2005

  30 de abril
    Homenaxe "Os bos e xenerosos" ao Museo do Pobo Galego
    Intervención sobre o Museo do Pobo Galego.
Tucho Calvo (xornalista)
 

Gustaríame atopar unha cita, unha frase, unha expresión imaxinativa que me permitise resumir na estrita brevidade que me pediron a historia da relación do Museo do Pobo Galego cos medios de comunicación con referencia sobre todo aos primeiros tempos deste proxecto que hoxe homenaxea a AELG. Trátase de evocar unha realidade moi diferente á actual, unha época na que o número de medios e xornalistas en Compostela era moito menor có actual. Un tempo no que mesmo a poboación da cidade era sensiblemente inferior e no que a relación persoal podía marcar en maior medida a comunicación.

Debo dicir que non tiven trato co primeiro presidente do museo, con Xaquín Lorenzo Xocas, e que mesmo debín coincidir con el en moi contadas ocasións. Pero ese non é o caso de Antonio Fraguas, con quen falei en infinidade de circunstancias para recibir as máis diversas informacións sobre tantos temas de xeografía, historia, etnografía... que me permitían contextualizar debidamente informacións e reportaxes. A coincidencia de que a delegación de La Voz estivese durante un tempo moi preto da súa casa na rúa Montero Ríos incrementou aínda as ocasións para eses contactos tan enriquecedores para min.

Falo por min, pero penso que se trata dunha experiencia compartida con moitos compañeiros de profesión. A proximidade que sentíamos por un proxecto lanzado por xente moi diversa á que unía un entusiasmo contaxioso, e a accesibilidade da maioría dos sucesivos patróns desta entidade entre os que penso que poido dicir que conto con vellos amigos, facilitaron non poucas veces que aparecesen informacións e que fosen tratadas con cariño.

Naturalmente, se falo desas relacións non poido esquecer a Carlos García Martínez e a María Xosé Fernández Cerviño, rapazolos aínda, que a diario atopabamos cruzando a cidade vella mentres os xornalistas andabamos a facer o que chamabamos o “pateo”, un percorrido diario á procura das novas.
Non, non teño unha frase xenial para resumir isto. Pero como a cousa vai un algo de historia e un pouco de museo, un tanto da actualidade e outro do que permanece, quizais o máis axeitado sexa botar man dunha expresión popular para rematar dicindo: ¡Hai que ver como pasa o tempo!

 
[volver ao índice da homenaxe]   [arriba]