A escrita do poema: dende a reflexión ao sen alento.
A proposta deste obradoiro foi sinxela, pero ambiciosa: adentrármonos no acto da escrita.
Para isto contamos con oito sesións de dúas horas que investimos en achegarnos a distintas poéticas da literatura galega contemporánea que nos permiten coñecer a variedade de estilos e abordaxes ó acto creador. Ese foi o punto de partida para reflexionar sobre o espazo do poema e os seus mecanismos, tentando aproximarnos á definición do acontecer poético. Ligado a isto afondamos na procura da palabra e o traballo coa linguaxe: silencio, emoción, suxestión. Diferentes exercicios puxeron de relevo os puntos fortes nos que debe afianzarse a proposta de cada participante e tamén aqueles máis débiles que nos levaron á procura de alternativas.
Todo co obxectivo de adquirir as ferramentas necesarias nas que poder desenvolver cada escolla individual. Todo para afondar, entre derivas, no fascinio poético.
Contamos coa presenza do escritor visitante Gonzalo Hermo co que mantivemos un fecundo intercambio de opinións sobre a creación poética. Un encontro no que o escritor puido trasladarlles a súa experiencia no ámbito da escrita.
Dores Tembrás é doutora en Filoloxía cunha tese sobre a poeta arxentina Alejandra Pizarnik. Dende 2001 dedícase á investigación e imparte obradoiros, seminarios e cursos en institucións públicas e privadas. Dende 2009, ano en que sae á luz O pouso do fume, dende entón publicou varios micropoemarios, e colaborou en revistas especializadas, volumes colectivos e antoloxías.