2005

  30 de abril
    Homenaxe "Os bos e xenerosos" ao Museo do Pobo Galego
    Resposta á laudatio en honor do Museo do Pobo Galego
Xusto Beramendi González (Presidente da Xunta Rectora do Padroado)
 

Non será doado para min estar á altura da brillante e garimosa laudatio que acaba de facer o meu querido colega Xosé Ramón Barreiro, a quen lla agradezo en nome de todos os que pertencemos ó Patronato e ó Museo. A dificultade aumenta no meu caso porque eu non estou afeito a recibir premios, nin siquera en representación doutros, e o meu carácter, máis dado á crítica aceda e ó sarcasmo que á gabanza e á noraboa doce, non vai moito con estes amables agasallos. Pero si teño metido no meu código xenético ese dito da miña terra de orixe que reza: ser agradecido é ser ben nacido. E con todo corazón agradezo a honra que me concederon os meus compañeiros de Patronato de intervir neste acto para expresar, en nome propio e no de todos eles, o sinceiro recoñecemento de todos nós por esta distinción que co seu nome invita a emular ás persoas máis admirables que deu Galicia. Bos e xenerosos foi o apelativo colectivo que quixeron para si os homes e as mulleres que, co seu sacrificio desinteresado, contribuíron poderosamente a que os galegos sigan a ser un pobo de seu, unha patria no sentido máis noble desta verba. Nós non podemos aspirar a igualalos. Chéganos con imitalos, que xa é de abondo.

Hai momentos históricos nos que os pobos empezan a rebulir na procura de novos horizontes, do cumprimento de arelas, vellas ou novas. Tales foron os anos diso que agora chamamos transición e que daquela moitos queríamos ruptura total cun presente e un pasado ominosos. Agromaban naquel tempo moitos proxectos. E case todos morrían apenas nados, víctimas nuns casos dun radicalismo inviable, noutros de retesías sectarias ou de rifas personalistas, e sempre pola resistencia duns poderes reacios por natureza a todo o que non controlaban. O proxecto do Museo do Pobo Galego foi un dos poucos que callou, e hoxe ten a honra de ser, xunto coa Academia Galega, unha das contadas institucións importantes no ámbito da cultura galega que, criadas pola sociedade civil no século XX, poden afrontar consolidadas o século XXI.

O segredo desta capacidade de supervivencia pouco frecuente cecais estea na vontade dos seus primeiros promotores de recoller e aplicar o espírito do extinto Seminario de Estudos Galegos, o que implicaba, amén do servicio non retribuído a Galicia, a integración na obra común de todas aquelas persoas e institucións dispostas a participar no labor proposto, por riba de diferencias ideolóxicas ou profesionais, e dispostas tamén a asumir a independencia da institución respecto de calquera poder e de calquera partido, aínda o prezo de obter menos axudas dos administradores dos grandes recursos, públicos ou privados. Isto levounos a un desenvolvemento demorado, pero continuo, mais tamén á preservación estricta dos plantexamentos de partida.

Coherentes con eses plantexamentos ofrecemos a presidencia do Patronato en formación ó único supervivinte da xeración Nós, que fora tamén presidente do Seminario, Don Ramón Otero Pedrayo, quen, coa súa proverbial amabilidade e predisposición ó servicio da terra, contestounos aceptando, malia estar xa moi enfermo. Por desgracia a morte levouno antes da constitución da nosa entidade, e o seu lugar foi ocupado polo herdeiro desa xeración máis relacionado co noso eido de actuación, Xaquín Lourenzo, “Xocas”. No Patronato entraron tamén case tódolos seus compañeiros de xeración, entre os que cabe salientar pola súa adicación ó Museo Don Antonio Fraguas, o seu primeiro director e segundo presidente do Patronato. Tamén prestaron inicialmente o seu apoio, que nalgúns casos continuou, Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Xesús Taboada Chivite, Xosé María Álvarez Blázquez, Antonio Rodríguez Fraiz e outros. Menos Isaac Díaz Pardo, actual presidente, Francisco Fernández del Riego, Avelino Pousa Antelo e Xerardo Fernández Albor, tódolos demais morreron xa, e coido de xustiza lembralos aquí e afirmar que é a eles a quen mellor corresponde o título de bos e xenerosos, así como a outros que, con menos idade, tamén nos deixaron como Xosé Manuel Gómez Vilasó, autor do noso emblema, ou máis recentemente Rafael Baltar, persoa clave na xénese e posta en marcha da iniciativa.

Por suposto tamén entramos os que daquela eramos novos, incluída unha nutrida representación do Colexio de Arquitectos, primeiro motor do proxecto.

