Luís
Lamela

Naceu en Corcubión no ano 1945, estudou o Bacharelato na Fundación Fernando Blanco de Lema, en Cee, e na Escola Oficial de Náutica da Coruña, cunha bolsa da Fundación Barrié de la Maza, e tamén na UNED. Estivo traballando algún tempo na Mariña Mercante e nun barco de cruceiros turísticos pola zona do Caribe e polas costas canadenses e de Alasca. Despois, durante 35 anos desenvolveu as súas actividades profesionais no sector financeiro galego desempeñando diversas responsabilidades como xefe dos departamentos de Depositaría de Fondos de Inversións e Pensións ou do de Central de Desconto, e, finalmente, dentro da División Operativa de Caixa Galicia, a da Subdirección de Servizos Operativos, nos servizos centrais da Coruña, así foi tamén concelleiro da empresa COINSA (Conexiones Informáticas de Galicia, S.A.), do Grupo Corporación Caixa Galicia.

Luís Lamela foi un dos pioneiros na restauración histórica da memoria do franquismo e o antifranquismo en Galiza desde unha actividade investigadora que comezou no ano 1987. O seu primeiro libro foi o titulado Pepe Miñones: un crimen en la leyenda (1900-1936) no ano 1991. Posteriormente publicaría Foucellas. El riguroso relato de una lucha antifranquista (1936-1952) no ano 1992; Inmolados Gallegos. Alexandro Bóveda, Víctor Casas, Telmo Bernárdez, Adrio Barreíro..., en 1993; Crónica de una represión en la 'Costa da Morte', en 1995; Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión, en 1998.­ A Coruña, 1936. Memoria convulsa de una represión, no ano 2002; 1936, la 'Cruzada' en Compostela. La guerra civil y la represión franquista en los documentos policiales y militares, en 2005 e Un monumento en el Campo da Rata. Razón y génesis, en 2006, e por último, no ano 2008: A represión da Masonería viguesa. Asasinados, encarcerados, extorsionados, depurados, exiliados, inhabilitados..., e no 2009, Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón.

Ademais da súa extensa bibliografía, colaborou tamén en periódicos e revistas especializadas como La Voz de Galicia ou El Ideal Gallego, Unión Libre ou Anuario Brigantino, participando tamén en charlas, congresos, seminarios ou mesas redondas sobre a temática da represión en Galicia, e tamén como Asesor do Proxecto Interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares". Foi membro da Comisión Municipal de Aplicación da Memoria Histórica, asesora da Comisión de Honores e Distincións, do Concello de A Coruña, para a retirada da simboloxía franquista na cidade.

No ano 2006 foille outorgado na súa comarca de orixe, a Costa da Morte, o prestixioso galardón "Faro Nerio", pola súa actividade de recuperación da Memoria Histórica daquela zona e por ser "pioneiro na restauración histórica da memoria do franquismo e do antifranquismo en Galicia", desde unha actividade investigadora que comezou no ano 1987. Cinco anos despois foille otorgado tamén o "Premio de honra Radio Nordés-Cadena SER 2011", pola súa achega á Memoria Histórica galega. E, para rematar, no ano 2017 foi galardonado na categoría do "Premio de investigación e divulgación histórica", da Fundación Luis Tilve, de Santiago.

[Outubro, 2018]