15 de xuño de 2008
Os escritores e escritoras en lingua catalá, éuscaro e galega crearon a Federación de Asociacións de Escritores Galeusca.

A constitución da federación asinouse o 15 de xuño de 2008 en Poblet, coincidindo co 25 aniversario dos encontros anuais entre autores das tres comunidades 

 

Constituiuse, na localidade catalá de Poblet, a Federación de Asociacións de Escritores Galeusca. Por parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega asistiron ao acto de constitución da Federación o seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias (vexa aquí as súas palabras), a súa secretaria xeral, Mercedes Queixas e os escritores Basilio Losada e Xosé Estévez (vexa aquí a súa intervención).

A constitución desta Federación -que coincidiu co 25 aniversario dos encontros anuais entre autores das tres comunidades- ten como fins a representación, promoción e defensa dos escritores en lingua catalá, éuscaro e galega, así como a coordinación das accións dos seus membros cara a unha maior eficacia na defensa dos dereitos profesionais en todos os seus aspectos.

Asemade, a Federación centrarase na actuación conxunta fronte a organismos e institucións da administración pública, tanto de ámbito estatal como autonómico e europeo, como aquelas de carácter privado en calquera de ditos ámbitos. O impulso da normalización do feito literario nas súas diversas manifestacións e soportes é outro dos fins da Federación, así como o fomento das relacións con outras Federacións ou Asociacións que representen os intereses de escritores e escritoras, ou aquelas que agrupen as empresas ou axentes que vehiculan a difusión e comunicación da produción literaria en todo os seus xéneros.

Canto as actividades que se propón a Federación, caben salientar a difusión e promoción das respectivas linguas e da produción literaria realizada a través delas nos distintos xéneros e soportes; o desenvolvemento de programas de investigación e formación e encargo de estudos monográficos sobre temas profesionais; a organización de congresos, seminarios, cursos, exposicións e outras actividades colectivas; a edición de documentos, estudos e traballos de divulgación e a participación en organismos públicos e privados.