Discurso de Uxío Novoneyra
Escoitei estes días repetida grande inseguranza sobre do futuro da Lingua. Zozobra que racionalmente eu tamén comparto, pois o peligro é demasiado evidente pra iñoralo e sobre todo pola información e comunicación instantania e múltiple a ámeto universal. Pero as veces o peligro máximo supón unha reacción ou resposta máxima e atenta, avisada. E o resultado pode ser o contrario, unha reacción universal de autodefensa das etnias alertadas. Refírome ás etnias-linguas, con lingua propia, como se dice. E básome na escura seguranza. Esa escura seguranza que malia a todo sentimos. A certeza escura da pervivencia do noso ser galego. Mentres os poetas i os narradores, que son outra maneira poética, sigan escribindo en galego estade certos polo menos da posibilidade de salvación. Ninguén escribe pra unha segura futura lingua morta. Remítome a un verso das elexías do Courel “¿Por que a espranza?... Ela sabe algo que un iñora”. Ahí temos toda a poesía galega contemporánea tan elexíaca as veces e tan desengañada, dendes de Rosalía ate hoxe. Quizaves todos ises poetas sentiron como nós agora o peligro, o inminente risco da lingua. Pero unha escura corrente os mantiña. Así, o lelos, a súa indudable tristura de muitas veces danos forza sempre. I esto non pode ser, senón é pola escura certeza de que malia a nosa morte individual estar maña vivos biolóxica i espiritualmente vivos nas xeneraciós futuras. E deixemos a incerteza, inda que ela volva dentro dun intre poilos poetas son os tipos menos ilusos do mundo de tan atentos o exterior i o interior e o reconto minucioso da memoria.
¿Como haberá críticos que tan alegremente con unha alevosía tan insensata se atreven coa poesía sen unha mínima intensidade interior, experencia profunda e suficiente memoria e humildade?. Eso que ven despois da experencia, da experencia sempre renovable. Críticos, como se dí, con ideas previas ou fixas, con clichés coñecidos e críticos non dados a lectura-apertura. Un crítico non é mais que o último lector . Debera abrirse á obra do poeta coa pureza do lector fervoroso e axudar e ese lector. ¡Co difícil que é acceder ó texto poético escrito! Texto que ten distancia incluso do que teimou decir o poeta, o propio poeta autor. Porque e sabido que non so escribimos coa nosa experencia se non tamén coa experencia de todo o pasado que xa está previamente na lingua, e inda coas posibilidades nosas que non esgotamos porque houbo que escoller sucesivamente unha sola sobre a marcha. Pero algo do que puido ser e non foi queda resoando e métese no texto, e altera, modifica. Por iso somos máis que nós mesmos, somos incluso os outros, e non so os outros homes se non os outros seres e inda as cousas ¡Todo! Todo iso está no home, en calquer home, e alúmao con dificultade o poeta. Por iso hai que ler as palabras como ofrecéndoselles mais que como ofrecidas a nós.
Pois non nos foron simpremente ofrecidas como expostas, senón pra que rematemos a criación pois ningúa é completa. Pouco mais que un intento so aparentemente logrado. Por iso a poesía rexeita tanto a pedantería. E a exposición lograda e todo o que non queda no aire pra que outro e outro o colla e defina. Por iso inda os textos poéticos mais alongados na historia, os mais distantes, nunca son meros restos do pasado. Aínda están chegando a nós achegándose. Por iso non hai palabra poética última válida só por iso, senón simulación de avangarda, ou chámanse avangarda os seguidores do mais exterior das supostas avangardas. O que non quer tampouco decir que non se identifique a palabra actual.
E virando algo a dirección diste breve discurso diremos que as linguas teñen unha maior ou menor tradición poética, dispoñibilidade verbal, ou orden verbal, posibilidade verbal e que non todo está no explicitado dicir, nin no recurso da vaguedade pro que xa esta dito. Nin vir cunha imaxe que se quede máis acó dun conceuto sobradamente definido. Pero si semella haber mellor disposición de certas linguas pra palabra poética. É a longa labor dos poetas que escribiron ou falaron nela quen a volven hable, hábil. Non só dos poetas nomeados, se non a dos escuros supremos, antigos anónimos, facedores da lingua, os que se calmaron e nos colmaron o expresar algo novo. A aquéles e a éstes a tódolos pasados galegos e non galegos que entraron nela se lles debe que a nosa lingua teña tradición poética. E que o poeta exceda sempre a si mesmo. E que a obra exceda ó poeta. Si, indudablemente, tamén sómo-los outros. Os outros nosos. E acabaremos quizaves sendo os alleos. Mais entón eles xa serán nosos.
