Dicíalles
esta mañá que os galegos construímos
a nosa historia co asombro da flor que amañece
e esculpimos o tempo presente e fixémolo
na nosa biografía colectiva, a que
nos dá os segredos da espiga a perfumar
o vento.
Traballamos
a devesa e o val onde o noso ser oula na
fonte.Humanizamos a natureza e a terra humanizada
polos nosos devanceiros fixo da nosa cultura
fértil realidade a inzar a nosa xeografía
e a nosa escrita e podemos ollar hoxe, como
isto nos fixo un dos pobos cultos da Europa.
Nós humanizamos a terra e a terra
deunos a nós humanismo ilustrado
que creo nos define aos galegos.
Cando
ollamos a xeración do museo do pobo
galego, penso que afortunada é a
terra que en cada momento da súa
historia dáse a si propia os mellores
fillos e fillas, para abrir os sulcos e
sementar de novo palabras e percorrer de
novo os eidos e levar na cunca das mans
o manancial das augas máis transparentes,
os valores fundadores do noso ser de Galegos,
para atravesar con eles as Terras da Sombra
camiño da luz desta Nosa Terra Verde.
Ollar a xeración do museo do pobo
galego é ollar a historia da xeración
de moitos e moitas de nós que, coas
máis diversas idades, fundou agrupacións
culturais, editoriais que se deu a si propia,
organizacións veciñais e sindicais
e políticas que vertebraron
o tecido social do noso país, que
alimentou e alimenta hoxe as máis
diversas institucións.
Permítanme
que na xeración do museo do pobo
galego faga xusta homenaxe á xeración
que viviu un país prohibido e froito
do seu humano esforzo de bos e xenerosos,
tantas veces sacrificou brillantes opcións
persoais para se entregar por toda a xeografía
de noso ao traballo, tantas veces anónimo,
de erguer un país alí onde
a conciencia era un corpo ermo ao que tivo
que dotar de ferramentas transformadoras
da realidade.
En
representación desta xeración
do Museo do Pobo galego deles fálalles
o Profesor Fernando Acuña Castroviejo.
|