Xaquín Lourenzo e Antonio Fraguas foron os nosos mestres maiores. Eles aportaban o seu maxisterio e, sobre todo, o espírito de servicio desinteresado a Galicia. Mais, como xa dixen noutra ocasión nesta mesma sala, non abondaba só co proxecto. Cumpría dispor duns locais acaídos. Por fortuna, a nosa iniciativa foi ben acollida polo Concello de Santiago, que nunha xenerosa cesión de uso confiounos o convento de San Domingos e a súa horta para acoller o futuro Museo. Nesta cesión tivo un especial protagonismo D. Francisco Puy Muñoz, daquela concelleiro de cultura.

Cando entramos por primeira vez aquí, o edificio estaba en pésimas condicións de conservación e ademais era un totum revolutum de usos do máis variopinto: dende un pequeno museo municipal no primeiro andar do lado oeste ás aulas do PPO adicadas ó ensino da albanelería nos baixos do lado norte pasando polo parque de bombeiros ou a sala de ensaios da banda de música. Moitas dependencias estaban cheas de entullos, as cobertas non cobrían, fiestras e portas apodrecían e as vellas trabes de madeira pedían a berros a súa urxente xubilación. Só os grosos muros de mampostería e a nobre sillería tallada de Domingos de Andrade resistían ben ó paso dos séculos e das húmidas invernías de Compostela.

Cecais o espírito mendicante dos dominicos alentaba aínda entre estes muros e reencarnou en nós. En todo caso fomos teimudos, e seguimos a selo, en chamar a tódalas portas, públicas e privadas, opulentas e modestas, de dereitas ou de esquerdas, para pedir cartos, pezas, coñecementos e colaboración. E o balance das respostas, aínda que quen pide ás veces non fica plenamente satisfeito co que lle dan, está á vista. Paseniñamente fomos arranxando o edificio e montando salas e servicios, dende aquelas primeiras que inaugurou o ministro de Cultura Pío Cabanillas o 29 de outubro de 1977. Paseniñamente fomos devolvendo á sociedade en forma de Museo o que a sociedade nos daba en forma de axudas que cremos ter administrado con rigor e honestidade.

E isto foi posible porque, como dixen, dende o principio quixemos crear unha entidade aberta a todos, centrada na afirmación e preservación da identidade colectiva dos galegos, mais alonxada de sectarismos e de instrumentacións partidarias. O noso Patronato é probablemente, pola súa composición, o máis representativo de tódalas entidades análogas xurdidas da sociedade civil galega, tanto no institucional como no social e no ideolóxico, pois nel están presentes o Parlamento e a Xunta de Galicia, as catro Deputacións, as tres Universidades, colexios profesionais, as maiores fundacións privadas e numerosos museos do país. E entre os seus patronos e socios hai xentes de toda condición, profesión ou adscrición partidaria. Este é o noso maior orgullo: demostrar, aínda que sexa a unha escala moi modesta, que é posible unir a todos arredor do que todos sentimos como propio, que é posible facer un país.

Mais non hai país sen identidade. E non hai identidade sen memoria. Nós tivemos a sorte de iniciar a nosa andadura a carón dun dos maiores lugares da memoria de Galicia: a igrexa de San Domingos de Bonaval, que garda os soportes materiais que contribúen a manter viva a lembranza dalgúns dos grandes constructores da nosa identidade e nomeadamente os de Rosalía, Alfredo Brañas e Alfonso Castelao. Ogallá algún día os poderes públicos decidan culminar o empezado polos rexionalistas en 1891 e acaben facendo un auténtico Panteón de Galegos Ilustres coa dignidade que os presentes e os ausentes en San Domingos merecen.

Pero o Museo intenta contribuír á construcción da nosa identidade por ese outro lado, non menos necesario, que consiste en reconstruír e manter viva a memoria, non dos persoeiros, senón do anónimo pobo traballador, que foi e segue a ser a maior parte do pobo. E nese labor aínda nos queda moito por facer.

Por iso non debemos aceptar este premio como unha invitación ó descanso polo conseguido senón como un aguillón para continuar procurando o que resta por conseguir. Ben é certo que os que iniciamos isto xa empezamos a ir vellos e non temos nin con moito as enerxías de antano. Por iso o noso maior reto agora é asegurar o relevo xeracional dentro do Patronato e do Museo para que a obra non morra con nós. Ogallá saibamos facelo en orde e harmonía, cousa que polo visto non é doada.

E ese pode ser o mellor efecto desta distinción que nos dades, por riba do inevitable afago á nosa humana vaidade: dar a coñecer o Museo, difundir del unha imaxe positiva que atraia a quen, máis cedo que tarde, deberán substituirnos. Moitas gracias.

 
[volver ao índice da homenaxe]   [arriba]