HISTORIAS DA CIDADE-BARCO
Segundo ciclo: A Coruña e o mar
Con Xurxo Souto
Obradoiro de creación literaria da Escola de Escritores-as da AELG
As fotos da galería da actividade son da autoría de Norberto Varela Calvo.
Calendario
Sete sesións, de 19.00 a 21.00, os días 19, 21, 22, 26, 27, 28 e 29 de outubro.
O obradoiro incluíu tamén:
Proxección
Dos Gaiteiros do Mar , documental de Martín Rodas e Daniel Lavesedo.
Dous roteiros
- Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes
Ou como a Cidade Vella e a Pescaría están inzadas de referencias náuticas que hoxe xa non sabemos ver. Sábado 24, ás 11.00, diante da Igrexa de Santo André (na rúa do mesmo nome).
A asistencia é libre e aberta á cidadanía. Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 de outubro ás 11.00 e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos – de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.
DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón –conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando. Saúde e océano!
- A toponimia das pedras percebeiras da península da Torre
Ou o encontro co Mar Maior a poucos metros do centro mesmo da cidade. Sábado 31, ás 11.00, na praia de Santo Amaro, diante do antigo cargadoiro de pedra (a carón da farmacia do polígono de Durmideiras).
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á praia de Santo Amaro, e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira.
Tanto para a tradición greco-latina como para as vellas lendas atlánticas, A Coruña é unha fin do mundo –Torre de Hércules, Torre de Breogán-, porta do Mar Maior ou, o que é o mesmo, porta de todos os misterios.
O pintor Urbano Lugrís condensou estas dúas tradicións no seu alcume literario: Ulyses Fingal ( Ulises de Ítaca, e mais Fingal, o heroe dos versos escoceses do bardo Ossián).
O Grelle, Macallás, Area de Cuncha, o Cabalo, as Longuiñas, a Rabaleira, Sogadoiro, Gueivouteiro…Velaí as pedras que rodean a Torre, conforme nos ensinou Emilio Mariñas, o sabio percebeiro.
Nesta ruta –dende a praia de Santo Amaro até o vello faro- queremos coñecer cada unha destas rochas, e que a eufonía dos seus nomes sexa impulso evocador para nos reencontrar coas máis grandes lendas do mar.
Sesión musical
Bohemia coruñenta
Autor convidado
Xavier Seoane
Lugar
Local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na Rúa Olmos, 16 da Coruña (no centro mesmo do barrio da Pescaría)
Contidos
1. Todos os grandes ciclos míticos do mar recalan na Coruña.
2. Don Emilio González López e a ruta do "curricán". A historia da cidade contada polos camiños do Atlántico
3. María Antonia, unha muller de Santa Lucía que lle deu nome a todo un mar.
4. Do Cantón da Sardiña e o Antigo Gremio de Mareantes
5. Os homes mariños do Orzán e oTritón de Lisboa.
6. A outra banda do Muro: Terranova e Gran Sol.
7. A Coruña-La Habana: A cultura galega renace alén do Atlántico
8. Os mortos do Portiño e outras fugas por mar.
9. Urbano Lugrís, e a ruta de Ulises Fingal.
Non coñece A Coruña quen só coñece A Coruña.
Mares de Terranova, augas do Gran Sol, dicídeme vós o que A Coruña é!
Cando lle preguntaron Staffan Mörling por que viñera a vivir a esta fin da Terra, o erudito sueco respondeu rotundo:
Un momentiño. Galiza non é un fin da Terra: é un centro do mar.
Unha declaración que se vira especialmente propia cando falamos da Coruña. A cidade naceu baixo o abeiro do faro do antigo camiño cara Britania. Hoxe esta rocha chantada no Atlántico afirma o seu futuro nun mar polo que circula a ruta oceánica máis importante do planeta.
Todos os grandes mitos mareiros recalaron nesta ribeira. A fin do mundo -Torre de Hércules- para a tradición grecolatina. Mais tamén Torre de Breogán na vellas lendas da conquista de Irlanda. Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo.
A Coruña naceu do mar. Sen embargo a maioría dos seus habitantes actuamos como terrícolas, sen coñecer tan sequera Xogadoiro, Grelle, Ameneadoira, Zambela os nomes das pedras da ribeira.
Wenceslao Fernández Flórez definiuna como a Cidade-Barco. Monterroso Devesa en Nau Enfeitizada, ou Luísa Villalta no seu libro En Concreto, acudiron tamén a esa mesma imaxe.
É tempo pois de embarcar nas palabras, e construírmos xuntos o canto da tripulación. A Torre vai na proa, que a emoción e a creatividade sexan o impulso destas novas singraduras da Cidade-Barco.
Porque o mar non é de todos, non é de todas. Porque todos somos do mar, E así nolo recorda a noite, cando só soa a súa voz a repetir constante a palabra máxica: Orzán, Orzán, Orzán…
Medre o mar!
O cartel en pdf, aquí.