Grande
honor é para o que subscribe poder
intervir no acto de entrega do Premio que
a Asociación de Escritores en Lingua
Galega outorga ó Museo do Pobo Galego,
honra pola que sempre quedarei agradecido
ás dúas entidades.
Con
todo, debo facer unha intervención
moi curta e axustada ó tempo e ó
tema que a min me corresponde abordar: resumirei
a visión que ten un profesional museólogo
(en funcións de arqueólogo
e historiador, e igualmente viceversa, como
historiador en funcións de museólogo)
do papel que na museoloxía e na museografía
galega supuxo no seu día a creación
e o desenvolvemento do Museo do Pobo Galego,
papel que, sen dúbida, aínda
desempeña hoxe de xeito senlleiro,
como emblema referente e aglutinador de
moitos esforzos a prol do noso Patrimonio
Cultural.
O
Museo do Pobo Galego (MPG) foi e é
un fito na museoloxía conceptual,
como idea museolóxica global, e así
mesmo na museografia material e formal,
como execución dun proxecto intelectual,
e isto non só na Galicia dos anos
setenta do século XX e aínda
hoxe, senón tamén fóra
do país, algo que puidemos comprobar
en varias ocasións cando falamos
con museólogos e museógrafos
non galegos, dun xeito moi semellante ó
que sucede cando comentamos a existencia,
xa desde comezos dos 80, dun organismo,
non oficial, coma o Consello Galego de Museos
(CGM), nucleado no seu funcionamento -e
mesmamente non é nada casual- arredor
do propio MPG, que coordina esforzos dos
máis importantes centros e profesionais
museísticos (nun amplo sentido) de
Galicia. Non hai como botar a cabeza fóra,
para comprender mellor que é o que
temos ou que é do que carecemos,
e o mundo dos museos, con estes paradigmas
que son o MPG e o CGM, exemplifícao
perfectamente. O noso Museo sobrepasou,
longamente e diríamos que desde os
seus inicios, o concepto “decimonónico”
de museo, e poñemos as aspas porque
non todo o do século XIX foi malo
e porque hai museos e centros en pleno século
XXI sobre os que moito se podería
comentar ó respecto.
O
MPG quería responder, e abofé
que respondeu como Carlos García
Martínez sinalou neste mesmo acto,
ó reto de ser un museo con identidade
e, sobranceiramente, da identidade galega,
realmente o museo dun pobo concreto e determinado
posto no mundo a na historia.
O
MPG quixo responder e respondeu ó
reto de acondicionar un edificio histórico-artístico
que estaba en moi malas condicións
de conservación, con partes mesmamente
arruinadas ou moi derramadas. Isto fíxose
con moitas dificultades, en moitas fases
e, tamén hai que dicilo, con moitas
axudas, propias e foráneas. Aínda
por riba, estaba presente o enorme desafío
de adecuar un edificio complexo para instalación
museística, coa vantaxe de ter un
claustro “ordenador” das salas
e da circulación, pero co grande
inconveniente de non ter todos os espazos
convenientemente habilitados e coa imposición,
senlleira imposición, que a todos
os efectos marcaba e marca a triple escaleira
monumental de Domingo de Andrade.
O
MPG quería responder e respondeu
ó reto de presentar con novas formas
e novos criterios as “vellas”
coleccións etnográficas e,
por extensión e posteriormente, as
de carácter histórico e, en
fin, o mundo da antropoloxía de Galicia.
Non se trataba de expoñer sen máis
e unicamente, de xeito máis ou menos
ordeado, as pezas e os obxectos recollidos,
deposiutados ou doados, moitos deles procedentes
das vellas coleccións do Seminario
de Estudos Galegos, senón de explicar
con eles os sistemas e os modos de produción,
en suma, a vida completa de ducias de xerazóns
galegas, indo desde a materia e o recurso
natural (propio ou importado) deica o obxecto
e o instrumental utilizado. E aínda
este último, tanto no que se refire
ó seu uso puramente formal, práctico
e “económico” coma no
relativo ós procesos simbólicos
e ideolóxicos, e mesmo ás
crenzas, tan importantes todos eles na construción
da identidade dun pobo.
O
MPG quixo responder e respondeu ó
reto de ser un centro “en marcha”,
nunca estático senón dinámico,
e que conste que isto non se consegue só,
como unha parte da sociedade pensa aínda,
cambiando as pezas de sitio ou expoñendo
novos fondos, senón potenciando aquilo
que nos gusta chamar “o corazón
do museo”, os servizos internos sen
os cales nada do que o público ve
sería posible como agora insistiremos,
e así mesmo promovendo innúmeras
exposicións e mostras temporais de
moi diverso carácter, tamaño
e temas, sexan de produción propia
ou aportadas por outras entidades coas que,
tamén é atinado resaltalo,
sempre se procurou unha boa, e en ocasións
certamente estable, colaboración.
Pero
diciamos que para facer todo isto, para
responder a todos estes retos, houbo a enorme
fortuna de contar con equipos humanos dispostos
a facelo, con persoas que nestes máis
de 25 anos de vida do Museo, dedicaron os
seus esforzos, tantas veces impagables e
impagados, para que fora realidade o soño
dos Lorenzo, Risco, Cuevillas, Fraguas,
Taboada e tantos outros. Ese “corazón
do museo” é tan grande que
nel collen, e así debe ser porque
todos son igualmente necesarios, desde as
técnicas (pois foron e son mulleres
na súa maior parte) ata os vixilantes
e convén lembrar aquí que
os estudos de público dos museos
sinalan que estes últimos veñen
sendo a cara, a faciana e a expresión
coa que se quedan os visitantes/usuarios/clientes
destes centros.
O
resultado é, en fin, que o Museo
do Pobo Galego, sendo anovador e mesmo “rompedor”
na museoloxía e na museografía
dos anos 70 e 80 do pasado século
en Galicia, é hoxe recoñecido
como centro “sintetizador” (o
termo utilizado pola lei non semella afortunado
pero pode ser expresivo) do mundo da antropoloxía
de Galicia, como unha referencia necesaria
e indubidable no ámbito dos museos
e coleccións (e non só etnográficas...)
deste país e mesmo doutros ámbitos,
e ó cabo como facho para a continuidade
do Patrimonio Cultural e da Memoria Histórica
de Galicia.
Os
seus problemas, tantas veces causados polo
seu propio crecemento, e as súas
limitacións e posibilidades de mellora
son, ó tempo, o verdadeiro pulo para
estar sempre aberto a innovacións
museolóxicas e, de por parte, actualizado
na súa presentación museográfica
tanto no que se refire ós fondos
como na súa documentación
e a súa presentación e comunicación.
A
proba de que todo isto é certo, dánola
agora, tamén, a Asociación
de Escritores en Lingua Galega con esta
homenaxe que todos, cada un de nós,
cada galego na parte que nos toca, fondamente
agradecemos.
|