Do 22 de febreiro de 2026 ao 10 de marzo de 2026
Co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO) e a Deputación da Coruña

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Nesta edición de 2026 Eva Veiga é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que foi lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto foi tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2026 é: #maiselestamenperdidos

 

 

O cartel pode ser descargado en formato pdf aquí, e en png aquí.

 

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2026

 

 

MAIS ELES TAMÉN PERDIDOS

 

Comprenderás estonces
como abranda a delor as pedras frías,
                                                            anque abrandar non poida
                                                            almas de ferro e peitos homicidas.

                                                                                                   Rosalía de Castro

Cara a onde imos?

Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.

Un legado, o seu, de total vixencia neste noso mundo do que cada quen, nalgunha medida, somos responsables. Un mundo que a día de hoxe produce alimentos suficientes para fornecer 1,5 veces a poboación actual e, non obstante, no que 673 millóns de persoas sofren de alimentación insuficiente, segundo datos da FAO. Miles e miles de crianzas morren de fame ou desnutrición severa. Como definir, entón, esta especie que dicimos humana?

Tembra un neno no húmido pórtico...
Da fame e do frío
ten o sello, o seu rostro de ánxel (...)
E mentras que el dorme
triste imaxen da dor i a miseria,
van e vén ¡a adoraren ó Altísimo,
fariseios!, os grandes da terra,
sin que ó ver do inocente a orfandade
se calme dos ricos a sede avarienta.

En efecto, só a compaixón cos máis vulnerables e a denuncia da cobiza dun capitalismo salvaxe xunto a esa hipocrisía que perverte o auténtico significado das palabras e do pensamento, poden crear un estado de conciencia crítica que limite as accións criminais dos poderes económicos e políticos que perpetran, ante os nosos ollos, xenocidios en Gaza, Sudán, República Democrática do Congo, Nagorno-Karabakh, Nixeria, Etiopía ou a China. Vítimas da fame e de todas as posibles formas de violencia, milleiros de persoas foxen desas circunstancias en procura de refuxio ou de oportunidades para sobrevivir. “Miran para o mar/ os que noutras terras/ ten que buscar pan”. Segundo o CEAR, sete persoas migrantes e refuxiadas morren de media cada día no mar. Se a hospitalidade debera ser signo de civilización, como entender ese odio cada vez maior ao que chega en precariedade e desamparo? Que sociedade estamos a construír se o racismo, a xenofobia e a aporofobia medran ao abeiro de discursos tan irresponsables como infames? Se un Estado non pode dar acollemento a quen nada ten ou o perdeu todo, a quen desafiuzan ou non pode acceder a unha vivenda digna, onde radica a súa razón de ser?

mais ¿cómo pagar, cómo, si un non pode
inda pagar a renda?

Embargaránnos todo, que non teñen
esas xentes concencia, nin ten alma.

Se non reaximos fronte a esa acumulación obscena que reteñen un reducido grupo de magnates, multinacionais ou fondos voitres que dirixen o mundo, provocando desigualdade, cambio climático, explotación laboral, escravitude e guerras, veranse reforzados por respostas cómplices de resignación e servilismo que ata os desfavorecidos defenden, cativos da súa ignorancia. Semella así que vivimos nun sistema feudal, moi lonxe da Declaración dos Dereitos Humanos ou do Dereito Internacional e tan preto da impunidade da clase poderosa. “Mais socede nesta vida/ que os que ten culpa na levan.” Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración. Falamos da bondade que é a  intelixencia máis evolucionada, a que procura o ben do individuo canda o ben da colectividade á fin de mellorar o mundo que habitamos. Porque xa nolo deixou escrito Rosalía, poeta universal, muller afouta e adiantada ao seu tempo que falou alto e claro:

Sin amar cal é negra esta vida
E perde o sol o seu brilo.

 

                                                                                               Eva Veiga
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#maiselestamenperdidos
#_rdc2026
 

O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.

 

 

Actos promovidos pola AELG
Actos organizados por outras entidades
Actividades nos centros de ensino
Propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino

 

Actos promovidos pola AELG

 

Acto central. Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), Santiago de Compostela

O acto central do Dí­a de Rosalía de Castro tivo lugar o domingo 22 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela. A entrada foi libre e gratuíta.

 

 

Este foi o programa :

Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

Lectura do Manifesto da AELG en 2026, Eva Veiga.

Lectura de poemas rosalianos.
- Lucía Fernández.
- Pilar Reino.
- Alberte Ansede.
- María López Sández.
- Suso Seixo.
- Fernando Redondo Neira.
- Margarita Ledo Andión.
- Iago Lestegás. 
- Eva Teixeiro.
- Daniel Asorey.
- Jakson Renner Rodrigues Soares. 

Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Ofrenda floral

Interpretación do himno 

 

A Coruña

En colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda, o luns, segunda feira, 23 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro, tivo lugar a lectura do Manifesto da AELG por Beatriz Maceda Abeleira, e unha posterior lectura pública da obra de Rosalía. O acto contou tamén con música do grupo de Cantos de Taberna da A. C. Alexandre Bóveda e coa actuación de Noite Bohemia.