Uxío Novoneyra
Presidente da Asociación de Escritores en Língua Galega
23 de setembro de 1995
O III Congreso da Asociación de Escritores critica o retroceso lingüístico do galego
A AELG conságrase como organismo unitario e reclama o seu recoñecemento polas institucións culturais.
Quince anos despois do congreso fundacional de Poio, os membros da Asociación de Escritores en Lingua Galega mostraron a súa inquietude polo retroceso na normalización cultural galega e puxeron de manifesto a necesidade de dar pasos nun compromiso máis activo co país.
Este terceiro congreso, celebrado os pasados 22, 23 e 24 en Santiago, tivo por lema 100 anos de literatura contemporánea.
O III Congreso de Escritores Galegos estaba chamado desde o comezo a ser un punto de inflexión na traxectoria da AELG que tentara agrupar nesta ocasión a membros até esa altura arredados da organización. Cumpría pór de manifesto a xa imperiosa necesidade de traballar colectivamente diante dunha situación a cada tempo máis difícil para os que teñen á lingua como a súa principal arma.
Uns cincuenta escritores e escritoras asistiron á conferencia inaugural de Manuel María que, alén de facer un percorrido pola estreita relación entre creación literaria e conciencia nacionalista, deixou ben claros os puntos polos que ían discorrer os debates. O manifesto do escritor da Terra Cha pasou por recoñecer os "insuperábeis atrancos que sufrimos por parte dun poder ramplón, uniformador e represivo" a enumerar de xeito pormenorizado as ameazas contra unha normalización inexistente: ensino antigalego desgaleguizador, medios de comunicación, leis e vontade política en contra. Cumpría pois reclamar "unha acción política axeitada, de ai que sexan vitais unhas forzas políticas de nós".
O proxecto de futuro esbozado en Bonaval comezaba por recoñecer unha cultura asolagada polo poder dos organismos oficiais e a necesidade urxente de loitar de xeito colectivo a prol da lingua. En todas as intervencións do congreso houbo unha chamada á reflexión sobre os prexuízos do regresivo camiño na normalización lingüística, para o que cabían dous argumentos: un compromiso firme co país e, parello, a evidente constatación de que sen lectores en galego a literatura carecería de sentido. "Os escritores teñen que loitar pola normalización do idioma, se non non sei por que e para quen seguimos escribindo" sinalou Afonso Álvarez Cáccamo. Desde o grupo de poetas dos 90 que asistiron ás xornadas, Rafa Villar dixo tamén que "unha literatura non se pode salvar se non se salva á lingua na que se escrebe".
A pesares de que poida parecer que a estas alturas da historia é gratuíto volver a falar dunha literatura galega "de calidade, independente e non subsidiaria de ningunha outra" no congreso que quería facer balance dos 100 anos de literatura galega contemporánea, como rezaba o seu lema, reiterouse a necesidade de "rebelarse contra o pesimismo e poñer o necesario para superar esa especie de cabezas baixas" como dixo o secretario da AELG, Miguel Anxo Fernán-Vello e reivindicar un estatus adecuado para o escritor galego. Tan só, apuntou, Manuel María con igual tratamento nos medios de comunicación que as "equipas de primeira división da liga".
A Esmorga nada ten que envexar a La familia de Pascual Duarte a non ser, como sinalou Lois Diéguez os "prexuízos para negar o mellor que temos" e contra iso ouvíronse voces en Compostela que reclamaron para a literatura galega a valoración á par de calquera outra do ámbito europeo.
Medidas concretas.
A presión que teñen obriga de facer os criadores mercé á súa influencia social materializouse nunha serie de medidas de inmediata execución que foron aprobadas e reclamadas en Bonaval. Urxente é a presenza da AELG no Consello da Cultura Galega e en calquera organismo público que xestione a riqueza cultural do país. Necesaria é tamén a súa participación na selección dos libros de texto dos escolares galegos, habida conta de que moitos deles eluden falar dos nosos escritores e enchen as súas páxinas con traducións doutras literaturas. Obrigada resulta a esixencia de que os medios públicos galegos teñan a ben contar na elaboración da súa programación cos criadores e criadoras nacionais que até o momento foron eliminados.
O discurso feminista de Chus Pato e Marilar Alexandre que se deixaba ouvir nun foro maiormente formado por homes puxo por un momento o protagonismo no espazo literario das mulleres, conformado por unha poética "antipatriarcal" segundo Pato a pesares de ter "bebido de códigos machistas", como dixo Marilar Aleixandre.
