A Escola de Escritores-as da AELG impartiu un novo Obradoiro de creación literaria con título "Hibridar o imaxinario", nesta ocasión impartido pola escritora Rosalía Fernández Rial e con Paco Souto como autor convidado.
Este obradoiro foi posíbel grazas ao patrocinio da Deputación Provincial da Coruña, a Consellaría de Cultura e a colaboración do Concello de Carballo e a Biblioteca Pública Municipal Rego da Balsa.
Comezou o 2 de agosto e desenvolveuse ao longo de 10 sesións de dúas horas cada unha.
Aquí, o cartel en pdf.
O personaxe que está escribindo foi inventado na primavera do 88. E, en canto chegou ao plano ficcional da realidade, decatouse de que quería ser poeta. Por iso decidiu chamarse “Rosalía” e nacer na Costa da Morte.
O personaxe que está escribindo interpreta o papel de Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988), unha actriz que se licenciou en filoloxía pola USC, estudou acordeón no conservatorio de Carballo e… Si. A partir desta primeira escena, a obra podería irse desenvolvendo dun xeito lineal e sinxelo. De non ser porque o dramaturgo que a imaxinou acaba de concederlle ás súas fantasías o poder de crear. O esquizofrénico poder de crear…
O personaxe que inventei está escribindo, sobre Follas de Carballo (colectivo, 2011), a música duns versos En clave de sol (2009). Acto seguido, achégase á marxe extrema do escenario e ameza ao público, soltando: Átonos (2011)! Cunha estacha de fume na man… Entón, entre os soños do vapor máxico, aparece un exército de pintores e pianistas. Os poemas van cambiando de xénero, vólvense teatrais, e protagonizan representacións polas diversas páxinas da xeografía galega (Carballo, Muxía, A Coruña, Compostela, Ribadeo…). Estrofas rodantes, que para a vindeira tempada teñen previsto dous novos espectáculos: Vinte en escena e Un mar de sensacións.
Rosalía Fernández Rial deixa de ser un personaxe de teatro convencional e aterra o seu corpo na greta da arte contemporánea. O desequilibrio non lle impide recordar o papel vital dos seus libros pasados: En clave de sol (Lumieira, 2009), Átonos (Lumieira, 2011) ou Follas de Carballo (Colectivo, 2011). Mais si a empurra a situarse na corda frouxa das publicacións presentes: as individuais Vinte en escena (Ed. Positivas, 2012), Un mar de sensacións (Semescom, 2012) e Ningún amante sabe conducir (Ed. Positivas, 2014) e as compartidas Contos de taberna (Embora, 2014) eCatálago (2015). Sen perder de vista o remate da súa Tese doutoral, que a segue vinculando á Universidade de Santiago de Compostela.
Non obstante, desde o abismo non hai arneses gráficos que resistan, de aí que a obra de Rosalía siga caendo en forma de CDs como o de ELO ou BARRO e en videopoemas ou proxectos escénicos como os que se poden ver a través da web oficial da autora: http://rosaliafernandezrial.com/
A Coruña, 1962. Coeditor de Letras de Cal e dos cartóns Edicións do Dragón, onde publica con Adriana Castro Dous Bocetos e con Fran Alonso e Miro Villar A rota dos Baleeiros. Autor da peza teatral “Amar non ten Laranxas” nos Cadernos da E.D.G.1994. Ten, entre outros, os premios Espiral Maior 1994 por As árvores do incesto e o Johán Carballeira do concello de Bueu 2006 por As horas de María, ambos publicados por Espiral Maior. Participa en exposicións colectivas e individuais, ilustra libros e colabora en diversas montaxes teatrais. Desde 2006 conduce un programa de literatura en Radio Roncudo, a única radio libre da Costa da Morte. En 1993 realiza xunto a Laura Quintillán e Kukas o espectáculo pluridisciplinar América, no 2001 crea Aínda con Serxio Moreira ao piano e realizan Como augas de maio, e en 2003 Aviléscanto, unha homenaxe a Avilés de Taramancos. En 2007, As horas de María e en 2008, por encarga da A. C. Monte Branco, unha homenaxe a Xelucho Abella, autor homenaxeado nas Festiletras do Couto, Lugar de incendios, montaxe que reúne pintura e poesía da súa autoría con música do pianista Serxio Moreira.
Con Rosalía Fernández Rial, Serxio Moreira á música e a fotografía de Peter Schneider asina Tempo escuro. Neste 2015 dan ao prelo Catálogo con Rosalía Fernández Rial e os ilustradores Chiña e Mon Lendoiro. E editan o CD Proxecto Barroparte dun espectáculo multidisciplinar que clausurou a presente Mostra da Oleiría de Buño.
No prelo agarda e Caín, libro co que a editora Laiovento iniciará a súa colección de poesía Ventoalto.
Dirixe con Paco de Tano a colección de poesía Caldeirón, onde se editan os premios de poesía erótica Illas Sisargas, que veñen de chegar á súa XI edición.
Centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.