 

Lugo

O luns, segunda feira, ás 13:30 horas, no Parque de Rosalía de Castro, tivo lugar a lectura do Manifesto da AELG, unha ofrenda floral e un recital poético da obra de Rosalía de Castro, con participación do alumnado gañador do Enredando co Galego 2025.  O acto contou coa colaboración adicional da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

 

Vigo

O luns, segunda feira, 23 de febreiro, ás 17:30 horas, coorganizado pola AELG e a Asociación Cultural O Castro, na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real nº 12) e Local do Centro Social A Revolta), tivo lugar a colocación da ofrenda floral na imprenta Juan Compañel, a lectura do Manifesto da AELG e de poemas de Rosalía no local do Centro Social da Revolta.

 

Pontevedra

 

 

Actos organizados por outras entidades

 

Actos da Fundación Rosalía

Toda a información aquí.

 

Brión

 

Bueu

 

O Carballiño

 

Coirós

 

A Coruña

 

Ferrol

 

Pontevedra


O Rosal

 

Santiago de Compostela

 

Sargadelos (Cervo)

 

 

Valencia

 

Vilalba

 

 

 

Actividades nos centros de ensino

 

- Colexio A Merced de Sarria.

 

- IES Lamas do Castelo (Carnota). Organizouse un recital poético no centro. Iniciouse o recital coa lectura do Manifesto da AELG, para continuar con lecturas de poemas de Rosalía e outras seleccións de alumnado e profesorado. Máis información na páxina web do centro, aquí.

 

 

Propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino

 

 

O lema é: #maiselestamenperdidos

 

Educación Infantil e Educación Primaria:

 

Propostas para traballar individual ou colectivamente na clase:

- Coidas que hai moita diferenza entre a época que viviu Rosalía (século XIX) coa época que estás a vivir ti?

- Escribiches algunha vez un poema? Se a resposta é si, axudouche a sentir algunha emoción especial ou descoñecida?

- ⁠Hai un poema de Rosalía titulado “A xustiza pola man”. Pensas que vivimos nun mundo xusto e igualitario? Razoa a túa resposta.

- Se Rosalía vivise hoxe en día, sobre que temas coidas que escribiría?

- Poderías definir estas dúas palabras: democracia/ditadura?

- ⁠Por que o ensino público axuda a que haxa máis igualdade de oportunidades para todos os nenos e nenas?

- ⁠Define as seguintes palabras: xenofobia, cobiza, empatía.

- ⁠Realiza un rosco de pasapalabra con palabras relacionadas coa biografía de Rosalía.

- ⁠Grava un poema de Rosalía para colgar no blog ou na páxina web do teu centro de ensino, para celebrar o seu Día o 23 de febreiro.

- Para o 3º ciclo de Educación Primaria: buscar o poema e o libro ao que pertencen os versos que aparecen no Manifesto que celebra o Día de Rosalía.

 

Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato:

 

1.   Buscar o poema e o libro ao que pertencen os versos que aparecen no Manifesto que celebra o Día de Rosalía.

 

2.  Cuestións para responder individualmente e a debater en grupo:

a)  Que asuntos preocupan a Rosalía se atendemos á súa poesía?

b)  Coidas que hai moitas diferenzas daquel tempo a este?

c)  Se Rosalía vivise hoxe en día, sobre que temas coidas que escribiría?

d)  Consideras que Rosalía era feminista ou non? Por que?

e)  Paréceche que a maneira de sentir ou a emocionalidade das persoas inflúe na vida social e na política?

f)   Cal cres que é a función da poesía no mundo actual?

 

3.   Tamén para debater en grupo: comentario do poema “A xustiza pola man”. Cuestións a tratar:

a)   Poderíase hoxe en día escribir un poema así?

b)   Coidades que existe unha xustiza “xusta”?

c)   É a mesma xustiza para quen ten cartos ou para quen non?

d)   En relación á xustiza, que diferenzas hai entre unha sociedade democrática e outra que non o é?

e)   Tamén en relación á xustiza, que diferenzas atopades entre a época de Rosalía e a nosa?

 

4.   Realización dun vídeo, individual ou en grupos, que denuncie unha inxustiza que observes ao teu arredor ou da que teñas noticia.

 

5.  Definición das seguintes palabras: obscena, aporofobia, xenofobia, cobiza, capitalismo, feudalismo, empatía.

 

6.  Como che gustaría que te recibisen noutro país se te vises na obriga de emigrar ou sufrises persecución política?

 

7.   Realización dun rosco de “pasapalabra” que inclúa termos relacionados coa vida e coa obra de Rosalía de Castro.

 

8.  Que é a Declaración dos Dereitos Humanos? E o Dereito Internacional? Que significan as siglas FAO e CEAR?

 

9.  Que significa Rosalía para Galicia e para a nosa lingua?

 

10. Gravar un poema de Rosalía e compartilo nas redes para celebrar o seu Día o vindeiro 23 de febreiro.

 

 

A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, arredor do 23 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #maiselestamenperdidos e #_rdc2026. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2026, para a irmos facendo constar na nosa web: https://www.aelg.gal/actividades/dia-de-rosalia-de-castro/2026/2/22/dia-de-rosalia-de-castro-2026

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.