O
Museo do Pobo Galego, fundado
en 1977, constituíu
unha conquista na historia da museoloxía
galega. Na súa concepción,
procuraba un antecedente explícito,
tributario ideoloxicamente, no Seminario
de Estudos Galegos e na súa vocación
de traballo colectivo e interdisciplinario
asentado na conciencia nacional. O
seu Padroado, que comeza a xestarse
en xaneiro de 1976, marcábase
como fins primordiais o educativo,
o científico e o
divulgador; recollía, ademais,
a vella aspiración de contar cun
centro en que se reuniran como conxunto
ordenado e documentado as manifestacións
do quefacer colectivo dos galegos, asumindo
o compromiso explícito
de manter unha presenza activa no proceso
de normalización da cultura galega,
e de reconstrucción da conciencia
colectiva.
Para
tales fins, establecéronse tres novidosas
liñas de actuación: A constitución
dun Padroado, convocando a persoas
que traballaban nas distintas áreas
das ciencias sociais, así coma a
institucións vinculadas á
cultura e ás Administracións
Públicas; os socios,
que contarían con representantes
electivos nos órganos xestores da
institución; e a participación
popular mediante a doazón
ou o depósito de materiais.
En
outubro de 1977 inaugúranse
as primeiras salas. O plano técnico
do Museo, adscrito metodoloxicamente ao
campo da antropoloxía cultural,
organizouse en cinco seccións : Antropoloxía,
Historia, Medio Natural, Ciencia e Pensamento.
A institución, ademais de ocuparse
de coleccionar, catalogar e exhibir
conxuntos de pezas representativas das diversas
manifestacións da cultura tradicional,
auspicia e organiza actividades de debate
e divulgación en torno á
antropoloxía, a historia, a lingua,
a toponimia, a arte popular, ... Asemade,
o Padroado ocúpase da recuperación
patrimonial do Convento de San Domingos
de Bonaval, cedido polo Concello
de Santiago de Compostela en febreiro de
1977 coa condición de rehabilitalo
e destinalo a museo.
A
metodoloxía de traballo da institución
proxéctase en dúas vertentes:
o labor interno de investigación
coa ampla documentación bibliográfica
dispoñible na Biblioteca
(especializada en antopoloxía,
museoloxía e cultura galega e complementada
polo Arquivo Gráfico e Sonoro)
e o traballo de campo.
Ademais, as instalacións contan con
espazos de exposicións temporais,
que acollen regularmente mostras de variada
temática, e coas reservas
visitables onde se custodian os
fondos materiais do Museo.
En 1996, inaugúrase a organización
dos Encontros sobre o Feito
Diferencial Galego, que reúne
os principais especialistas nas diversas
facetas da identidade galega co reto de
expor ante o público xeral os resultados
das súas investigacións. Esta
relación co público, recibe
un impulso decisivo coa creación
e consolidación, na década
dos 90, do Departamento de Educación
e Acción Cultural e o Departamento
de Publicacións.
O
Museo do Pobo Galego parte dunha
concepción dinámica
da cultura, como realidade histórica
que é, receptiva a formas culturais
novas e sometida a procesos de cambio económico,
social e ideolóxico que ocasionan
a transformación ou a perda de moitos
elementos culturais; en consecuencia, tórnase
obrigada a recollida, estudo, documentación,
catalogación e conservación
das formas culturais que chegaron até
nós, conferíndolles,
finalmente, a función de
afirmación e desenvolvemento da existencia
colectiva como pobo e a asunción
consciente da identidade.
Vinte e sete anos despois da súa
creación, o Museo do Pobo Galego
acadou un grao de desenvolvemento que poucas
iniciativas da sociedade civil galega conseguiron,
consolidando o seu proxecto nunha
situación de evolución permanente.
|