Do 17 de setembro de 2014 ao 8 de outubro de 2014
Como escribir o futuro?
Foto da actividade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, achegaron á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras sobre este tema, alén de nos daren un panorama subxectivo de como ven a situación de cadanseu xénero na actualidade.

Neste IX ciclo de mesas redondas propuxémonos encarar algunhas das principais preguntas que o mundo contemporáneo se formula en relación coa creación literaria nos seus distintos xéneros, para sabermos cal é a resposta que desde o sistema literario galego se está a dar aos principais desafíos.

 

IX Ciclo de mesas redondas Escritoræs na Universidade
Como escribir o futuro? 
17, 24 de setembro e 8 de outubro
De 13:00 a 14:30
Salón de actos Facultade de Filoloxía e Traducción da Universidade de Vigo
Lagoas Marcosende, s/n (Campus Universitario)
 
 
 
17 de setembro - Narrativa
Ficción ou dicción? Como escribir unha verdadeira novela contemporánea?
Ledicia Costas e Manuel Portas
 
 
24 de setembro - Poesía
E que faremos do lirismo? A pantasma da poesía dos oitenta
Rosalía Fernández Rial e Samuel L. Paris
 
  
8 de outubro - Teatro
Contar ao carón da lareira en tempos dixitais. Existen novas linguaxes na oralidade?
Celso Fernández Sanmartín e  Paula Carballeira
A seguir, a crónica desta mesas redonda, por D. Besadío para o DUVI:
A sociedade vai cambiando e con ela cambian tamén o xeito de contar historias, pero a necesidade das persoas de contar e ser escoitados sempre estará aí, independentemente de todos os avances tecnolóxicos que os novos tempos traian consigo. “Fronte ás xeadas tecnolóxicas, tradición oral”, así de contundentes se amosaron este mércores na Facultade de Filoloxía e Tradución Paula Carballeira e Celso Fernández Sanmartín, dous nomes de referencia no panorama cultural galego, dous contacontos que unen á súa faceta de narradores orais, outras como a literatura e o teatro, no caso de Carballeira, ou a poesía, na de Fernández Sanmartín.
 
É posible contar ao carón da lareira en tempos dixitais? Existen novas linguaxes na oralidade? Estas foron as dúas preguntas que trataron de responder os dous coñecidos contacontos galegos, encargados nesta ocasión de pechar a novena edición do ciclo Escritoras/es na Universidade, actividade organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Facultade de Filoloxía e Tradución, un ciclo que trouxo ata o campus vigués variadas reflexións de escritoras e escritores galegos que tentaron dar resposta a unha pregunta común: Como escribir o futuro?
 
De ti a ti
“Co boom do contacontos como espectáculo cada vez cóntase menos como se contaba antes, a nivel máis familiar ou íntimo, e isto coincidiu no tempo con todo o despegue de Internet e as novas tecnoloxías”, subliñou Carballeira, que fixo fincapé en que a necesidade de contar e escoitar é inherente ao ser humano e, independentemente de todos os avances tecnolóxicos, as persoas sempre terán a necesidade de que lle conten historias. “No mundo infantil é unha necesidade moi obvia, pero tamén a xente adulta necesitamos que nos conten historias e sentirnos máis humanos”, recalcou a autora, coñecida tamén polos seus papeis en series de ficción para a TVG (Libro de Familia, Pepe O inglés...).
 
“A xente precisa que lle conten historias outras persoas de xeito directo, non só a través dos medios audiovisuais, que é unha maneira de espectador moi pasiva, mentres que cando contas un conto hai un ouvinte e a participación na historia é moito máis activa”, recalcou a narradora, ao que Fdez Sanmartín engadiu que “pasará este boom dos aparellos tecnolóxicos, aínda que só sexa por necesidade física de estar fronte a quen che conta e de ti poder contar”.
 
Galicia e a tradición oral
Ao respecto de se os galegos teñen unha especial predilección por fabular outros mundos, Carballeira fixo fincapé no carácter rural e disperso de Galicia, “onde, ademais, temos aínda moi recente a oralidade, tanto como transmisión de coñecemento como unha particular maneira de enfrontarse ao mundo, e todo isto mesturado si que nos dá un carácter particular”, ao que engadiu que, “non podemos esquecernos que vimos dunha sociedade economicamente pobre, onde había dificultades para chegar a fin de mes, e tamén moi vinculada ao campo e, todo xunto, é un excelente campo de cultivo para as historias”. 
 
