Co título "HISTORIAS DA CIDADE-BARCO. A Coruña, capital do mar", a Escola de Escritoræs puxo en marcha o seu sexto obradoiro.
Foto da actividade

Co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña e a colaboración do Club do Mar de Santo Amaro, o escritor Xurxo Souto desenvolveu a partir do 9 de novembro, en 8 sesións, un obradoiro aberto á maiores de 16 anos, cos seguintes contidos:

 

  • Todos os grandes ciclos míticos do mar recalaron na Coruña.
  • Don Emilio González López e a ruta do "curricán". A historia da cidade contada polos camiños do mar.
  • Do antigo gremio de mareantes.
  • Toponimia e talasonimia do mar da Coruña
  • Os homes mariños do Orzán e o Tritón de Lisboa
  • A outra banda do Muro: Terranova e Gran Sol.
  • A Coruña-La Habana. A cultura galego renace polos camiños do mar.
A inscrición, gratuíta, fixose por orde de solicitude até completar as 20 prazas dispoñibeis.
 
Vexa aquí o cartel.
 
Con esta iniciativa a AELG desenvolveu un dos seus obxectivos: dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro. 

 


 
Cando lle preguntaron Staffan Mörling por que viñera a vivir a esta fin da Terra, o erudito sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar.
Unha declaración que se vira especialmente propia cando falamos da Coruña. A cidade naceu baixo o abeiro do faro do antigo camiño cara Britania. Hoxe esta rocha chantada no Atlántico segue afirmar o seu futuro nun mar polo que circula a ruta oceánica máis importante do planeta.
Todos os grandes mitos mareiros recalaron na nosa ribeira. Esta é á fin do mundo -Torre de Hércules- para a tradición greco-latina. Mais tamén Torre de Breogán na vellas lendas da conquista de Irlanda. Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo.
A Coruña naceu do mar. Sen embargo a maioría dos seus habitantes actuamos como terrícolas, sen coñecer tan sequera os nomes das pedras da ribeira. Por iso, principiaremos o obradoiro pola descuberta dese tesouro toponímico: o Xogadorio, o Gueivouteiro, a Rabaleira, o Grelle, o Xanrei…nomes das rochas percebeiras do pé da Torre. Mais tamén  a eufonía dos caladoiros que rodean á cidade: Carpancho, Abarracidos, Acentes, Tousas de Leste, Tousas de Vendaval.
Non Coñece A Coruña quen só coñece A Coruña. Mares de Terranova, augas do Gran Sol, dicídeme vós o que A Coruña é ! 
Wenceslao Fernández Flórez definiuna como a Cidade-Barco. O Padre Rubinos no Poema da Cruña, Moterroso Devesa en Nau Enfeitizada, ou Luísa Villalta no seu libro En Concreto, acudiron tamén a esa mesma imaxe.
É tempo pois de embarcar nas palabras, e converter tantas mareas en literatura. A Torre vai na proa, que a emoción e a creatividade sexan o impulso de moitas novas singraduras da Cidade-Barco.