de interlocutora ante as institucións, especialmente ante os dependentes do Goberno do Estado.

 E 25 anos despois, ¿que?

 Tal e como quedou indicado no epígrafe anterior, AELG, EIE e AELC celebraron o ano pasado a vixésimo quinta edición dos encontros Galeusca. Fixérono en Valencia, baixo o título A literatura e as paisaxes do eu.

 Foi unha edición especial. Por unha banda, serviu de marco para a presentación pública da Federación Galeusca. Por outra, os escritores galegos, vascos e cataláns alí reunidos reafirmáronse na necesidade de seguir celebrando os encontros, adaptados, loxicamente, aos novos tempos.

 Proposta para un novo modelo 

Á Euskal Idazleen Elkartea correspondeulle a responsabilidade de organizar a vixésimo sexta edición de Galeusca, que tivo lugar en Arantzazu, Gipuzkoa, entre o 9 e o 12 de outubro.

As/os membros da delegación galega foron:

 Alfredo Ferreiro, Antía Otero, Antón Riveiro Coello, Armando Requeixo, Cesáreo Sánchez, Dores Tembrás, Eva Moreda, Fran Alonso, Francisco Castro, Laura Caveiro, Marcos Calveiro, Mercedes Queixas e Rexina Vega


 A asociación organizadora creou un blog co nome Galeusca, no que se pode ver o novo modelo de traballo proposto e seguir o desenvolvemento previo e posterior ao encontro:

 http://www.blogari.net/galeusca2009

 


 

  A seguir, o texto da presidencia da Aelg na sesión de apertura:

 "En nome da delegación galega de escritores e escritoras  felicitámonos hoxe por estar aquí de novo en Arantzazu, por estarmos en Euskalerria.

Como nos vintecinco Galeuscas anteriores, vimos a estas xornadas de traballo compartir aquilo que nos é común, neste acto central de visualización dos froitos da nosa relación a través da agora Federación Galeusca; nestas xornadas que permitiron coñecerse a unha ou mesmo a dúas xeracións de escritores e escritoras, e non só nas respectivas literaturas, senón, e tamén, como persoas con capacidade crítica que na comunicación e no coñecemento desbotaron mutuamente tópicos. E foi medrando entre os creadores que integran  os tres sistemas literarios unha relación de respecto e comprensión das nosas diversidades  nacionais.

Nesta forma de relación estábel e organizada, a única e máis longa na historia das nosas nacións, coñecémonos e recoñecémonos. Non podía ser doutro xeito sendo tres nacións diferentes con diferentes ritmos históricos na construción das nosas normalidades idiomáticas, sociais      ou institucionais. Grazas a isto fomos capaces e temos que ser capaces de seguir a reforzar as nosas relacións, a dos nosos sistemas literarios nacionais, coa incorporación das novas xeracións para, neste século XXI, acrecentar os froitos acumulados de xa vintecinco anos de Galeuscas celebrados.

Neste novo encontro,  iniciamos un proceso de pór ao día as nosas  formas de colaboración sen dar pasos atrás na fortaleza das mesmas, pois o Manifesto de Poblet segue a estar vixente, e estou convencido de que estas xornadas serán frutíferas: é a nosa responsabilidade diante das novas xeracións a través do diálogo e do confronto de propostas, seguirmos a partillar este camiño común que é a Federación Galeusca para seguir a construír a historia. Foi e é necesario, para contrarrestar a anovada agresividade recentralizadora que está a imporse no estado español para nos negar que somos tres nacións con idiomas propios."

 


 

 O tema central foi Pequenas literaturas, grandes retos, que se abordou a través dos seguintes temas específicos, que se trataron en cadansúa mesa de traballo:

Estruturación: papel das asociacións, perfil dos socios, Federación Galeusca...

Autoría: os dereitos de autor.

Socialización: a afección á lectura, os mozos, os novos soportes...

Difusión: como difundir, tanto na contorna máis inmediata como no ámbito internacional, as literaturas escritas en linguas minorizadas.

 

A seguir os documentos base, actas e conclusións das mesas:

 

Estruturación:

Documento base

Acta

Conclusións:

Realizar as adecuacións necesarias ao desenvolvemento da Federación Galeusca, reforzando a estrutura organizativa necesaria mediante o apoio ás presidencias coa creación de tres vocalías, unha en cada asociación, encargadas de:
a) Profundar e implementar os contidos propios da Federación Galeusca, así como preparar a asemblea anual, na que se realizará o balance das actividades realizadas, recollido no correspondente informe de xestión.
b) Asegurar o debate e o posicionamento público a respecto das iniciativas que positiva ou negativamente inflúan no desenvolvemento das respectivas culturas nacionais.
c) Desenvolver durante todo o ano actividades conxuntas de interese profesional de acordo co plan de actividades de cada unha das asociacións.

