Do 8 de outubro de 2009 ao 3 de decembro de 2009
A Asociación de Escritores en Lingua Galega e a S. X. de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, achegarán á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a posibilidade de saber como ven os autores/as a situación actual dos seus respectivos xéneros literarios.
Foto da actividade

A Asociación de Escritores en Lingua Galega mantén unha colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, que este ano ten continuidade co IV Ciclo "Escritores/as na Universidade", ao abeiro dun convenio de colaboración coa Secretaria xeral de Política Lingüística.

Son catro mesas redondas que tratarán de dar panorámicas dos xéneros narrativo, poético, teatral e ensaístico desde o punto de vista dos seus escritores/as, que faran unha análise subxectiva, para despois participaren nun coloquio aberto ao estudantado.

Baixo o título O poeta en tempos de penuria, iniciouse na Facultade de Filoloxía e Tradución unha nova andaina do ciclo de mesas redondas Escritores na Universidade, unha actividade que acada a súa cuarta edición e que se consolida como escenario a través do que achegarse aos xéneros narrativo, poético, teatral e ensaístico feitos no país desde o punto de vista dos seus escritores.
Poder ter de preto a creadores da literatura galega e coñecer a súa actitude e opinión é un dos maiores logros do ciclo e así o deixaron sentir os diferentes participantes na inauguración do encontro, onde coincidiron o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; a directora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Camiño Noia, e o vogal da Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, en Vigo, Francisco Castro.
“A literatura galega é unha literatura que está viva pero que non sempre é visible”, indicaba na súa intervención Francisco Castro, ao que Lorenzo, docente da facultade, engadiu que, pese a que a promoción da lectura non é un dos principais cometidos do organismo que representa, “non pensamos renunciar a ela e, na medida das nosas posibilidades, pensamos seguir apoiando este tipo de iniciativas”, indicou, ao tempo que animou a non deixar nunca de lado a lectura, “pero non só a letra grande senón tamén a pequena, a ler entre liñas, a botarlle unha ollada densa e múltiple a toda a lectura que chega cada día ás nosas mans, incluídos os medios de comunicación”.

Tempos de penuria para a poesía?
A poesía centrou a primeira sesión do ciclo, que foi presentada polo tamén poeta e profesor da facultade, Gonzalo Navaza.Coa participación dos poetas Antonio García Teijeiro, Elvira Riveiro e Luís González Tosar, os asistentes a esta sesión puideron achegarse de preto a tres visións moi distintas da situación actual da poesía galega.
Realmente son tempos de penuria?, a poesía pode facer algo contra esa penuria? Son algunhas das respostas as que tratou de dar resposta na súa intervención Antonio García Teijeiro, docente e especialista en literatura infantil e xuvenil, pero sobre todo “en poesía”, aclaraba en referencia aos numerosos prexuízos que durante anos acompañaron á literatura infantil, “hoxe en día temos unha oferta forte e sólida e xa non hai desculpa para que non estea presente nas casas, nas escolas, nas bibliotecas...”.
Nun ton claramente reivindicativo, Luís González-Tosar, director do Pen Club de Escritores de Galicia, reivindicou que “nin pequenos, nin invisibles” en referencia a aqueles que tachan a literatura galega como “pequena”. “Non hai literatura pequena, hai escritores bos e escritores menos bos, poetas que chegan máis e poetas que chegan menos... e isto é algo que pasa en todas as linguas”, aclarou. “Para mostra un botón”, González Tosar non dubidou en achegar bos exemplos para ratificar as súas afirmacións, e lembrou o caso do escritor francés Frédéric Mistral, que recibiu o Premio Nobel Literatura por unha obra escrita en provenzal ou occitano.
A panorámica máis actual formulouna a poeta Elvira Riveiro que convidou aos asistentes a facer un repaso á poesía galega que están a facer na actualidade os autores nados na década dos 80, “persoas completamente normais e non pobres poetas incomprendidos”, salientaba en referencia a infinidade de tópicos que rodean o mundo da poesía.