En relación tamén a esta forte vinculación co mundo rural Celso Fernández Sanmartín, coñecido como Celsiño, lembrou como nas aldeas a conversa era algo que se presupoñía, “un simple saúdo traía consigo conversar un migallo e, se ben penso que as aldeas perderon en certa maneira ese carácter estase a recuperar nas cidades, onde a cousa vai por barrios”, subliñou o autor. 
 
A non distinción por idades foi outro dos aspectos no que os autores tamén fixeron fincapé, resaltando o feito de que no momento en que se contaba unha historia había presentes varias xeracións e non foi ata a renovación pedagóxica, para o ensino sobre todo, que se empezaron a distinguir franxas de idade. “Tradicionalmente o lugar de contar no que o neno aprendía os relatos, tanto os contos da literatura herdada como as historias de vida, era o propio fogar, e ninguén estaba exento, nin da historia nin das persoas que os contaban”, subliñou Fernández Sanmartín.
 
 
 
 
Este é o guión da intervención de Rosalía Fernández Rial:
 

Que faremos fronte ao lirismo?

Coidarnos.    Protexernos.      Inxectar vacinas irreverentes para combatelo!

Cómpre estar alerta!

Vitaminarse!

Non baixar a garda!

E se ataca, prender unha alarma de urxencia que nos enxorde!

Mandarlle un WhatsApp a Manuel Antonio!

Capitán: estamos SÓS

S. O. S.

Cómpre operar o lirismo antes de que se faga tarde; a peito aberto. Xa! Lañamos!

Diagnóstico: pulmón decimonónico e morriñento corazón.

Precisamos a intervención dos especialistas!

Filólogos do mundo vigués: unídevos! Unha pantasma percorre a literatura galega. É a pantasma do lirismo!

Só o bisturí morfo-etimolóxico nos pode salvar: hai que seccionar a palabra para examinala e reducir o risco de contaxio.

LIRA + ISMO

Velaí a clave do engano!

O termo contiña dobre vertente, oposta entre si.

Ao amputar lexema e sufixo obtemos ALMA E CORPO da poesía galega contemporánea.

-A “LIRA” –tan espiritual!-

-E os –ISMOS –co seu erotismo espido-

 

Dúas opcións contrapostas que definen a arte de crear versos desde a época da Transición á actualidade. Dúas correntes entre as que as escritoras e escritores escollemos:

1. O lóbrego sendeiro da LIRA: ofrece voz de bardo, sapiencia profética, melancolía e intimismo clasicista.

2. A autoestrada sen freos dos –ISMOS: acelera no asfalto da VANGARDA; puntea guitarras eléctricas en vez de liras e contén gorxas que só saben de berros heavis; cuspe, sexo, suor! E veña vísceras fóra!

 

Ben. Agora que xa desafoguei podo expoñer –con maior serenidade- que os dous camiños que veño de referir, realmente compoñen –ao meu entender- as dúas vías maioritarias da poesía galega desde a chegada da Democracia. É certo que existe certa comunicación entre elas e que non se trata de compartimentos estanco. Mais penso que se pode identificar en calquera autor do período citado ata hoxe unha das dúas tendencias de xeito predominante.

Evidentemente, respecto moito as dúas posibilidades e recoñezo que tanto unha como a outra realizaron achegas moi importantes ao noso sistema literario.

Non obstante, eu inclínome decididamente pola segunda; polo ABISMO dos –ISMOS, polo asfalto VANGARDISTA!

Estradas herdeiras das travesías manuelantonianas. Enredadas nas liñas descontinuas de grupos como ROMPENTE; co cassette punk de Lois Pereiro como banda sonora e tras o intermitente dos discursos femininos dos 90!

Pero, sobre todo, coa vista cara adiante; revirando a volantazos o presente! Dándolle a volta ao establecido con rumbo firme, para non afogar na marusía postmoderna.

Vangarda, rodar enérxico e rebelión conducen de maneira inevitable ao formato MANIFESTO! VERSIÓN 2.0! Xeración 2.000!

Focos da subxectividade á máxima potencia, automático da pretensión desactivado e a medio gas o controlador da contradición.

Avante a toda en banda! MANIFESTO 2.0 – XERACIÓN 2.000

1. OBRIGATORIO ADIANTAR

1.1. Adiantamos e subvertemos os carros de bois do “Futurismo”: Deixamos atrás os seus vehículos misóxinos, neofascistas e pro-bélicos.

Marinetti: as nosas pilotas son Vitorias de Samotracia sobre caravanas igualitarias, dialogantes e sen portas.

