2005

  30 de abril
    Homenaxe "Os bos e xenerosos" ao Museo do Pobo Galego
    Intervención sobre o Museo do Pobo Galego.
Carlos García Martínez (Director do Museo do Pobo Galego)
 

Obrigado é que estas miñas primeiras palabras sexan de gratitude para a Asociación de Escritores en Lingua Galega por ter concedido a distinción de “Os bos e xenerosos” ao colectivo que é o Museo do Pobo Galego, no que figuraron e figuran tamén relevantes escritores.

Agradecer este recoñecemento público e corresponder a el, como é propio da gratitude. Neste punto ben sabe a Asociación que esta que nos acolle é tamén a súa casa.

Para min este agradecemento ten especiais connotacións, por canto aquí iniciou a súa andadura a Asociación, e na mesma tiven a honra de participar. Lembro naquelas precarias instalacións as primeiras xuntanzas que deron paso á súa constitución formal en maio de 1980. Só tres anos despois da inauguración deste Museo. Tensas en moitas ocasións, pero abertas e lúcidas. O máis escolleito dos nosos creadores, os consagrados de par dos neófitos, hoxe moitos deles magníficos escritores, en fraternal asemblea. No fondo e sempre como referencia, o papel do escritor na construción nacional do país.

Hai entre as dúas institucións certo paralelismo. Ámbalas dúas naceron como froito de iniciativas da sociedade civil. Ámbalas dúas nordearon a súa existencia á defensa de Galiza, asumindo o compromiso coa súa realidade, mantendo unha presenza activa no proceso de normalización cultural e cunha aposta decidida pola validez da lingua para expresar todos os contidos desa cultura.

Parabéns, pois, por celebrar a esta altura do camiño este acto de irmandade.

Na mañá outonal e soleada do 28 de outubro de 1977 abríanse as primeiras salas do Museo. Foi, certamente, un día de satisfacción para todos os que concorremos a impulsar a institución, e moi singularmente para aqueles que militaran nas filas do vello Seminario de Estudos Galegos que, xunto co seu transcendente labor científico e cultural, formara un museo etnográfico no que tanto se tiñan significado Xaquín Lorenzo e Antonio Fraguas, gonfaloneiros agora do novo museo.

Pero para algúns aquela grata xornada foi tamén de preocupación, polo compromiso e a responsabilidade que defrontaba a empresa. O proxecto agromara; había a tal hora que alicerzalo e desenvolvelo de acordo coas liñas programáticas que o padroado reitor do centro entendeu que habían definilo.

A dimensión do reto era evidente. Mais aquí o paradigma do Seminario de Estudos Galegos valeu de eficaz estímulo. Partiamos abeirados polo seu exemplo, que se facía presente a cotío no consello e no traballo que compartiamos, cóbado con cóbado, cos superviventes daquela histórica institución.

Creo que foi o espírito do Seminario o que transmitiu os azos para arrastrar as dificultades e atrancos, non poucas unhas e abondosos os outros, que demarcaron o percorrido do Museo.

En 1930 o SEG presentaba o seu museo etnográfico, instalado no Salón Artesoado do pazo de Fonseca, onde tiña a súa sede.

Aquel incipiente museo foi todo un referente. Como se auguraba polo Nós, había ser “a máis firme e significativa executoria da persoalidade de Galiza; un moimento eterno ao pobo galego como criador e como traballador”. E así sería sen a catástrofe da guerra. Case cen anos mediaban entre as primeiras tentativas vencelladas ao proceso de recuperación cultural da identidade común, para a creación dun centro que recollese a nosa historia e cultura tradicional, e a realidade humilde, pero tanxible, do museo etnográfico de Fonseca. Atrás quedaban ideas e propósitos que foron desabregando o camiño dun acariñado proxecto que se incluía nas formulacións rexionalistas primeiro e nacionalistas despois.

Unha institución deste tipo entendíase necesaria para afirmar a consciencia de comunidade a través da historia, dos costumes, das formas de traballo, da arquitectura, dos usos xurídicos, das crenzas que, en suma, configuraban unha entidade colectiva específica e diferenciada.

O discurso sobor do seu rol como medio de reivindicación é unha das cernas dos textos seminais da historiografía da segunda metade do século XIX e que se resume de forma concluínte no aserto de Murguía: “querendo levantar un pobo, preciso era que se coñecera ben e pronto. A isto dirixíronse todos os esforzos”.

Varias foron dende 1858 as ideas, iniciativas, tentativas e nomes empeñados na tarefa. Non obstante, agás a do Seminario, ningunha destas rematou na tan desexada creación dun centro museístico deste tipo.

Pasada a guerra, de novo aparecen chamadas de atención sobor da perda da cultura propia e as invitacións a recoller os seus elementos máis significativos.

Non obstante de todas estas experiencias históricas que tiñan por obxecto o coñecemento, estudo e preservación do patrimonio cultural de Galiza, debíanse tirar ensinanzas, e así o expresaba o Padroado do Museo do Pobo Galego facendo referencia explícita ao espírito do Seminario de Estudos Galegos como primeira acción de amplo alcance e claro exemplo neste sentido.