 


 

O panorama actual da narrativa galega someteuse a debate na segunda xornada do Ciclo de Escritora/es na Universidade baixo o título Narrar e contar dos tempos que corren. Marcos Calveiro, Luis Rei e Inma López foron os autores invitados nesta ocasión á mesa redonda durante a cal, os tres escritores expuxeron as súas opinións sobre o que está a acontecer na actualidade da novela galega, afondando na temática, no obxectivo e no público ao que se dirixe con visións moi distintas. Marcos Calveiro foi o primeiro en intervir facendo un repaso pola situación da literatura galega que ilustrou con cifras alarmantes de ausencia de lectores no panorama nacional e aínda máis acusada na comunidade galega. “Só 5000 lectores de toda Galicia consumen literatura no noso idioma por pracer” afirmou Calveiro. Un dos motivos para explicar este declive, segundo o autor, é a escasa visibilidade da literatura galega fronte á castelá, polo que cualificou de “reto cultural” a misión da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Dúas visións moi diferentes
"Na novela galega falta música, sexo, drogas e rock&roll”. Así definiu Marcos Calveiro as carencias que sofre a temática da narrativa galega ao seu parecer, tendo en conta que o maior número de lectores rexístrase na franxa de idade comprendida entre os 14 e os 24 anos, segundo os datos que facilitou o autor ao comezo da xornada. Calveiro cualificou a temática da narrativa galega como “conservadora e clasicista” e argumentou que “é difícil que a temática que se emprega na literatura galega atraia a lectores mozos a pesares da boa calidade narrativa que posúa a obra”. Neste senso, salientou a necesidade de conectar coa realidade actual, especialmente na literatura infantil e xuvenil e non falar dun tempo que para os mozos “non existe”. “Seguimos abrindo as fosas da Guerra Civil cando temos unha temática social moi rica” comentou. O escritor puxo un par de exemplos con relatos ficticios que improvisou sobre a marcha para amosar aos asistentes as posibilidades que ofrece a realidade social en Galicia “da que se pode botar man para lograr bos argumentos” aclarou.
Pola contra, a única representante feminina no debate, Inma López, amosouse en desacordo co seu compañeiro.“Eu non teño unha percepción tan pesimista do panorama literario galego” comentou a escritora, que de seguido deu respostas ás percepcións que fixo Calveiro con respecto á temática desactualizada das novelas galegas, posto que Inma López tratou nalgunha ocasión a materia da Guerra Civil nas súas obras. “Os tempos que corren tamén inclúen o pasado, polo que é necesario recuperar esta temática” argumentou. “Ás veces feitos actuais só poden explicarse se botamos unha ollada ao pasado” engadiu. Na súa intervención declarou que “corren tempos apaixonantes para a narrativa galega” e analizou a situación dos escritores e os receptores das novelas na súa visión persoal sobre o eido da literatura na nosa comunidade.
 


 

María López Sande e Dolores Vilavedra debuxaron o panorama do xénero máis serodio na literatura galega

O xénero ensaístico vive en Galicia unha época de gran vitalidade, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo. Esta foi a idea que tentaron transmitir María López Sández e Dolores Vilavedra na terceira xornada do Ciclo Escritores na Universidade, unha sesión dedicada integramente ao ensaio. Se ben estaba prevista a asistencia de Xosé Manuel Beiras finalmente non puido acudir ao encontro por problemas de saúde.
Presentadas pola catedrática Camiño Noia, López Sande e Vilavedra debuxaron o panorama dun xénero que, tal como salientaron ambas, “sempre tende a ser minoritario”, algo que non é característico de Galicia “pero que aquí semella acentuarse”, subliñou Vilavedra, que manifestou ao inicio da súa intervención sentir certa nostalxia por volver á facultade na que iniciou os seus estudos de Filoloxía Galega.
Outro dos aspectos no que tamén coincidiron ambas autoras é o predominio que se dá en Galicia do ensaio socio histórico político, “algo que non acontece en sociedades máis dinámicas”, subliñou Vilavedra, ao que López Sande engadiu que “este feito está relacionado coas circunstancias de subalternidade que se dan no país”.
López Sández, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007, destacou tamén na súa intervención o peso actual da muller no ensaio galego, “un peso ao que Teresa Moure ou Mª Xosé Queizán, por citar dous exemplos, poñen nome propio”.

Escaso impacto no público, a gran eiva
Pese ao bo momento que se está a vivir no ensaio galego, non é nin moito menos unha situación idílica e, por suposto, hai problemas aos que non é alleo. A práctica ausencia de divulgación científica e o escaso impacto no público son, á vista de López Sande, as dúas principais trabas ás que se enfronta neste intre.
A estes aspectos habería que engadir tamén, segundo insistiu López Sande, “o feito de que é un dos xéneros menos estudados, algo que en moitas ocasións o fai quedar fóra da historia da literatura”, unha forte carencia “xa que para autocoñecerse precisamos tamén coñecer a nosa historia racional que se vincula ao ensaio”.


