Do 14 de decembro de 2001 ao 16 de decembro de 2001
O IV Congreso de Escritores Galegos analiza a situación da literatura no país.
Foto da actividade

Poucas semanas despois de rematar o encontro de escritores bascos, galegos e cataláns Galeusca 2001, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) convoca outro foro para reflexionar encol da escrita. O IV Congreso de Escritores Galegos que comezou o 12 de decembro en Vigo analizou a situación da literatura no país e os procesos da creación literaria, permitindo o intercambio de experiencias e ideas entre os literatos. Este congreso é o último acto que organizou a AELG antes de acometer a renovación da súa xunta directiva, en xaneiro de 2002.

Os escritores falan

A Asociación de Escritores en Lingua Galega xuntou máis de medio cento de creadores en Vigo para discutir arredor do lema "Literatura galega, camiño de futuro".
A convocatoria foi aberta, ademais de aos douscentos socios da AELG, a todos os interesados no Centro Cultural Caixanova de Vigo.
O encontro abriuse coa intervención do alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo e Francisco Fernández del Riego, acabado de dimitir como presidente da Real Academia Galega. Na súa intervención, Del Riego realizou un percorrido pola historia da literatura do país.
O sábado concentrouse a actividade do congreso, coa realización da mesa redonda "Creación Literaria, discursos e aventura" que, moderada por Yolanda Castaño, contou coa participación de Xavier Alcalá, Marta Dacosta, Miguel Mato, María Xosé Queizán, Pilar Pallarés e Suso de Toro.
Pola tarde Salvador García Bolaño coordinou o debate sobre "Texto e contexto para a literatura nacional" no que participaron Emilio Xosé Ínsua, Xosé Manuel Millán Otero, Francisco Rodríguez e Luís Villalta.
O peche do congreso foi o domingo cunha conferencia do catedrático en Filoloxía Galega e Portuguesa Basilio Losada.
O presidente en funcións da AELG, Xosé María Álvarez Cáccamo, denunciou que "é insuficiente o apoio á literatura e creo que hai que falar de censura de medios de comunicación monopolistas e ó servicio do poder".

 

Programa

Centro Cultural Caixanova – Sala de Conferencias
 
Día 14 VENRES
19.30 Acto inaugural
20.00 Conferencia inaugural: Francisco Fernández del Riego
 
Día 15 SÁBADO
10.30 I Área de Ponencias e Debate. Creación literaria: discurso e aventura
Xavier Alcalá, Marta Dacosta,  M¡guel Mato Fondo, María Xosé Queizán, Pilar Pallarés, Suso de Toro
16.30 II Área de Ponencias e Debate: Texto e contexto para unha literatura nacional.
Salvador García-Bodaño, Emilio Xosé Ínsua, Xosé Manuel Millán Otero, Ramón Nicolás, Francisco Rodríguez, Luísa Villalta
 
Día 16 DOMINGO
11.30 Acto de Clausura
12.00 Conferencia de clausura: Basilio Losada
 
O programa en pdf.