Xosé
Iglesias

Nado en Cee en 1974, Xosé Iglesias Lamela é un mariñeiro da Galiza. Un mariñeiro que ten o seu cerne primario na mesma Costa da Morte, nos mares de Fisterra e na Ría de Cee e Corcubión. Tamén capitán de pesca que deixou eses grandes navíos e mares oceánicos do Gran Sol e Rockall para surcar dende hai trece anos no seu pesqueiro, o “Primero Villar”, o mar coruñés de María Antonia.

No ano 2014 sae a luz o seu primeiro poemario mariñeiro, Transfusión Oceánica, que publica na editorial Caldeirón.

No 2016 é premiado na novena edición dos premios de poesía Victoriano Taibo por A Relixión do Mar, que vén sendo toda unha homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros a este anaco de océano.

Xosé Iglesias antes que nada é un lobo de mar, un home que sente ben de perto o seu oficio e que é capaz de trasladalo ao público mediante a escrita. Todos os mariñeiros son poetas, só que a maioría non o saben. A poesía no mar pode ser simplemente intentar transcribir a liña do horizonte ao papel, ou xirar o lápis no sentido das agullas dun reloxo ou no contario, según ese día sopren os ventos do anticiclón ou as borrascas.

[Agosto, 2017]