 

Autoría:

Documento base

Acta

Conclusións:

En relación cos dereitos de autor destacouse o papel das asociacións en defensa dos dereitos dos seus asociados en canto ao asesoramento xurídico-legal. Asemade, as asociacións formularon unha serie de recomendacións aos escritores e escritoras respecto da formalización contractual da cesión de dereitos.
As asociacións reclamaron o seu activo papel nos novos retos que se abren no ámbito dos soportes dixitais, así como na posíbel modificación lexislativa da vixente Lei de Propiedade Intelectual. Ao tempo, reivindicaron a súa participación na reforma do marco legal europeo relativa aos dereitos de autor.

 

Socialización:

Documento base

Acta

Conclusións:

En relación co concepto de socialización, o relatorio e posterior debate xirou en torno aos formatos para a dinamización da lectura.  Neste sentido tivo lugar a presentación do libro-disco Bularretik Mintzora.  Kantak, poemak, ipuinak, que pode ser traducido como “Do peito á palabra”. Trátase dun método para aproximar os máis novos ao mundo dos libros que ten en conta a relevancia emotiva da lingua como experiencia íntima desde as primeiras fases de formación. Canda as letras de cancións, poemas e xogos infantís este disco fornece material musical e rítmico que tamén foi estudado desde a súa relevancia durante a xestación. Tentando resolver as carencias detectadas en moitas familias actuais a respecto destes materiais poéticos e musicais en éuskaro, este libro-disco pretende facilitar a relación positiva entre lingua e psicoloxía infantil.

Por outra parte, tamén foron presentados varios métodos de animación á lectura, entre os que destacaron os “Salóns temáticos”, constituídos por un espazo físico configurado a modo de circuito lúdico que integra materiais literarios e artísticos diversos.

 

Difusión:

Documento base

Acta

Conclusións:

En relación co concepto de difusión dos contidos literarios en linguas minorizadas, propúxose a necesidade de establecer estratexias que favorezan a socialización e o contacto co público dun modo horizontal. Un xeito de comunicación en que os contidos, partillados a través das redes sociais, permite a visibilización da cultura e a oferta literaria das linguas minorizadas dun xeito eficiente. Esta estratexia, unida á utilización do software libre, contribuiría á difusión de novos e necesarios referentes culturais para unha sociedade que valora o coñecemento.
Ao mesmo tempo, considerouse imprescindíbel non perder de vista que estamos a vivir un retroceso da cultura en espazos gañados para ela en anos precedentes. Neste sentido apelouse á conveniencia de apostar por proxectos que seduzan os cidadáns propoñéndolles que sexan protagonistas do futuro do país.

 


 


Na sesión de clausura do GALEUSCA 2009, Cesáreo Sánchez Iglesias leu as seguintes conclusións:

 

«Os escritores galegos, cataláns e vascos, reunidos en Arantzazu do 9 ao 12 de outubro de 2009, baixo o lema “Hizkuntza txikiak, erronka handiak, Petites literatures, grans desafiaments, Literaturas minorizadas, grandes desafíos”, tras os debates correspondentes, adoptaron as seguintes conclusións:

 

1. Realizar as adecuacións necesarias ao desenvolvemento da Federación Galeusca, reforzando a estrutura organizativa necesaria mediante o apoio ás presidencias coa creación de tres vocalías, unha en cada asociación, encargadas de:

    a) Profundar e implementar os contidos propios da Federación Galeusca, así como preparar a asemblea anual, na que se realizará o balance das actividades realizadas, recollido no correspondente informe de xestión.

    b) Asegurar o debate e o posicionamento público a respecto das iniciativas que positiva ou negativamente inflúan no desenvolvemento das respectivas culturas nacionais.

    c) Desenvolver durante todo o ano actividades conxuntas de interese profesional de acordo co plan de actividades de cada unha das asociacións.

 

2. Avanzar nos temas de propiedade intelectual e dereitos profesionais nos seguintes aspectos:

    a) Valorar como moi positivos os novos contratos tipo pactados entre as asociación de escritores e o gremio de editores cataláns, recomendando a súa difusión e utilización futura.

    b) Incidir conxuntamente nos traballos da subcomisión parlamentar que estuda a revisión da Lei de Propiedade Intelectual.

    c) Propor tamén a actuación, como Federación e a través de European Writers’ Council, nos debates sobre lexislación e directivas europeas de propiedade intelectual, en especial as relacionadas co ámbito dixital, libro electrónico, novos formatos, etc.

 

Así mesmo, a Federación Galeusca, na súa defensa da liberdade de expresión, ante a próxima celebración do xuízo oral contra a dirección de Euskaldunon Egunkaria, quere facer chegar a súa solidariedade aos imputados e facer pública a súa esixencia de arquivo da causa.

 

Apoiamos as mobilizacións que se van celebrar en Galiza, Euskadi e Países Cataláns na defensa dos dereitos lingüísticos. Neste sentido, mostramos o noso total desacordo coas accións regresivas respecto á normalización lingüística adoptadas polo actual goberno galego.

 


 

Finalmente, a Federación Galeusca, no exercicio rotatorio da presidencia, comunica que Guillem Jordi Graells (Presidente de AELC) é relevado por Cesáreo Sánchez Iglesias (Presidente de AELG), quen organizará o próximo encontro anual desta Federación.

 


 


Vexa aquí máis fotos no Flickr da Aelg