GRATITUDE
Diante
desta homenaxe que me facedes, quero manifestarvos
a miña fonda gratitude por este agasallo
que interpreto como felicitación
polas miñas recentes 90 primaveras
cumpridas o pasado 14 de maio; pero desto
non debo presumir, porque penso que a lonxevidade
é mais producto xenético ca
mérito persoal.
De todos modos, eu son un mais dos sobreviventes
dunha xeración truncada pola Guerra
Civil que a moitos lles custou a vida e
a outros, coma min, nos roubou os mellores
anos da nosa vida, en plena xuventude, unha
xuventude ilusionada, que pensaba que tiña
nas súas mans a mellora material
da nosa Terra.
No libro do meu veciño e amigo Amancio
Liñares Giraut, titulado Conversas
con Avelino Pousa Antelo. Memorias dun galego
inconformista, libro que fai o número
77 da serie Documentos de Edicións
do Castro, publicado en 1991, nun limiar
digo:
"Aínda
que coido que a miña vida non é
importante, polo menos no eido do diñeiro
ou do poder, nembargantes tocoume ser testemuña
de feitos destacados da historia contemporánea
de Galicia e coñecer algúns
dos homes mais importantes da vida política
e cultural do noso tempo."
Por iso, e polos momentos dramáticos
que me tocou vivir, penso que pode ter certo
interese contalos, aínda que soamente
sexa para que sirvan de escarmento para
que nunca máis se volvan repetir
no noso país os acontecementos que
eu mesmo padecín.
Testemuños, pois, e ¿por que
non dicilo?, tamén opinións
sobre moitos dos feitos e dos homes do meu
tempo, algúns dos cales quizais non
resulten moi ben parados na miña
apreciación.
Pero teño unha teima e un deber para
comigo mesmo e para coa miña Terra
e coido que non debo calar, aínda
que só sexa para quedar a ben coa
miña conciencia. E quizais tamén
para dar un exemplo á nosa mocidade
e tentar vencellala á tarefa que,
como galegos, a todos nos afecta e obriga:
a de loitar sen acougo pola mellora material,
cultural e social da nosa Terra e da nosa
xente.
Porque a triste realidade é que temos
un país cheo de graves problemas
que sempre estamos a dicir que non poden
agardar máis e, non obstante, seguen
agardando, sobrevivindo contra todo prognóstico,
manténdose contra toda lóxica
en moitos casos.
Temos un pobo alleado, manexado, domesticado
por vellas estructuras caciquís.
Un pobo que, tendo unha acusada personalidade
histórica e cultural, ten nembargantes
unha insuficiente e feble conciencia da
súa identidade.
Desenvolve-la conciencia da galeguidade,
trocándoa en compromiso social e
político, foi un dos mais fortes
degaros da miña vida.
Troca-la nosa comunidade deprimida noutra
culturalmente liberada, loitar para que
o noso atraso económico e cultural
sexa superado para conseguir unha Terra
máis libre, máis culta e máis
dona dos seus destinos, foi a grande ilusión
que encheu os mellores anos da miña
vida, e quero que esta sexa a miña
mensaxe cara á nosa xuventude, que
debe aspirar ó protagonismo de crear
un futuro mellor para si mesma e para tódolos
galegos e galegas.
Atopa-lo equilibrio entre a natural ambición
de calquera ser humano dentro dunha ética
vital, foi quizais o mellor da miña
vida.
Cecais debo resaltarvos os momentos cruciais
da mesma:
O
nacemento nunha aldea barcalesa, a escola,
o Seminario, a asistencia ó "Mitin
de Promoción Galega" no Teatro
Principal de Santiago, onde falaron Antón
Vilar Ponte, Álvaro das Casas, Carballo
Calero, Valentín Paz Andrade e Alfonso
Daniel Rodríguez Castelao, que me
marcou de por vida...; foi o 10 de maio
de 1931.
Os
horrores da Guerra Civil...
O
franquismo; o meu refuxio foi a bohemia
e poesía.
A
Escola Agrícola da Granxa de Barreiros,
a etapa máis ilusiónante e
creativa da miña vida...
Mestre
e técnico do Laboratorio do Cabildo
Insular de Tenerife no barrio da Perdoma,
do Concello de La Orotava.
Logo,
seis anos en Zaragoza, onde dirixo unha
empresa gandeira e fago os estudios de Xerente
de Empresas Cooperativas.
Volta
a Galicia en 1970 destinado ó Grupo
Escolar de Pontecesures ata a miña
xubilación.
Din que os romanos marcaban con pedras brancas
os feitos positivos das súas vidas.
Para min o día de hoxe debería
marcalo cunha pedra moi grande, con un pedrón...
curiosamente o nome dunha entidade á
que me honro en pertencer hai anos.
Debo
citar tamén aquelas reunións
que faciamos neste mesmo Museo do Pobo Galego
e das que naceu a nosa asociación
de Escritores en Lingua Galega, que me agasalla
con esta homenaxe, e onde me sinto arroupado
por todos vós, un grupo de amigos
que me facedes sentir unha fonda emoción
e agradecemento, polo que vos dou as máis
sentidas gracias, moitas gracias ...
¡Non
sabedes o grato que é dárvolas!
|