Do 14 de setembro de 2013 ao 30 de novembro de 2013
"Da memoria ao poema" Co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela
Foto da actividade

O novo obradoiro da Escola de Escritores/as da AELG leva como título "Da memoria ao poema" e, impartido por Alicia Fernández, é unha iniciación á creación poética, convidando a escribir desde a lectura, o ensaio literario (proba, erro) e o pracer.

Trabállase a partir dunha escolma de poemas de diferentes autores e falarase de técnicas para a escrita, exemplificando sempre e recorrendo a outros soportes como o audiovisual. Tamén se fará unrecital de poesía e visitaranos Antón Lopo como escritor convidado para contarlles aos asistentes a súa experiencia sobre a escrita e resolverlles as dúbidas básicas (por que escribo?, cando?, onde?...).
 
Programa
  • Reflexión sobre a literatura e a poesía: que é a poesía? (definicións); para que escribir?; como ser escritor?; metapoéticas e autopoéticas; homenaxes e intertextualidade fronte a plaxio.
  • Actividades relacionadas coa linguaxe poética, xogos de palabras e recursos lingüísticos utilizados desde antigo na poesía, que nos serven para brincar coas palabras e confeccionar textos de moi diferente xeito (acrósticos, palíndromos, caligramas...).
  • As novas linguaxes poéticas. Poesía experimental (poesía visual, poemas-obxecto, video-poemas, etc.).
  • Encontro con Antón Lopo.

Deseño de Astrid Seijas, participante no obradoiro.

 

  • Recital.
  
Obxectivos
  • Estimular a sensibilidade poética e fomentar a creatividade literaria.
  • Coñecer a linguaxe poética e as súas posibilidades expresivas.
  • Relacionarse coa linguaxe dun xeito libre.
  • Convencerse de que a escribir só se aprende lendo, escribindo, experimentando coa linguaxe.
 
Metodoloxía
  • Traballo individual e en grupo. Proposta de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión.
  • Participación activa dos compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro.
  • As propostas de traballo están dirixidas desde o punto de vista lúdico-descritivo.
 
Duración
10 sesións, os sábados, de 12:00 a 14:00, a partir do 14 de setembro.
 
 
Lugar de celebración
Sala de didáctica da FUNDACIÓN-MUSEO EUGENIO GRANELL (Praza do Toural)
 
 
 

 

Alicia Fernández Rodríguez naceu en Escairón (O Saviñao) no ano 1987. Licenciada en Filoloxía Galega pola USC.

Participa en numerosos recitais e cursos de iniciación á poesía para nenos. Os seus poemas foron publicados en revistas literarias como  A Caramuxa, Xistral, Dorna, A ciegas ou Revista das Letras, e nos libros colectivos Sempre mar. Cultura contra a burla negra (2003), Letras Novas (2007) e Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega (2012).

No 2005 foi editado por edições Tema o seu poemario Botar o mar polos ollos. 

Gañadora, sendo aínda adolescente, de premios de poesía como o Francisco Fernández del Riego, Francisco Añón, Díaz Jácome, Ánxel Casal ou Minerva, entre outros, galardóns que, co tempo, non lle impediron desenvolver unha voz propia e escintilante, con textos que cativan o lector pola súa intensidade emocional e pola súa ousada transparencia formal. Poemas que arrincan desde un lugar remoto da consciencia para revelar as entrañas do monstro e as súas longas poutas, sempre asexantes.

Participou no IV Encontro de Nov@s Escritor@s organizado pola AELG en 2009 coa conferencia «Canonizar as amigas» coa que fixo un repaso daquelas poéticas que máis inflúen na súa propia escrita, incidindo especialmente na chamada poesía feminina dos 90 (pero tamén nalgunhas/algúns autoras/es dos 80) ao tempo que mostra un suxestivo abano da poesía galega máis recente, na que ela mesma se insire (Alba Vidal, Fran Cortegoso, Andrea Nunes, Mario Regueira, Xiana Arias, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón, María Comesaña, Brais González).

Vexa aquí o cartel da actividade en pdf e jpg.