Tamén o confronto xeracional dos poetas se deu cita no congreso no que unha nutrida presenza de poetas novos que queren "atopar o seu espazo físico" quixo deixar patente a boa saúde da creación literaria galega. En canto ao debate sobre as limitacións dos xéneros na literatura galega, se Bieito Iglesias chegaba a "admitir un plaxio plausíbel que trouxera xéneros á literatura galega", Lois Diéguez matizaba as palabras de Iglesias e defendía "partir do que nos rodea ou non pero sempre cunha perspectiva propia de ser galegos, a mimética non vai aportar riqueza literaria".
Na espera de que as vontades expresadas en Compostela se materialicen en feitos, Méndez Ferrín defendeu, na conferencia de clausura, os "escritores galegos de pensamento forte" e os "lectores igualmente rexos" que deben asumir que "o pasado de Galiza é presente en nós e a súa vixencia é necesaria". Facendo un percorrido pola lingua patrimonial, o escritor volveu recoñecer o peso da estirpe para encarar a "febleza deste tempo".
Se todos os presentes no Congreso de Escritores tiñan clara a necesidade de seren coñecidos internacionalmente como calquera literatura normalizada, a ninguén se lle escapaba a dificultade de entrar en certos ámbitos de lectura, nomeadamente no mercado de lingua española. Cando Pilar Vázquez Cuesta, puxo o dedo na chaga sobre a tradución dos propios textos, ao dicir que "é espantoso ter que autotraducirse, pero ninguén di non á aspiración de que a literatura galega chegue a ser coñecida fóra". Manuel María conduciu o tema a un ámbito, polémico, pero en extremo coñecido: "Os casteláns non len os escritores da periferia traducidos". A aseveración do poeta ía ser confirmada polo representante dos escritores cataláns quen asegurou que mesmo libros de éxito en Cataluña apenas tiñan eco ao seren traspasados ao castelán. A desmitificación da importancia da tradución ao español viña curiosamente da man dos mesmos que estaban a defender a necesaria universalización: No debate agromaba a demanda de valorar a propia literatura como unha creación normalizada e non estaría a máis lembrar as manifestacións que fixera hai un ano o escritor Suso de Toro, ao comprobar que eran precisamente as súas obras vertidas ao español as que maior repercusión tiñan nos circuítos comerciais da Galiza e nos medios de comunicación como axentes activos na desgaleguización do país. O entramado camiñaría así por desgaleguizar a literatura galega na Galiza, por pouco que se mire abonda para apreciar o fino tecido dun activo imperialismo cultural. "Nin os cascos azuis das culturas normalizadas nos contemplan" dixo o poético discurso de Luísa Villalta para facer ver que escriben "nun sistema que nos nega".
Alegato contra os "mangallóns".
Nun tempo no que datos abondan para ter o medo no coarpo sobre o futuro da lingua galega é esperanzador ver como os escritores deciden en Bonaval tomar cartas no asunto e defender a súa máis importante arma. Convén non estar despistados, "estamos en tempos dun fascismo intelixente", dixo Carlos Mella ante a confianza dos que crían que a razón viña da man da poesía. E hora de pasar a acción colectivamente e nesta altura xa moitos se decataron que de pouco valería ter unha creación literaria normalizada nun pais de desgaleguización crecente. Con palabras, as escrita galega ameaza con saír das marxes das súas páxinas para se converter nun revulsivo diante dunha situación que os nega. A inicial reivindicación de Manuel María de que o seu destino tiña que ir unido a "forzas políticas de nós" persistiu no ambiente durante todas as xornadas na demanda dunha literatura comprometida que debía dar as costas a calquera espellismo de neutralidade. Fóra quedaban os escritores "mangallóns", ao dicir que Xosé María Álvarez Cáccamo, aqueles que viven á sombra de prebendas inmediatas e gustan de pasear o seu éxito de renomeados autores á beira dun poder ao que tanta falta fan para embelecer a súa imaxe e do que tamén tanto se saben servir. Non asistiron á cita. "A literatura segue sendo unha arma utilizada polo poder máis do que nós pensamos, ás veces esquécese que noso país hai xa bastantes mangallóns", sinalou Pilar Pallares para apoiar as propostas zapatistas de Lois Diéguez: pasar á acción reivindicativa e colectiva, entrar na perspectiva institucional da forma que sexa necesaria, participar dos conflitos relacionados co escritor, nomeadamente no tema da lingua, e potenciación forte da AELG. Díxoo Cáccamo: nin apocalípticos, nin integrados, xenesíacos.
[Crónica de Carme Vidal en A Nosa Terra, n. 693, 28 de setembro de 1995]