A poesía infantil e xuvenil conxuga a súa capacidade para seducir desde a lectura coa maxia da palabra, coa súa enorme disposición para o xogo e a súa vocación rebelde e subversiva. Sen dúbida, é un xénero, cheo de forza e de futuro. Nese curso coñecemos e escribimos poesía infantil e xuvenil penetrando nos seus segredos, mergullándonos nas súas formas, nos temas, nas voces ou nos silencios. Exploramos a súa relación coa música, coa ilustración, coa oralidade e coa arte, sen esquecer os mecanismos para saber transmitila e os camiños que levan á súa publicación.
- A cargo de Fran Alonso e cunha sesión especial de Carlos Negro
- Tivo 8 sesións de dúas horas cada unha.
Calendario e inscrición

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.