Paseniñamente, con perseveranza, foise dando forma a unha institución que emerxía pola forza da demanda intelectual, reiteradamente expresada, como queda dito, desde os momentos inaugurais do galeguismo. Nos impulsores estaba moi presente, e así se di no chamamento que se fai á sociedade galega en decembro de 1975, a situación crítica que estaban a vivir as culturas tradicionais. “É innecesario subliñar – afirmábase – a extraordinaria riqueza do país galego en todos os seus eidos culturais, así como a aceleración crecente do proceso de cambio económico, social e mais ideolóxico que anda a facerse nos últimos anos e que provoca o estrago ou a fonda transformación dos riscos fundamentais desa cultura que, de non recollerse axiña, perderase sen remedio”.
Consecuentemente, o Museo comezaba o seu camiño cuns obxectivos moi definidos, marcados pola investigación, estudo, difusión, conservación, defensa e promoción da nosa tradición cultural, que confería ao pasado unha autoridade transcendente e parte funcionalmente necesaria da sociedade. Debería ser unha entidade que superase o ámbito museolóxico tradicional, que estudase aquela tradición cultural, que a divulgase, e igualmente debería salvar aqueles aspectos éticos, sociais e materiais que non impedisen a dinámica cultural, senón que, pola contra, a enriquecerse.

Para o cumprimento destes propósitos era primordial a presenza e implantación na sociedade. Precisábase da comprensión, do esteo e da participación popular, ou non se acadaría o núcleo máis definidor e esencial da obra. En suma, precisábase da forza do recoñecemento social.

Eis, posiblemente, un dos desafíos capitais a resolver.

Os presupostos devanditos apuntaban cara á creación dun museo da identidade, un lugar da memoria co cometido de conservala, pero tamén de transmitila. E para isto é preciso procurar que os receptores o asuman como un dos espazos depositarios desa memoria colectiva e, como tal, apropiado para a súa construción e transmisión social.

Este é o empeño fundamental que, pouco a pouco, hai que ir alcanzando. Xunto á preocupación polo cumprimento dos seus fins de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos, a acción social é para o Museo do Pobo Galego obxectivo prioritario.

Case trinta anos é tempo abondo, mesmo na vida das institucións, para podermos reflexionar sobor da laboría feita e tamén para enxergar o seu porvir inmediato. A traxectoria até hoxe é só un treito do camiño, significativo se se quere, mais a súa análise con ollada crítica desvela tamén eivas evidentes que hai que corrixir e aspectos a ampliar e cubrir. Ao cabo, experiencia a ter en conta para o mañá e que valerá para achegármonos aos fins fundacionais dos que non se ten abdicado nesta singradura, como tampouco da liberdade e independencia da institución.

Queda moito traxecto para dar cimo ao ideario tracexado en 1976, que certamente non poderá abranguerse se non se acomete a empresa como unha tarefa colectiva ao servizo dun pobo e dunha cultura.

Pero, a máis, as formulacións que dun tempo a esta parte se están a xerar nos eidos da antropoloxía, da historia ou da museística aportan interesantes perspectivas verbo da problemática das identidades, da construción social da memoria, da patrimonialización das herdanzas culturais que fan abrollar especiais funcións nos museos.

Novas concepcións metodolóxicas e novos valores instrumentais poden permitirlles afondar nun discurso lícito para facer unha arma crítica do patrimonio e da valorización da diversidade cultural fronte aos impactos do marco globalizador e homoxeneizador que singulariza este noso tempo.

Os museos, como institucións integradas nas sociedades en que asentan e polo patrimonio que preservan, estudan e comunican, entendido este como conxunto de elementos culturais materiais e inmateriais, e como depositarios da memoria histórica e da tradición, son axentes apropiados para crearen as adecuadas referencias simbólicas de cara á compenetración das comunidades con aquelas e axudar así á normalización cultural en países que precisan consolidar a súa conciencia social identitaria. E todo isto hai que telo moi presente nos lugares da memoria que son, en definitiva, os museos de sociedade.

Este, como outros máis en Galiza, debe contribuír co seu labor a que a comunidade asuma conscientemente a súa memoria histórica e a súa tradición cultural. Ten que promover a especificidade que nos caracteriza como nós, axudando a crear a necesaria identificación dos galegos coa súa personalidade colectiva e, ao tempo, mostrar esta para que sexa recoñecida polos outros, alentando a convivencia do propio co alleo, reflectindo así a diversidade cultural e tendo moi presente que a identidade non é unha “esencia inmutable”, senón unha construción social, un proceso de redefinicións continuas no cadro das respostas ao diálogo entre o nós e o outro.

E, xa voltando ao comezo, certo é que nos anos transcorridos superáronse alguns dos retos que nos desacougaban. Outros continúan e outros máis viñeron agregarse. Uns, e non poucos, creados pola propia dinámica interna, aos que hai que engadir os procedentes do revisado eido da museoloxía, como os problemas que a patrimonialización entraña, os riscos dunha museificación magnificada, os mitos da autenticidade e a pureza, etcétera. Pero tamén os que se derivan da demanda da sociedade na que se insire no que atinxe ao papel que debe desenvolver nos tempos de cambio nos que estamos inmersos. Retos inéditos que encarar e que precisan dun anovamento dos azos que compartimos ate agora con egrexios mestres e compatróns xa ausentes e de saudosa lembranza para proseguirmos na laboría iniciada de configurar un espazo que albergue a memoria do pasado, pero tamén un lugar que axude a construír unha memoria de acción.

Remato xa, e permitídeme que o faga parafraseando uns versos, resposta dun poeta consagrado a un xove poeta, de Constantin Kavafis, quen resoou con forza nos anos setenta, cando esta institución iniciaba con ardido paso a súa particular viaxe:

Feliz e orgulloso deberas sentirte
de estar no primeiro chanzo.
Ter chegado até aí
non é ningún pequeno logro.

 
[volver ao índice da homenaxe]   [arriba]