En colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela.

En 2008 pasaron por Compostela os escritores/as Jean Philipe Toussaint, Nancy Morejón, Miguel Miranda e Jorge Marmelo. Esta iniciativa ten como obxectivo achegar autores internacionais ao noso país para darlles a oportunidade aos lectores de afondar no coñecemento da súa obra dunha forma máis persoal.

 

Jean Philipe Toussaint:

O escritor belga estivo en Compostela o 6 de febreiro para ofrecer unha charla cos socios e socias da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ao día seguinte, o xoves 7, Toussaint presentou nunha mesa redonda a versión galega do seu libro Fuxir, editado por Galaxia en 2007 como parte da Biblioteca Compostela. O acto tivo lugar no Casino. Vexa aquí as palabras de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Aelg.

 

Considerado un dos escritores máis brillantes en lingua francesa Jean-Philippe Toussaint comezou o seu meteórico ascenso no mundo literario coa súa obra La Salle de bain (O cuarto de baño), de 1985. Con tan só 28 anos fixo contemporánea a "nova novela", levando ao éxito á editorial Minuit, e que marcou o que logo sería o seu estilo único: frases curtas, estilo límpido, sentido dos obxectos, obsesión polo íntimo e cotiá, minúsculo até o absurdo, o cómico ou a estrañeza marcaron tamén os textos que seguirían a esta ópera prima.

Nado en Bruxelas en 1957, reside en Francia dende o 71. Os seus personaxes, solitarios empedernidos, habitan un universo narrativo caracterizado pola descontinuidade e as permanentes rupturas do relato. Así até o de agora ten publicado obras como Monsieur; L'Appareil-photo; La Réticence; La Télévision e Autoportrait (à l'etranger). Tamén se dedicou á escritura de guións de cinema e no 99 realizou a película La patinoire.

Xa en 2002, Toussaint cambia de rumbo con Faire l'amour (Facer o amor), un libro que se completa con Fuir (Fuxir) en 2005. Compoñen un díptico no que a primeira das obras narra unha ruptura e o segundo as súas consecuencias. A súa obra vaise facendo máis visual e cinematográfica. Tras obter un grande éxito nos países francófonos, Fuxir chega a Galiza de man da editorial Galaxia como fermosa resposta literaria ás creacións de cineastas contemporáneos como David Lynch ou Wong Kar Waï.

http://www.jean-philippe-toussaint.de/

 


 

Nancy Morejón:

O venres 25 de abril, ás 19,00 horas, Lectura de poemas comentados, baixo título “A beleza de todos os días”, a cargo de Nancy Morejón, no salón de actos do Consello da Cultura Galega. Acompañaron á escritora cubana o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e Elvira Cienfuegos en representación da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela.

Nancy Morejón é unha das voces máis sobresalientes da poesía cubana dos nosos días. Desde as súas primeiras achegas demostrou unha nova forma de chegar ao poético ao saber compaxinar con excelencia unha depurada linguaxe, non exenta de imaxes surrealistas, con temáticas tan amplas como o social, o amor ou as artes.

Foi unha das primeiras autoras cubanas en facer da cidade un espazo poético e ofrecernos versos nos que a vida cotiá é retratada cos seus detalles, coas súas grandezas e miserias. Pero a autora incide tamén no máis íntimo, e a súa contorna familiar ocupa un lugar predominante e eleva aquilo máis próximo a categoría vivencial e literaria.

Nancy Morejón, como filla do seu tempo e da máis recente historia cubana, ten a habilidade de fusionar o íntimo co social e de aí emerxen poemas que remiten ao feito de vivir nunha sociedade revolucionaria. De singular valía son as composicións nas que a autora versifica a epopeia histórica da escravitude e denuncia sen andrómenas a violación dos dereitos humanos.

Por todo isto a súa voz é indispensable, e non só por aprehender con singular personalidade a maxia do poético nos seus versos senón tamén por facer que a poesía se humanice un pouco máis.

http://www.cervantesvirtual.com/bib_autor/nancymorejon/

 


 

Miguel Miranda:

O 29 de maio, na Facultade de Filoloxía da USC, ofreceu unha conferencia-coloquio con título "Volfrâmio entre GZ e Portugal", que serviu como presentación ao público de O rei do Volfrâmio, o seu último libro.

No acto de presentación da obra estiveron presentes, amais do propio autor, Paulo Rodríguez, xerente do Auditorio de Galicia, en representación da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, e Carlos Quiroga vogal do Consello Directivo da Asociación de Escritores en Lingua Galega para a Lusofonía.

Miguel Miranda, natural de Porto e médico de profesión, está especializado na novela policiaca. Wolframio, a súa última creación está ambientada no Portugal da II Guerra Mundial mais, segundo indicou o autor, "non se trata dun libro de historia, senón unha ficción con pano de fondo histórico".

O wolframio é un metal que resiste altísimas temperaturas e posúe unha enorme resistencia mecánica, o que o convirte nun elemento óptimo para a industria de armamento. Dá a casualidade que Galiza e, especialmente, Portugal son grandes produtores deste metal polo que, en tempos da II Guerra Mundial, xerouse unha caste de 'febre do wolfram'.

Segundo afirmou Miguel Miranda, a súa obra pretende retratar a unha clase enriquecida, os 'wolframeiros' que, tanto en Portugal como en Galiza, viviron un enriquecemento súbito mais no canto de repartir esa riqueza dilapidárona, ficando os seus decendentes na condición de parias da terra.

 


 

Manuel Jorge Marmelo:

O 25 de novembro, no salón de actos da Escola Oficial de Idiomas de Compostela, o escritor e xornalista portugués Jorge Marmelo ditou unha conferencia baixo título “A literatura como diamante que faz explodir ao contrário”.


Jorge Marmelo naceu en Porto en 1971, onde exerce como xornalista desde 1989. En 1996 inicia o seu periplo como escritor de ficción coa obra O homem que julgou morrer de amor, para publicar logo Portugués, guapo y matador (1997); “Nome de tango” (1998); As mulheres deviam vir com livro de instruções (1999); O amor é para os parvos (2000); Palácio de cristal, jardim paraíso (2000); Sertao dourado (2001); Paixoes & embirrações (2002); Oito cidades e uma carta de amor (2003); A menina gigante (2003); Os fantasmas de Pessoa (2004); O silêncio de um homem só (2004, Grande Prémio do Conto Camilo Castelo Branco); Os olhos do homem que chorava no rio (2005) e O peixe Baltazar (2005). Publica habitualmente textos e contos en diferentes antoloxías e publicacións de Portugal, Brasil, México e Francia.

 

http://planeta.ip.pt/~ip202503/geral.html

 


 

 

Pode ver os vídeos das conferencias clicando na icona correspondente na parte superior desta páxina.