 

Unha análise do panorama da arte dramática en Galicia baixa o pano do Ciclo de Escritores na Universidade
Os asistentes coincidiron en definir a profesión teatral como "un acto de resistencia e rebeldía"


Cunha análise do panorama presente e da perspectiva histórica da arte dramática en Galicia baixouse o pano do Ciclo de Escritores na Universidade deste curso. Nas últimas semanas, grazas a esta iniciativa e coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Facultade de Filoloxía e Tradución ofreceu un percorrido polo panorama literario do país nas súas diversas manifestacións. Esta última mesa redonda contou coa presenza dos dramaturgos, directores e actores Afonso Becerra, Mónica Bar e Gustavo Pernas, que coincidiron nunha visión da profesión teatral como “un verdadeiro acto de resistencia”.

Compromiso e revolución
Mónica Bar, que asistiu no lugar de Quico Cadaval, e Gustavo Pernas debuxaron o panorama do teatro galego aló polos “floridos anos 80”, a época de maior efervescencia dramática en Galicia e na que eles comezaron e se formaron nesta profesión, que definiron como “un compromiso coa realidade, unha maneira de facer política, un xeito de revolución”. Enriba da mesa, temas primordiais e aínda actuais como a profesionalización do teatro, o papel da muller ou a importancia das subvencións. A actriz Mónica Bar perfilou unha foto fixa do que era o teatro en Vigo trinta anos atras “con salas como a Carral, nunha cidade na que comezaron a formarse grandísimos profesionais como Morris, na que xurdiu a compañía A Farándula da que saíron Avelino González ou Cándido Pazó e na que o teatro era compromiso político, compromiso con Galicia, coa esquerda e co nacionalismo, sobre todo nas aulas universitarias”. Pero para bar, este compromiso revolucionario, “no que todos facíamos un pouco de todo, dende cargar a furgoneta ata actuar”, non se vía no campo da muller. Segundo a actriz, o teatro adoecía de papeis femininos e, por conseguinte, de actrices, algo fronte ao que sempre estivo comprometida.
Pero tanto para ela como para Gustavo Pernas, o punto de inflexión foi a creación do Centro Dramático Galego en 1984, que supuxo o comezo da profesionalización do teatro. Esa “ruptura da harmonía do teatro independente”, en palabras de Bar, representou un cambio profundo, no que as subvencións públicas acadaron unha importancia capital. Para Pernas, en 1984 “as rúas fervían e o teatro é a representación da sociedade; nese ano sube ao poder o PSOE e a representación déixase en mans dos políticos, as rúas arrefríanse e, no teatro, pérdese a paixón, o espírito de compartir”. Pero non todo foi negativo porque, segundo Gustavo Pernas, “o acceso a orzamentos públicos permitiu mellorar, por exemplo, en escenografía e pensar en poder vivir da profesión; foi un salto cualitativo e estimulante, escribir obras que sabes que vas poder levar á escena”.

Que pasa se o texto morre?
Gustavo Pernas, amais de actor e director é dramaturgo e, dende esta perspectiva de escritor, fixo un chamamento á perdurabilidade dos textos das obras. “O texto e o espectáculo son os dous destinos do teatro”, o espectáculo é efémero pero “non podemos permitir que o texto sexa tamén combustible” e demandou unha maior implicación das editoriais para publicar textos dramáticos e máis interese por parte do público, ao tempo que destacou a importancia deste tipo de iniciativas que permiten falar na Universidade deste tipo de textos. “Que pasaría se non quedasen os textos, se foran perecedoiros coma no cine?”.

Máscaras e rostros, personaxe e realidade
Afonso Becerra, escritor, actor e profesor na Escola Superior de Arte Dramática, pertence a outra xeración do teatro, “nos oitenta era un cativo, polo que a miña achega a este debate vai por outros camiños: as máscaras e os rostros”. Becerra, que estrea a obra Neuras o 21 de maio no Centro Cultural Caixanova, fixo un percorrido teórico e histórico da contraposición máscara/rostro, “a máscara é o personaxe e o rostro a persoa; o teatro é o espello que nos permite afondar en nós”, explicou. Dende o teatro clásico de máscaras, Becerra fixo un percorrido pola evolución deste xénero a través da historia ata as performance e os happening dende unha perspectiva ritual do teatro como festa, como arte vital, colectiva e de grupo, como un “laboratorio para ver como somos”.

Descargue o programa ou o cartel.