1.2. Adiantamos as traxectorias perdidas da globalización desbocada e os excesos folkloristas fóra de realidade:

Nós rodamos coas raíces da Identidade propia entre os bosques do mundo enteiro. Deixamos por ronsel carballos milenarios, dentro das fragas máis exóticas. Bailando muiñeira a ritmo de jazz, marcándonos solos de gaita no medio dun blues tan negro como esta terra que nos suxeita e viaxa con nós.

1.3. Adiantamos a pedantería barata dos hipsters New Age e o alto prezo da ignorancia ufana.

Tautoloxía: somos o que somos. Nin máis nin menos.

Consumimos arte porque nos gusta, sen complexos nin necesidade de ventear o que vimos de aprender. Nunca quitamos o “L” do cristal traseiro. Ninguén o sabe todo xamais.

 

2. PERIGO INDEFINIDO:

Ameázanos

-A popularización das artes fronte á necesidade de profesionalización. E

-O “do it yourself” que equipara o proceso creativo a un Manual de Ikea. Contra iso, accidentamos do xeito máis elegante posible:

Denunciando, por unha banda, a confusión entre a creación como medio cara un fin didáctico e a sublimación do feito artístico. E, por outra, a mestura entre a concepción neorromántica do poeta como un ser “superior” e a idea contraria de que calquera que corte liñas gráficas como chourizos pode ser escritor.

Pois ben:

-Ser poeta é igual que ser carpinteira, atleta de elite ou camareiro. Un oficio como outro calquera, que cómpre valorar na súa xusta medida, sen máis nin menos.

-Precísamos dun canon –desde unha perspectiva de xénero, aberta e non discriminatoria- que atenda a criterios de calidade mínimos.

-Ao demais xa contestou Gianni Rodari na súa Gramática da fantasía: “non para que todos sexamos artistas, senón para que ningún sexa escravo”. O texto libre é un exercicio de aula similar á realización de operacións combinadas. Deses matemáticos, algún chegará a astronauta e outros a funcionarios do Estado e non hai nada de malo en ningunha das dúas opcións.

En conclusión, o mellor modo de adestrar para poeta é practicar funambulismo vital sobre horizontes imposibles. O resto vén só...

 

3. STOP!

-Para fuxir dos perigos antes relatados, cómpre deter antes dúas ringleiras de vehículos que nos sumen no máis paralizante dos atascos:

3.1. O infantilismo e superficialidade postmodernos, onde os coches son “mega-chic”

mentres están de moda e sempre que nolos merque papá. Logo podemos tiralos e “jajaja”

–emoticona- que risa nos dá todo.

Nós defendemos –con rudeza camioneira- unha mocidade madura e capaz de afondar nos problemas do noso tempo. Sabemos que a escusa da fin dos grandes discursos –políticos, filosóficos, históricos ou literarios- só serve para manipularnos –como zombis- por rotas de perdición.

Non, grazas, preferimos pensar.

3.2. O mal uso da internet e nomeadamente das redes sociais alimenta –ata a saciedade- ese maremagnum obeso de información e falto de coñecemento.

Non queremos que colgues citas mal atribuídas de intelectuais que non coñeces coa foto en branco e negro doutro persoeiro que xamais chegaches a ler.

Ese tipo de actos van contra a construción dun sistema cultural galego de altura. Reivindicamos non ir contra nós mesmas.

Somos KAMIKAZES só na ficción artística.

 

4. A CEN:

As poetas 2.0 da xeración 2.000

-Conducimos sen freos nin marcha atrás.

-Cuspimos civilizadamente polas fiestras da liberdade.

-Conquistamos estradas literarias xamais transitadas.

-Bailamos hip hops internacionais a 6x8, con acento de muiñeira moderna e cresta punk.

-Atropelamos as etiquetaxes estruturalistas e eriximos novos sinais de tráfico –heterhomo, occiriental, black and white.... C’mon, c’mon, Velaí vai!

-Estudamos todas as letras dos carnés vixente con esforzo e humildade.

-Pilotamos aeronaves virtuais, alén dos formatos impresos, na estratosfera da interdisciplinariedade.

-Violamos as medianas que dividen os xéneros –humanos e literarios- de xeito artificial.

-Saímos á escena da estrada con espectáculos conceptuais.

 

-Prendemos, co lume do intelecto, foguetes dun desexo irracional.

-Somos a pólvora do presente – PARÍMONOS EN CADA ESTALO:

 

-Con siso e velocidade.

 

-Na corda frouxa da Vangarda: poesía sen pantasmas!

 

-Percutindo SISMOS nos ISMOS

 

-IMOS // -NÓS // -AGORA IMOS NÓS!

XENTE NOVA E LEÑA VERDE... A FUME DE CAROZO!